Chamamento do PCTG á clase obreira ante o 1º de Maio



O Partido Comunista dos Traballadores da Galiza chama a todos os traballadores e traballadoras a mobilizarse o próximo 1º de Maio, secundando masivamente as manifestacións convocadas polas centrais sindicais de clase con motivo do Día Internacional dos Traballadores.

Vivimos tempos difíciles que demandan iniciar un novo ciclo de loita

Tras varios anos de crise económica, os nosos dereitos retrocederon gravemente. As sucesivas reformas laborais, aprobadas polos gobernos do PSOE e do PP, co apoio doutros partidos capitalistas, supuxeron unha grave deterioración das nosas condicións de vida e traballo. Ao mesmo tempo que se manteñen altas taxas de paro, a capacidade adquisitiva dos nosos salarios cada vez é menor. Unha gran parte dos traballadores e traballadoras do Estado español atopámonos en risco de pobreza, mesmo cando temos un posto de traballo.

Están a xeneralizarse os salarios de miseria ao mesmo tempo que un pequeno puñado de familias continúa acumulando unha inmensa cantidade de riqueza arrebatada á clase obreira. A riqueza acumúlase cada vez en menos mans, mentres retroceden os dereitos sociais máis básicos, como o ensino, a sanidade ou o dereito á xubilación.

Só saíron da crise os capitalistas, que xa preparan unha nova ofensiva.

Con independencia de que partido ou coalición de partidos capitalistas estea no Goberno, as nosas condicións de vida e traballo continuarán empeorando. Porque tanto a xestión socialdemócrata como a liberal, son formas de xestión capitalistas, formas de xestionar a nosa explotación baixo os mandatos da Unión Europea, respondendo única e exclusivamente aos intereses das grandes empresas.

Ademais, todos os indicadores económicos anuncian que está incubándose unha nova crise capitalista na que tratarán de arrebatarnos os poucos dereitos con que aínda contamos. Con esa intención, os grandes capitais apoiaron o crecemento de forzas políticas de extrema dereita como Vox, que representa un programa de máximos dos patróns e que, até a data, contou coa complicidade do PSOE, tal e como comprobamos ao longo da última campaña electoral.

No capitalismo non hai saída para os traballadores e traballadoras

Durante décadas o PSOE e o PP foron turnándose no goberno, empeorando as nosas condicións de vida. Todos lexislaron na nosa contra, todos nos arrebataron dereitos. Non temos o menor futuro no marco do capitalismo, dun sistema que se basea, precisamente, na nosa explotación.

Debemos recuperar a nosa independencia política e ideolóxica. Debemos levantar un programa político no que estean representados os intereses da clase obreira e do conxunto dos traballadores e traballadoras. Debemos loitar por un país para a clase obreira, por un país no que o poder real estea nas nosas mans, por un país socialista-comunista. E iso pasa, en primeiro lugar, por fortalecer a organización sindical e política da clase obreira.

Organicémonos nos centros de traballo

O Partido Comunista chama aos traballadores e traballadoras a defender o sindicalismo, afiliándose e participando masivamente nos sindicatos de clase. Á patronal estórbanlle os nosos dereitos sindicais, estórballe a nosa organización e, por iso, leva anos atacando aos sindicatos. Debemos responder con urxencia defendendo os nosos dereitos sindicais, o dereito á folga e a negociación colectiva. Só así seremos máis fortes, só así poderemos frear a ofensiva da patronal e conquistar novos dereitos.

Pero a organización sindical non basta. A clase obreira necesita a súa propia organización política. Os traballadores e traballadoras necesitamos levantar de novo un gran Partido Comunista que estea presente en todos os centros de traballo. Por iso, chamámoste a fortalecer as filas do PCTG, a organizarte no Partido e levar a súa política ao teu centro de traballo.

A clase obreira é internacional

Neste 1º de Maio, o Partido Comunista dos Traballadores de Galiza, como parte do movemento comunista internacional, saúda a loita da clase obreira de todos os países. Manifestamos o noso compromiso internacionalista proletario coa loita que os nosos irmáns e irmás de clase libran en todos os países e reafirmamos a nosa posición antiimperialista, chamando a loitar contra os plans de militares da Unión Europea, contra a OTAN e contra toda forma de agresión imperialista.

Vimos de lonxe, e chegaremos aínda máis lonxe co teu apoio.

Viva a loita da clase obreira!
Viva o 1º de Maio!
Proletarios de todos os países, unídevos!