POLIGAL NON
SE PECHA!! SOLIDARIEDADE!!
NACIONALIZACIÓN
DOS SECTORES ESTRATÉXICOS!!
Ante o anuncio de peche da fábrica POLIGAL en
Narón, por parte da multinacional catalá Grupo Peralada, deixando na rúa máis
de cen traballadores da comarca de Ferrolterra mediante un fraudulento
procedemento concursal, Comunistas da
Galiza-PCPE manifesta o seu total rexeitamento a esta medida, a súa máis
firme solidariedade cos traballadores afectados e a esixencia da inmediata
nacionalización de POLIGAL, das empresas da industria química e dos sectores
económicos estratéxicos.
O Grupo Peralada, con sede en Barcelona, é
propiedade da familia Suqué, donos dun emporio empresarial multinacional que
presume de ter un patrimonio que supera os 500 millóns de euros, e constituído
por casinos, hoteis, adegas, campos de golf, supermercados, SICAVs, fondos de
investimentos e diversas industrias.
Levan desde 1991 recibindo millóns de euros de
axudas públicas na factoría de Narón. Primeiro ao abeiro do programa ZUR (Zona
de Urxente Reindustrialización) e posteriormente do “Plan Ferrol”: axudas e
bonificacións para a contratación (POLIGAL chegou a ter máis de 220
traballadores), para financiamento, para investimentos produtivos, para
investigación e modernización tecnolóxica, etc.
Este grupo capitalista esquilmou os seus obreiros
e os subsidios públicos, eludiu pagar impostos mediante SICAVs e mecenazgos
diversos ou desviando beneficios a paraísos fiscais (con empresas situadas en
Luxemburgo e Andorra) a través dun
holding familiar. Os beneficios acumulados en Narón e as axudas recibidas
serviron para investir en novas fábricas do grupo, primeiro en Portugal e desde
2016 en Polonia, procurando sempre salarios máis baixos e novas axudas públicas
en cada país.
Non hai nin tres anos, POLIGAL anunciaba na prensa
plans de crecemento de máis do 30% da actividade do grupo, e a expansión do seu
negocio en Polonia. Agora, anuncian que levan perdidos desde 2012, 11 millóns
de euros. Mentían antes ou agora?
Hai dous anos ampliaron a capacidade produtiva da
fábrica en Portugal, abriron unha factoría en Polonia, e teñen agora a cara
dura de xustificar o peche de Narón coa escusa de que “o exceso de capacidade instalada lastrou gravemente as marxes desta
planta”.
Hai que ser cínicos para recochinearse dos
obreiros da factoría como fai a dirección de POLIGAL co comunicado que se pode
ler na súa páxina web: “A compañía …
agradece á plantilla o compromiso e profesionalidade mostrado ao longo destes
anos.” Así agradece o capital os EREs anteriores e os sacrificios dos
traballadores.
Unha vez máis, os capitalistas pretenden que a
clase obreira, que todo o produce co seu traballo, pague os pratos rotos do
festín da gran burguesía, do capital financeiro. Cando hai crise, temos que
apertar o cinto. Cando xa non hai crise, temos que apertar o cinto, tamén.
A clase obreira galega non debe consentir este
novo paso no proceso de desertización
industrial da Galiza. Están ameazados máis de 100 postos de traballo na
factoría de POLIGAL. Non se debe permitir o peche desta fábrica. Non debe saír
de Narón ningún equipamento produtivo, ningunha materia prima. Debe garantirse
o futuro dos postos de traballo.
Mentres a clase obreira non tome o control do que
é seu, non haberá solución definitiva para os traballadores e as traballadoras. Debemos, desde xa,
reclamar o que é noso, porque foi construído co noso traballo, para deixar de
ser vítimas dos caprichos do capital, para que nos devolvan o roubado.
Esiximos a NACIONALIZACIÓN DE POLIGAL, das
empresas da industria química e dos sectores económicos estratéxicos.
O Partido Comunista chama o conxunto da clase
obreira e do pobo traballador galego a defender a permanencia das industrias e
dos postos de traballo que deben asegurar un futuro económico e produtivo na
Nosa Terra.
Chamamos a prestar a máxima solidariedade á loita
dos traballadores de POLIGAL que, defendendo o seu emprego, defenden o noso
porvir.
Chamamos a apoiar as mobilizacións e
manifestacións previstas en Narón nos días vindeiros para esixir: NON AO PECHE
DE POLIGAL!!
Todo para quen todo o produce! Todo para a clase
obreira!
POLIGAL NON SE PECHA !!
A INDUSTRIA GALEGA NON SE PECHA !!
POLA NACIONALIZACIÓN DOS SECTORES ESTRATÉXICOS!!