Chamamento á solidariedade da clase obreira de Ferrolterra: POLIGAL NON SE PECHA!!



O Partido Comunista dos Traballadores da Galiza (PCTG) chama a clase obreira e o conxunto do pobo traballador de Ferrolterra a acudir á manifestación que sairá da Ponte das Cabras (Narón) en dirección ao Cantón (Ferrol), este martes 12 de marzo ás 19:00 horas, para expresar a súa solidariedade cos obreiros de POLIGAL, e rexeitar con eles o peche da factoría por parte do Grupo Peralada.

O Grupo Peralada, con sede en Barcelona, conforma un emporio empresarial multinacional constituído por casinos, hoteis, adegas, campos de golf, supermercados, SICAVs, fondos de investimentos e diversas industrias.

Os patróns levan desde 1991 recibindo millóns de euros de axudas públicas na factoría de Narón, explotando os seus traballadores e eludindo impostos por múltiples procedementos. Os beneficios acumulados aquí neste tempo e as axudas públicas serviron para investir en novas fábricas, primeiro en Portugal e desde 2016 en Polonia, procurando sempre salarios máis baixos e novas axudas públicas en cada país. Agora, coa factoría de Polonia traballando a pleno ritmo, desfanse da fábrica de Narón porque hai exceso de produción no mercado. De quen se burlan?

A clase obreira e o pobo traballador de Ferrolterra non deben consentir o peche de POLIGAL. Non se debe permitir que siga a destrución da industria na Galiza. E moito menos nunha comarca tan castigada polas mal chamadas “reconversións”, tan afectada polo desemprego e a emigración da nosa mocidade.

Debemos esixir que se tomen as medidas necesarias para manter POLIGAL aberta e producindo e garantir o futuro dos postos de traballo.

Debemos reclamar a devolución das axudas públicas recibidas polo Grupo Peralada e a expropiación dos seus donos.

Esiximos a NACIONALIZACIÓN DE POLIGAL, das empresas da industria química e dos sectores económicos estratéxicos.

Defendendo o seu emprego, os traballadores de POLIGAL defenden un futuro económico e produtivo na Nosa Terra.

TODOS E TODAS AS TRABALLADORAS, A MANIFESTARSE O MARTES 12 DE MARZO ÁS 19:00 H. DESDE A PONTE DAS CABRAS EN NARÓN