Ástor García: “É necesario que volva haber un gran Partido Comunista”

Unha vez superado o ecuador da campaña electoral charlamos con Ástor  García, candidato do PCTE, para coñecer o seu punto de vista sobre algunhas cuestións relacionadas coa campaña electoral e os posibles escenarios que se perfilan para o próximo 28 de abril.
Até o momento que tal está a ir a vosa campaña electoral?
Os procesos electorais de abril e maio estamos a enfocalos principalmente a dar a coñecer o Partido, a que se faga recoñecible nosa sigla para cada vez máis persoas. Polo momento este obxectivo está a cumprirse de forma satisfactoria, estamos a dar grandes pasos e coñecendo a moita xente interesada en axudar de diferentes formas ao PCTE. A coincidencia de parte da campaña con períodos vacacionais fixo que a primeira semana fora un tanto peculiar, pero está claro que durante esta segunda semana se aceleraran as cousas. Tiñamos programados multitude de actos e están a saír bastante ben en xeral.
Dis que estades a dar a coñecer o PCTE, pero supoño que non é o voso único obxectivo durante esta campaña.
Certo, a nosa presenza nas campañas electorais sempre teñen varios obxectivos, pero o primeiro e fundamental é que se nos coñeza e que o Partido creza. Sempre dixemos que os períodos electorais teñen unha virtude, que é obrigarnos a desenvolver campañas políticas sen que nós mesmos marquemos os tempos, polo que serven para detectar en que tarefas necesitamos traballar mellor, en que territorios estamos máis frouxos, que aspectos do noso discurso se entenden peor… En definitiva, se nos condensa en 15 días un traballo que noutras condicións nos levaría meses. Se ademais tes en conta que en 2019 temos seguidos varios procesos electorais, o desafío xa é enorme, tendo que conxugar a tarefa política propiamente dita co traballo burocrático, que é sumamente penoso. Por iso é necesario recoñecer o gran traballo que está a realizar a militancia do Partido e dos Colectivos da Mocidade Comunista, que está a afrontar tarefas burocráticas e políticas ao mesmo tempo e a quen lle estamos esixindo un esforzo considerable en moi pouco tempo.
O pasado día 6 de abril realizastes un mitin internacional que encheu o Ateneo de Madrid. Que valoración facedes diso? 

O Ateneo de Madrid é un lugar emblemático e enchelo até o punto de ter a xente de pé e nos corredores de entrada foi moi emocionante. Non podo pensar nunha mellor forma de presentar a sigla PCTE: nos mesmos salóns onde os delegados da Internacional, procedentes de México, mantiñan reunións con dirixentes socialistas para crear a primeira sección española da Internacional Comunista, a escasos metros de onde esta se fundou baixo o nome Partido Comunista Español en 1920, con presenza de delegacións internacionais moi apreciadas e coas intervencións combativas de varios representantes de comités de empresa que pon carne e óso a iso que chamamos sindicalismo de clase. 


Creo que neste acto de presentación deixamos moi claras as coordenadas en que se move o Partido: somos herdeiros da loita comunista que se foi desenvolvendo desde 1920 en España, moi estreitamente vinculada á Internacional Comunista, primeiro, e á Unión Soviética despois; somos o único Partido español que participa en todas as instancias do Movemento Comunista Internacional, somos un Partido con estreitos vínculos coa clase obreira que loita nos centros de traballo e estamos dispostos a asumir, sen complexos, a tarefa revolucionaria que corresponde aos partidos comunistas. Todo isto quedou claro o día 6, pero ímolo a seguir facendo ver a diario.
Na convocatoria dese mitin figuraba o lema “De novo Partido Comunista”, con todo, hai distintas forzas en España que se reivindican comunistas ou herdeiras do comunismo, concorran ou non ás eleccións. A que obedece o voso lema entón?
Este lema está moi ben exposto porque resume de onde vimos e o que queremos ser. A maioría traballadora do noso país necesita que volva haber un gran Partido Comunista en España, capaz de expor e defender unha posición propia e independente das doutras clases sociais. Manter durante máis tempo a maioría traballadora subordinada aos intereses da patronal – que é o que na práctica expoñen os partidos parlamentarios, os partidos capitalistas – supón, entre outras cousas, manter un modelo económico, político e social que fai posible que en Barcelona a esperanza de vida sexa 11 anos maior nos barrios ricos que nos barrios obreiros. En Madrid esta cifra é 7 anos. O capitalismo condénanos a un auténtico xenocidio social que non se vai deter coas tiritas e a auga osixenada que propoñen as distintas versións da socialdemocracia.

Por iso, e dado que no noso país hai quen, dicíndose comunista, renuncia ao seu papel e opta por venderse por sillóns aos partidos capitalistas, fai falta que alguén expoña abertamente que as leis non se fan para favorecer a maioría traballadora, que a riqueza deste país a xeramos os traballadores e que, por tanto, debe ser xestionada por nós mesmos, e que non hai ningunha esperanza en reformar un sistema capitalista que fai augas por todas partes, que segundo onde nazas pode ter moi boa pinta pero que en realidade é incapaz de asegurar unhas condicións de vida dignas para a poboación.
Entón, cando falades de “un país para a clase obreira” falades dun país socialista?
Claro. Un país no que os intereses que rexen a sociedade son os da maioría traballadora non pode ser outra cousa que un país socialista-comunista. Pero ese país hai que empezar a construílo dalgunha maneira, non vai facerse realidade por moito que o desexemos se non pomos os medios concretos para iso. Por iso é polo que queremos ofrecer, no terreo electoral, uns materiais moi sintéticos, onde expomos varias medidas concretas e inmediatas para pór ao país nun rumbo diferente a través da loita, para facer que os intereses que primen sexan os da maioría obreira e popular e non outros.
Pero credes que España podería chegar a ser un país socialista pola vía electoral?
Non, rotundamente non. Pero durante a campaña estamos a falar de cousas que só poderían pasar se a clase obreira cos comunistas á fronte estivese no poder. Pensamos que se pode adiantar a idade de xubilación, en lugar de atrasala, pero cos partidos capitalistas non é posible. Pensamos que se poden nacionalizar sectores como a banca ou a enerxía de forma inmediata para paliar problemas graves que ten a nosa clase, pero a iso opóñense todos os partidos capitalistas. Pensamos que se deben prohibir as casas de apostas, que son un auténtico cancro nos nosos barrios, pero os capitalistas só se atreven a pedirlles que se afasten das escolas. Pensamos que se debe reindustrializar o país, pero os capitalistas, se falan do tema, só conciben que haxa industria con capital privado, porque a súa querida Unión Europea lles sancionaría se a algún se lle ocorrese recuperar Sidnenor ou Ensidesa, claro…
Por que no voso programa non propondes unha cantidade concreta para o Salario Mínimo Interprofesional?
Porque é un debate tramposo o que se creou. Parece que a cifra que agora xera consenso entre as forzas da esquerda capitalista son 1.200 euros. Se non lembro mal, en 2015 e 2016 nós levabamos esa cifra no programa, pero xa entón tivemos un bo debate antes, durante e despois da campaña electoral, que é o que hoxe nos levou a non pór ningunha cifra concreta, pero si a expor nos nosos mitins e a quen nos pregunta o seguinte: pode unha familia de 4 membros vivir dignamente en Madrid ou en Barcelona con 1.200 euros? Porque a trampa nestes debates sobre o SMI é que non se teñen en conta as condicións de vida e o custo da vida. Porlle unha cifra ao salario mínimo, pero non abordar a fondo o tema da vivenda, do transporte, da xornada laboral, do desmantelamento dos servizos públicos, da privatización da sanidade e a educación, da cuestión das pensións, é un engano á maioría traballadora. 

O problema é que todos estes asuntos están indisolublemente ligados á cuestión do poder. Á cuestión de que clase está no poder. A nosa convicción é que, gañe quen gañe as eleccións, o poder vai seguir estando en mans dos capitalistas. Capitalistas que, por certo, fregan as mans con que boa parte do discurso político dos partidos parlamentarios pivote sobre a Constitución, ou máis ben sobre os artigos desta que máis lles gustan a uns ou a outros… ao final todos están a falar sobre a mesma norma que serviu para consagrar e estabilizar o modelo capitalista español. Bótase en falta un pouquiño máis de valor nalgúns á hora de abordar o tema da Constitución, a verdade, sobre todo de quen nos vendía a moto do rupturismo fai non moito…
Un dos asuntos que está a marcar esta campaña é a entrada en escena de Vox. Como valorades o crecemento de Vox e as propostas que están a realizar?
Creo que o máis honesto é dicir que Vox non “entra” en escena, senón que o meten” en escena. A súa presenza é tremendamente útil para certos sectores. A socialdemocracia frega as mans ao atopar o campo máis conservador tremendamente dividido, o que nun sistema electoral como o español beneficia ao PSOE. Pero é unha carta perigosa, porque favorecer a Vox significa popularizar propostas que até hai nada nin sequera se atreían a colocar os partidos máis claramente burgueses. 

Dixemos varias veces xa que Vox representa o programa de máximos da burguesía española. Din o que moitos sectores da patronal pensan, pero non se atreven a dicir. Piden que se liberalice todo o solo dispoñible, piden rebaixas radicais de impostos sobre a renda e o capital, fomentan a entrada masiva do capital privado nos servizos públicos, atacan o dereito á folga… E a este programa ultraliberal súmanlle un discurso chovinista e nacionalista que é froito do crecemento das tensións territoriais entre sectores burgueses. Veremos até onde chega realmente o apoio a este partido o 28, pero o certo é que á socialdemocracia veulle moi ben para facer a enésima apelación ao voto útil e á “unidade da esquerda” levantando a bandeira do medo provocado por un inimigo ao que eles mesmos están a dar ás.
Certamente ese discurso da unidade está a se manexar durante a campaña…
Si, se te fixas, é típico que nas campañas electorais españolas nas que o PSOE participa desde o goberno, xurdan dúas mensaxes principais. Un é que o presidente do PSOE é un inútil e un perigo para a sociedade enteira. Outro é que hai que votar contra a dereita (en número e gradación variable, claro). Ambos son tremendamente perigosos porque supoñen un engano masivo á poboación. Apélase ao medo para votar. Ao irracional. Así nos loce o pelo, claro…

No que a nós respecta, o discurso da “unidade da esquerda”, ou agora da “unidade antifascista”, é un camelo que só persegue manter o papel hexemónico do PSOE entre a maioría traballadora, seguir sostendo que o capitalismo é o único sistema posible e fagocitar a calquera forza á súa esquerda que se preste a ese xogo. Nós xa dixemos con claridade que a unidade que queremos se dá nos traballos e nos barrios, nas loitas, pola base, que é precisamente onde eles non a queren porque se lles verían doadamente todas as súas contradicións. E tamén dixemos rotundamente que non queremos ningunha unidade con quen tan só aspira a xestionar o capitalismo, con quen non cuestiona a Unión Europea nin a pertenza do noso país á OTAN, nin cos responsables da desindustrialización e das reformas laborais… Creo que máis claro non podo ser.
Que opinas sobre os debates televisados que está a haber?
Que non valen para nada porque a clase obreira está ausente. Os intereses da maioría traballadora están ausentes. Discútese sobre medidas para mellorar o capitalismo, non sobre como acabar co capitalismo. Escenifícanse disputas e pécase de histrionismo para que non reparemos en que están a dicir practicamente o mesmos uns e outros, con matices froito do seu maior ou menor radicalismo dentro do capitalismo. 
Por outra banda, déixame que diga unha cousa sobre a formulación do tema electoral en España. Este sistema está baseado en favorecer sempre ao grande, ao que xa ten representación, por tanto, é discutible que o resultado sexa representativo de nada. 

Nós, a pesar de todos os impedimentos legais, como a recollida de avais esixida só para os que non temos deputados ou senadores ou o funcionamento medieval das xuntas electorais, onde o que vale nun sitio non vale noutro e cousas polo estilo, somos a primeira candidatura comunista que concorre a estas eleccións. Somos a candidatura comunista que está presente en máis circunscricións, pero nin aínda así se nos convida aos debates electorais. Tamén se nos denegan locais públicos previamente concedidos, como hai pouco en Coslada . Non me cabe dúbida de que hai interese en que aos comunistas non se nos escoite. Non nos sorprende, pero que logo non se inchen o peito con palabras como democracia ou representatividade, porque na súa democracia xogan coas cartas marcadas.
Hai xente de tradición comunista que, por así dicilo, dúbida entre votar a outras forzas como Unidas Podemos ou a un partido que se presenta directamente coa fouce e o martelo nesta campaña electoral. Que lles dirías?
Diríalles que tanto eles como nós sabemos, porque vimos de onde vimos, que o voto é importante, pero moito máis importante é a organización. E sobre todo a organización cuns obxectivos claros, que no noso caso pasan por que a clase obreira e os sectores populares vaian acumulando forza e experiencia de loita até atoparse en condicións subxectivas e obxectivas, de tomar o poder estatal. Diríalles que votar ao PCTE, pero sobre todo reforzar o PCTE, é apostar por recuperar a senda de loita que os comunistas españois nunca debemos abandonar e sentar as bases para que a clase obreira sexa máis forte en todas as loitas que se desenvolven a diario.
Que lles dirías a todas aquelas persoas que aínda non decidiron o voto? Por que votar ao Partido Comunista?

Diríalles que se pregunten con quen están no día a día. Que pensen no seu lugar de traballo, no seu barrio ou no seu pobo. Que se pregunten se están co seu patrón ou cos seus compañeiros e compañeiras. Que se pregunten se están co que desafiuza ou co desafiuzado, co que decide pechar un centro de saúde ou co que pelexa por mantelo aberto. Que se pregunten que clase ou que grupo social se beneficia coas políticas propostas polos partidos capitalistas. Que se pregunten se están cos traballadores ou cos capitalistas, porque é a única dúbida que hai nas eleccións, é a única dúbida que hai na política e a economía, realmente. Se estás cos traballadores, o PCTE é o teu partido, tanto o 28 de abril, como o 26 de maio, como todos os días do ano.
Fonte: Nuevo Rumbo
Traducido pola Revista Forxa