Vivir para traballar… traballar para morrer

Paco Sebio

A falta de estatísticas oficiais sobre o ano 2018 e dos datos consolidados destas estatísticas que publica o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, os datos rexistrados de xaneiro a outubro de 2018 fálannos xa de máis de medio millón de accidentes de traballo, exactamente 510.107 accidentes que causaron baixa, o que supón 20.656 máis que no mesmo período para o ano 2017. O ano que acaba de terminar será, pois, o sexto consecutivo desde o ano 2012 en rexistrar un incremento ininterrompido da sinistralidade laboral, que crece por encima do 20%, alcanzando niveis non só no número de accidentes que causan baixa, senón tamén no número de accidentes rexistrados como graves (7.3% máis) e nos rexistrados como mortais (2% máis). Ademais, estas estatísticas oficiais veranse notablemente corrixidas e aumentadas cando o Ministerio publique os datos consolidados das mesmas ao contabilizarse como mortais aqueles accidentes de traballadores e traballadoras que inicialmente foron clasificados como graves ou leves e que ao cabo dun tempo faleceron.

Con ser alarmantes estes datos, non faltarán medios de comunicación (léase aparellos de propaganda do sistema), goberno e confederacións patronais, que tratarán de tapar o Sol cun dedo, para xustificar o inxustificable, resaltando “erros humanos”, “infortunios” ou “imprudencias”, obviando así as verdadeiras causas reais e estruturais da sinistralidade, xa que isto suporía confrontar cos factores que as potencian e as explican. É dicir, a desregulación laboral propiciada polas sucesivas contrarreformas laborais, a precariedade, a temporalidade, os “destajos” e os abusos da patronal que cos seus salarios de miseria obrigan a unha gran parte da clase traballadora a ter que realizar xornadas que superan con moito os límites legais para poder chegar a fin de mes. Non son feitos “desafortunados” senón unha organización do traballo pensada en función exclusivamente dos beneficios capitalistas, os menores custos de produción e por tanto de prevención e de formación, os elementos que constitúen as causas estruturais da “ruleta rusa” da sinistralidade laboral. E se iso non fose suficiente, hai que engadir que estas son só as cifras “oficiais” que unicamente reflicten os accidentes que a lei recoñece como laborais entre as que non se atopan por suposto as daqueles traballadores e traballadoras que non se atreven a denunciar por temor a perder o posto de traballo, os miles que traballan sen contrato, os dous millóns de traballadores da economía sumerxida, a maioría do tres millóns de autónomos, os traballadores estranxeiros explotados brutalmente precisamente naqueles sectores que maior índice de sinistralidade rexistran: sector agrícola, construción e transporte. Tampouco están incluídas as enfermidades profesionais, as enfermidades psíquicas e mentais provocadas pola tensión e a ansiedade no traballo, que nin sequera están incluídas no cadro de enfermidades profesionais do Estado español. Segundo un estudo publicado na Revista Española de Saúde Pública, en España morren cada ano máis de 16.000 traballadores/as por enfermidades relacionadas co traballo e das cales o Ministerio non recoñece máis de 4 por ano. Pola súa banda, a OIT calcula que por cada persoa que morre en accidente de traballo, morren 5 por enfermidade laboral (2 millóns de mortes no mundo).

Se algo demostran estas cifras sobre a sinistralidade laboral é o grao de brutalidade con que o sistema capitalista ataca á clase obreira. É a suor e o sangue da clase obreira as que alimentan os beneficios do capital, que agora aumentan na medida en que decrecen e empeoran os nosos dereitos e as nosas condicións de vida e de traballo. A produtividade e o lucro da clase capitalista está por encima dos máis elementais dereitos de saúde e mesmo de vida da clase traballadora tratada e considerada como unha mercadoría máis. É a lei do máximo beneficio o determinante fundamental dunha mortalidade e unha sinistralidade evitables.

Os sindicatos de clase deben prestar o máximo interese e esforzo nesta loita polo control das xornadas de traballo, pola información e a formación, a vixilancia e o control sobre a seguridade e a prevención, tanto na negociación colectiva como na acción sindical en xeral. Ningunha hipócrita campaña sobre regas e ningún Pacto Social conseguirá reducir os riscos no seo dunhas relacións de produción e dun sistema afectado por cada vez máis frecuentes e máis profundas crises que tratan de superarse destruíndo forzas produtivas e acrecentando os niveis de explotación obreira para lograr unha recuperación económica que só alcanza aos monopolios.

Fonte: Nuevo Rumbo
Traducido pola Revista Forxa