Resolución do Comité Central


O Comité Central do Partido Comunista dos Pobos de España, reunido en Madrid o 3 de marzo de 2019, a teor dos acordos adoptados no XI Congreso Extraordinario celebrado en novembro de 2017

CONSIDERANDO
Que é un feito que existen dous partidos que vimos utilizando a denominación PCPE na nosa actividade política diaria logo do V Pleno do Comité Central que se celebrou os días 22 e 23 de abril de 2017. Aquela reunión abriu un período no que existiron na práctica dúas organizacións que actuaron baixo a mesma denominación e baixo os mesmos símbolos, pero con órganos políticos e executivos distintos, con publicacións diferentes e con persoas diferentes á fronte da Secretaría Xeral.

Que, ao longo destes case dous anos, puidemos comprobar como esta situación de duplicidade foise convertendo, cada vez máis, nun problema de primeira magnitude para o desenvolvemento do noso traballo político, dado o risco de que se nos atribuísen erroneamente —como xa ten pasado— posicións políticas e ideolóxicas que non compartimos e que son froito do eclecticismo ideolóxico e das desviacións dos nosos antigos compañeiros de filas, que xa foron denunciadas no seu momento pola maioría de células e comités do PCPE, pola maioría dos Colectivos da Mocidade Comunista, por unha Conferencia Central e por un Congreso Extraordinario

Que sempre sostivemos que era posible unha solución política á crise no PCPE, sobre todo para evitar que fosen os tribunais burgueses os que tivesen que decidir sobre o futuro do noso Partido. Lamentablemente foron outros quen preferiron tratar de gañar a súa lexitimidade nos tribunais mentres tapaban a súa incapacidade política baixo un manto de insultos e ameazas que acabaron por cubrir de lodo e lama unha sigla con 35 anos de historia.

Que, nas relacións internacionais, a existencia de dous partidos denominados PCPE, membros ambos os dous do Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros, supón unha anomalía e unha dificultade engadida ao traballo comunista neste campo, onde as relacións de cada partido deben poder construírse e desenvolverse libremente, sen manobras nin confusións que non benefician a ninguén.

Que o XX Encontro Internacional de Partidos Comunistas e Obreiros, reunido en Atenas en novembro de 2018, adoptou o acordo de recoñecer a existencia de dous PCPE, pero ao mesmo tempo solicitou que ambos os Partidos tratásemos de resolver, sen lle xerar máis debates estériles ao Movemento Comunista Internacional, a actual situación, incluíndo expresamente o cambio de denominación dun dos dous partidos como vía de solución.

Que somos herdeiros da loita comunista que se vén desenvolvendo en España desde a creación no noso país da primeira Sección Española da Internacional Comunista. Do PCE de José Díaz e de Dolores, do PCOE de Líster —que denunciou a traizón de Carrillo— e do PCPE —e das organizacións que se uniron para crealo naquel Congreso de Unidade de 1984— que foi capaz de organizar en todo o país os comunistas que resistiron como mellor puideron o eurocomunismo e o posterior triunfo contrarrevolucionario na URSS e no resto do bloque socialista europeo.

Que o XI Congreso (Extraordinario) do PCPE marcou un punto de inflexión na loita comunista no noso país e abriu un novo tempo en que, tras varias décadas de loita, se recupera a senda leninista en España. Como diciamos entón, é o momento de recuperar o camiño sinalado pola Gran Revolución Socialista de Outubro e de forxar o Partido que conduza a nosa clase obreira ao poder.

Por todo isto, o Comité Central do PCPE, reunido de forma extraordinaria en Madrid, sobre a base dos acordos do XI Congreso (Extraordinario) do PCPE

ACORDA
Que, sen renunciar en ningún caso á loita pola sigla PCPE, que sigue en marcha nos tribunais burgueses debido á porfía dalgúns dos nosos antigos compañeiros de filas, a partir do día de hoxe, 3 de marzo de 2019, nada máis cumprirse os cen anos da creación da Internacional Comunista, o noso Partido pasa a denominarse Partido Comunista dos Traballadores de España (PCTE), podendo adaptar a súa denominación á realidade lingüística e cultural de Cataluña, Galiza e Euskadi, mantendo nas súas funcións todos os seus órganos e responsables, mantendo como organización xuvenil os Colectivos da Mocidade Comunista (CJC), o periódico Nuevo Rumbo, a revista Nuestra Política e a participación na Iniciativa de Partidos Comunistas e Obreiros de Europa, na Revista Comunista Internacional e nos Encontros Internacionais de Partidos Comunistas e Obreiros.

Que se trasladará inmediatamente a presente resolución aos Partidos Comunistas e Obreiros irmáns doutros países, tamén ás organizacións políticas, sindicais, sociais e culturais coas que mantemos contacto, e que se publicará nos medios do Partido para o seu coñecemento xeral.

En Madrid, o 3 de marzo de 2019