O 10 de marzo de 1972, Amador Rey e Daniel
Niebla, obreiros da Bazán, caían mortos en Ferrol baixo as balas da policía
franquista, loitando por un mellor convenio colectivo. Decenas de feridos,
centos de despedidos, presos e represaliados, ese foi o prezo que pagou a clase
obreira para que o conxunto dos traballadores e traballadoras puidese
conquistar novos dereitos e mellores condicións de vida e traballo. Sempre o
capital usou todas as súas armas e instrumentos para extraer o máximo lucro do
noso traballo asalariado. Nunca a patronal cedeu nada sen loita.
Durante todos os anos de crise capitalista
a patronal e os seus gobernos sostiveron a falacia de que os recortes habían
servir para salvar emprego e dereitos laborais e sociais. A realidade é ben
distinta.
Si, recuperáronse os beneficios
empresariais, os oligarcas acumulan cartos a moreas, os accionistas cobran
suculentos dividendos e eluden os impostos con mil trucos legais. Cantidades
fabulosas foron regaladas aos bancos sen ningunha compensación para o pobo que
pagou a factura dos especuladores.
Mentres tanto, a clase obreira e o
conxunto do pobo traballador acumularon perdas de poder adquisitivo, peores
condicións de traballo, recortes de servizos públicos e de pensións, perda das
súas vivendas, emigración da mocidade, accidentes laborais e perda de saúde,
etc.
A lista das empresas baixo ameaza de
peche, de ERE ou de impago de salarios non para de medrar: Alcoa, Poligal,
Ferrotlántica, Faurecia Asientos, DIA, Maderas Iglesias, Bosch, PSA, Vodafone,
Factorías Vulcano…. e tantas máis.
Quen confíe en que un simple cambio de partidos no
goberno (autores e defensores de todas as reformas laborais), poida supoñer
melloras substanciais para a clase traballadora, estará caendo de novo no
engano. Sería como tropezar mil veces na mesma pedra asumindo unha nova derrota
chea de privatizacións, de sacrificios e baixos salarios, de explotación e
saqueo dos nosos dereitos.
É o momento de extraer leccións e emprender a misión que
como clase nos corresponde. Só a loita nos devolverá o roubado e nos colocará
no camiño de novas conquistas, xa que o recorte dos nosos salarios e dos nosos
dereitos unicamente serve para incrementar os beneficios patronais a costa de
empeorar as nosas condicións de vida e de traballo.
Na actualidade, en numerosos sectores e empresas estase a
abordar a negociación dos convenios colectivos. Estanse dando pasos decisivos
na loita sindical e obreira para a recuperación dos nosos dereitos a través da
negociación colectiva ou en contra dos despedimentos masivos e dos EREs.
Unha vez máis, o PARTIDO COMUNISTA DOS TRABALLADORES DA
GALIZA alza a súa voz e chama o conxunto da clase obreira e do pobo a apoiar e
solidarizarse coas folgas e mobilizacións de cada sector en loita polo seu
convenio, de cada empresa na defensa dos seus postos de traballo. O exemplo dos
traballadores de Ambulancias, dos PACs, de Alcoa, Poligal ou Maderas Iglesias
constitúe un paso importante para aglutinar todos os sectores que están a ser
golpeados por unha patronal e por uns monopolios que engordan os seus
beneficios e privilexios coa nosa precariedade e a nosa miseria.
A experiencia histórica demostra que cando a clase
obreira non loita, as súas posicións non avanzan, os seus dereitos retroceden e
perigan as súas conquistas. É necesario relanzar a solidariedade de clase cos
sectores en folga. É preciso abrir un novo ciclo de loitas obreiras e populares
que poñan freo á ilimitada ambición da patronal e ás ameazas dos seus
servidores que pretenden disciplinar con man dura a clase traballadora usando o
aparato xurídico-político do Estado para reprimir a combatividade obreira.
Chamamos a clase obreira a confiar na súa inmensa forza e
a fortalecer a unidade en cada sector, en cada empresa e en cada centro de
traballo. Porque o poder real e a chave de todo non se atopan en parlamento
ningún, nin no voto a falsas “alternativas” que non cuestionan a natureza
explotadora do sistema capitalista. O poder dos traballadores e das
traballadoras atópase na súa UNIDADE, ORGANIZACIÓN E LOITA.
Neste Día da Clase Obreira Galega, o Partido Comunista
dos Traballadores da Galiza rende
homenaxe a Amador e Daniel e reafirma o seu compromiso indestrutible coa clase
obreira, co sindicalismo de clase, coa unidade sindical e de clase, para
derrotar a patronal e os seus gobernos capitalistas e para construír un país
para a clase obreira.
Comité Nacional do PCTG