Eran obreiras

[Artigo de Marina Quintillán]

Eran obreiras as 120 mulleres asasinadas pola policía de Nova York o 8 de Marzo de 1857, cando loitaban contra os salarios de miseria e as xornadas extenuantes na industria téxtil.

Eran obreiras as 146 que morreron calcinadas en marzo  de 1908 na fábrica téxtil Cotton de Nova York, baixo as bombas incendiarias que lles arroxaron por loitar contra as infames condicións de traballo que soportaban.

Eran obreiras as 146 traballadoras mortas en marzo de 1911 durante o terrible incendio doutra fábrica téxtil, porque a patronal da Triangle Shirtwaist selara as saídas para evitar que as empregadas roubasen. Dos cascallos desta terrible traxedia naceu o Sindicato Internacional de Traballadoras Téxtiles.

Eran comunistas e obreiras as que en 1910 estableceron o 8 de Marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. Hoxe téntase presentar o 8 de Marzo como día das mulleres en xeral, unidas por causas comúns, sen distinción de clase, ao que contribuíu a súa institucionalización pola ONU en 1975 buscando eliminar o seu matriz orixinal, obreira e revolucionaria.

Pero, eran tamén obreiras as que o 8 de Marzo de 1917 se manifestaron en Petrogrado esixindo pan e fin á guerra imperialista e iniciando a folga insurreccional que puxo fin á autocracia zarista.

Desde a perspectiva burguesa e pequenoburguesa, a opresión de xénero pode superarse mellorando o capitalismo. Esta análise oculta o feito de que a opresión das mulleres aséntase sobre bases materiais, sobre relacións obxectivas de produción e de propiedade. A aparición da propiedade privada está na orixe histórica do patriarcado. A incorporación plena e con dereitos ao traballo socialmente útil, a asunción dos coidados como tarefa de toda a sociedade, son premisas fundamentais para a emancipación da muller. Sen independencia económica, non hai emancipación real.

Os centros de produción da ideoloxía dominante traballan incansablemente por ocultar o vínculo entre as diversas formas de opresión e violencia que atravesan a nosa sociedade e as súas raíces materiais e obxectivas. Segundo esta versión as guerras prodúcense pola hostilidade natural entre razas e credos relixiosos, non pola conquista de mercados, materias primas e petróleo, e as mulleres son oprimidas polo mero feito de selo.

En realidade  a opresión, discriminación e violencias sufridas polas mulleres na nosa sociedade, débense en gran medida a ser ademais de muller, traballadora, e a selo precisamente baixo as condicións do capitalismo.

Como acertadamente apuntou Rosita Schaefer, as mulleres soviéticas xa votaban, tiñan dereito ao aborto seguro e legal e participaban da vida política, cando as sufragistas conquistaron (por engadidura de forma selectiva) o dereito ao voto. As “democracias” capitalistas incluíron de mala gana o voto feminino nas súas lexislacións con gran atraso respecto da Unión Soviética. En Inglaterra, até 1928 as mulleres tiñan que ser propietarias e maiores de 30 para votar. Francia e Italia non o permitiron até 1946 tras a derrota do nazi-fascismo.

Non é casualidade que ao primeiro Estado obreiro e socialista correspondese a lexislación pioneira sobre sufraxio e participación en pé de igualdade da muller na vida laboral, social e política. O dereito ao divorcio, ao aborto, a licenza maternal remunerada, a abolición da prostitución.

A socialización do traballo doméstico, a alfabetización en masa das mulleres, a súa incorporación á produción con igual salario, e á xestión e dirección da produción, foron conquistas pioneiras do Socialismo que abriron camiño ás reivindicacións de millóns de mulleres no mundo enteiro.

Quen abriron ese camiño eran tamén obreiras e obreiros, no Poder.

Fonte: Novo Rumbo
Traducida pola Revista Forxa