[8M] Parar a produción, encher as rúas.


O Partido Comunista chama as mulleres e homes da clase obreira a apoiar masivamente os paros e folgas convocados polas organizacións sindicais para o 8 de Marzo.

 As condicións de traballo e de vida das mulleres traballadoras do noso país seguen a empeorar. Os índices de paro feminino aumentan e aumenta a precariedade a través de contratos temporais e a tempo parcial. Increméntase a fenda salarial polo feito de sermos as traballadoras quen asumimos no ámbito doméstico as tarefas de coidados. A escalada privatizadora de servizos públicos que levan a cabo os gobernos capitalistas beneficia as grandes empresas e non a nós.

Por esta realidade e por estas condicións as mulleres traballadoras somos vítimas de opresión e de violencia, tanto no ámbito laboral coma no doméstico. Sufrimos situacións de discriminación, de violencia e de acoso que ningún “pacto de Estado” vai resolver se non nos organizamos e loitamos.

Non se pode confiar nun Estado nin nuns gobernos que serven os intereses da patronal, os intereses de quen se beneficia directamente da baixada dos nosos soldos e do empeoramento dos servizos públicos. Os gobernos que obedecen á mesma patronal que nos despide por estar embarazadas non van establecer medidas serias a favor das mulleres traballadoras. Debemos conquistalas nós loitando ombro con ombro co resto da nosa clase.

Moitos partidos, sindicatos e asociacións de mulleres manteñen un discurso hipócrita e baleiro. Falan de “pactos institucionais” para mellorar a situación das mulleres pero son incapaces de resolver os problemas que a muller traballadora enfronta acotío no traballo, na rúa e na casa. PSOE e PODEMOS, no seu recente acordo orzamentario, reduciron as súas políticas sobre muller a chiscadelas e xestos que non dan marcha atrás na privatización dos servizos públicos nin avanzan cara á incorporación plena e con dereitos das mulleres ás tarefas produtivas.

Pola nosa posición desigual na produción, na sociedade, entre as mulleres traballadoras e as mulleres da burguesía non hai nin pode haber unidade de intereses.

O 8 de Marzo é o Día da Muller Traballadora, é un día de reivindicación e loita das mulleres da clase obreira, nos centros de traballo, nas rúas, facendo forza co resto de compañeiros, demostrando que as vitorias da clase obreira veñen sempre da súa unidade.

A organización e a loita, o único camiño.

Imos á Folga o 8 de Marzo para colocar as reivindicacións da muller obreira no centro da loita xeral de todos os traballadores. Abramos un novo ciclo de mobilización e loita que rache coa desmobilización e as falsas ilusións: non é posible xestionar o capitalismo a favor da muller traballadora, porque non é posible xestionar o capitalismo a favor dos intereses do pobo traballador en xeral.

O Partido Comunista chama as traballadoras e os traballadores a paralizar os centros de traballo e estudo o 8 de Marzo, a participar nas mobilizacións convocadas polas organizacións obreiras e a converter o 8M nunha grande xornada de loita e de acumulación de forzas para derrocar o sistema capitalista que enxendra violencia, machismo, explotación e desigualdade.