Presentación das candidaturas comunistas do PCTG


O mércores 27 de marzo foi publicada no BOE a presentación das candidaturas do Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG) ao Congreso dos Deputados/Senado nas catro circunscricións electorais galegas.

Tal como denunciabamos hai escasamente dúas semanas, o Consello de Ministros novamente nos impuxo o requisito de recoller un número de avais equivalente ao 1 por mil do censo de cada circunscrición, tan só para facer posible a presentación das nosas candidaturas ás Eleccións Xerais. Isto, que foi concebido como un atranco dirixido a impedir a presentación das listas comunistas, foi correctamente entendido pola nosa militancia e amigos/as como unha oportunidade de realizar, á ofensiva, o traballo político de dar a coñecer a milleiros de traballadores e traballadoras as candidaturas e o Programa comunista.

Durante estas dúas semanas de laborioso esforzo militante nos centros de traballo e nos barrios populares, puidemos comprobar que, sumados aos atrancos administrativos, tiñamos diante a poderosa ofensiva ideolóxica da reacción anticomunista, altamente agudizada nestes momentos de descomposición e crise económica e política do sistema capitalista e os seus diversos xestores. E unha forte desconfianza cara á intervención política claramente fundamentada na podremia do sistema e da falsa democracia burguesa e a corrupción dos representantes políticos da burguesía.  Desde hai décadas, chámense como se chamen, levan gobernando e lexislando contra a maioría traballadora, coherentemente co seu papel de administradores dos negocios das grandes empresas capitalistas.

Nesas difíciles circunstancias, grazas ao esforzo e disciplina da militancia do Partido e a Mocidade Comunista, a axuda de moitos amigos e amigas e o apoio de varios milleiros de traballadoras e traballadores, fomos quen de acadar os avais necesarios para ofrecer, á clase obreira e ao pobo traballador, a posibilidade -nas catro provincias galegas- de votar comunista nas vindeiras Eleccións Xerais do 28 de Abril.

Dámosvos as grazas a quen confiastes en nós e nos ofrecestes o voso aval, e chamámosvos a reforzar e apoiar a nosa campaña.

Chamamos aos simpatizantes, amigos e amigas que nos acompañastes nesta batalla gañada, a dar un paso máis adiante e incorporarvos ás filas do Partido da Clase Obreira.