Que se escoite a voz dos traballadores e as traballadoras!



Os ricos cada vez son máis ricos e os pobres cada vez somos máis pobres. Perdemos dereitos cada día, e pensar que esta situación vai mudar por si soa é unha ilusión. Vai sendo hora de darlle a volta a esta situación.

Igual que fixeron outras xeracións, toca tomar partido para defender os nosos dereitos e para conquistar outros novos.

Todos os gobernos que tivemos venderon á maioría traballadora para acomodarse na xestión dun sistema que é incapaz de garantir ningún dos dereitos que tanto custou conseguir.

Ao mesmo tempo, promoveuse e agrandouse a división entre os traballadores. Quíxose destruír a identidade colectiva da clase obreira para obrigarnos sempre a elixir entre o malo e o peor, a elixir o mal menor, pero nunca a elixir sobre os nosos propios intereses.

Hoxe, o engano volve ser o mesmo. Xa se están a desgañitar para que escollamos o sabor da salsa na que nos van cociñar, para que decidamos a cor da vara coa que os vellos señoritos van seguir a darnos de paus.

Pero xa abonda, levamos moito tempo a aceptar os falsos dilemas do vello bipartidismo e os novos non nos ofrecen ningunha alternativa real.

Toca pór en pé un proxecto da clase obreira e para a clase obreira. Dos traballadores e para os traballadores. Sen hipotecas e sen enganos, que sexa absolutamente independente e só responda aos intereses da maioría traballadora e ante a maioría traballadora organizada.

Toca actuar sendo conscientes de que os nosos dereitos e os nosos intereses, só podemos defendelos nós mesmos. Xa coñecemos perfectamente os límites dos “gobernos do cambio”. Os mesmos problemas de sempre seguen aí, porque o seu interese só é “gobernar mellor”, non gobernar para os traballadores e as traballadoras. Non nos enganemos, baixo o capitalismo gobernar “mellor” é gobernar para os capitalistas, e punto.

Confiar en que os nosos problemas se van resolver sós a través das institucións é unha ilusión. Pero nas institución tamén debe de estar presente a voz da nosa clase, para que se vexa que, como clase, estamos unidos na defensa dos nosos dereitos.

Toca propor a nosa propia alternativa, deixar de depender das propostas doutros. Os traballadores somos máis fortes se o Partido Comunista é máis forte.

Hoxe, o Partido Comunista dos Traballadores da Galiza é ese partido comunista, continuador da loita da nosa clase e do noso pobo, cun programa político que só atende aos intereses dos millóns que estivemos décadas asistindo á pelexa entre quen únicamente quere ver como explotarnos mellor, como convencernos de aceptar as privatizacións e como deixarnos sen país e sen dereitos ao meternos en alianzas de ladróns como a UE ou a OTAN.

Hoxe pedímosche que nos deas o teu apoio para estar presentes nas eleccións, para poder comezar a construír un país para ti. Pero aspiramos a que, co teu apoio e a túa participación, haxa, de novo, Partido Comunista.