O PCPE ante o xuízo aos dirixentes do proceso independentista catalán


Hoxe comeza o xuízo aos dirixentes independentistas cataláns, o que se veu chamar o xuízo do “procés”. O Tribunal Supremo imputa aos acusados diversos delitos de desobediencia, malversación, sedición e rebelión.

Na época do imperialismo, o capitalismo tende á reacción en todos os terreos e os conflitos políticos, en determinados momentos, resólvense pola vía represiva, en función da correlación de forzas e da gravidade dos asuntos en debate. A unidade do seu Estado é unha prioridade absoluta para a burguesía española, cuxos monopolios esixen a total unidade do mercado doméstico para poder competir con algunha posibilidade contra os monopolios cuxa base está noutros países.

Se unha posición política chega a estar en condicións de supoñer unha ameaza seria para tal unidade, ben por propoñer outros marcos territoriais de acumulación capitalista, ben por poñer en dúbida o propio proceso de acumulación capitalista, entón os intereses do Estado se promoven e defenden mediante a aberta utilización do seu poder represivo (policial, xudicial, penitenciario).

O “procés” supuxo un dos episodios de maior desestabilización do Estado español nas últimas décadas e, con este xuízo, o Estado vai castigar de xeito exemplarizante os seus dirixentes, de modo que non haxa dúbidas sobre quen ostenta o poder e ata onde chegan os límites da democracia burguesa española. Moitos dirixentes políticos, sindicais e sociais teñen sido xulgados e condenados anteriormente en España, e en todos os casos os seus procesos serviron para tratar de condicionar, frear ou paralizar procesos de mobilización populares ou con forte apoio popular.

Para poder condenar os dirixentes do “procés”, coa actual lexislación na man, o Tribunal Supremo volverase enfrontar ao perigo da deslexitimación, como xa sucedeu coa sentenza das hipotecas ou os diversos xuízos relacionados coa corrupción. Isto, porque os actos dos dirixentes independentistas só encaixan nos tipos penais máis graves, de rebelión e sedición, se se aplica unha retorcida interpretación da lexislación.

Así, este xuízo ten carácter político porque só politicamente – e non xuridicamente – cabe entender a actitude dos dirixentes cataláns como rebelión ou sedición. Que este proceso xudicial teña chegado ata aquí, con prisión preventiva incluída para varios dos procesados, é significativo da escasa imparcialidade ou neutralidade do poder xudicial en asuntos de calado político. Pero para os capitalistas é importante que se manteña a aparencia de neutralidade, obxectividade, imparcialidade e independencia da xustiza, dado que así se preserva a lexitimación social das decisións que os seus órganos tomen.

Ao mesmo tempo, increméntase a retórica nacionalista para xerar unha onda de rexeitamento cara aos procesados e lexitimar calquera sentenza condenatoria, canto máis dura mellor.

Ao aparato estatal dálle igual que o independentismo fracasase politicamente en 2017. Este xuízo celébrase precisamente porque se produciu ese fracaso. Un fracaso recoñecido polos seus propios dirixentes, procesados hoxe, que chegaron a cualificalo como unha “performance”, como un farol ou como accións simbólicas carentes de eficacia práctica. Os comunistas xa advertimos no seu momento do carácter de clase dos dirixentes independentistas, da súa falta de forza para impoñer independencia ningunha e, principalmente, da calella sen saída e a frustración á que estaban a condenar a amplos sectores obreiros e populares cataláns.

Hoxe, mentres se estenden a frustración e a división nacionalista na clase obreira e os sectores populares, a burguesía española ten a capacidade para continuar a reorganización do Estado, en curso desde hai tempo, nun sentido profundamente reaccionario, e este xuízo é esencial nesa estratexia.

Por todo isto, ante este xuízo, o Buró Político do Partido Comunista dos Pobos de España declara:

1.     Que o xuízo do “procés” é un xuízo político. Quedou en evidencia o nulo interese polo respecto aos dereitos de defensa dos procesados e unha clara intencionalidade política nas acusacións e nas decisións xudiciais ata agora adoptadas.

2.   En consecuencia, as sentenzas serán políticas e os condenados a prisión serán presos políticos, sumándose así á longa lista de dirixentes políticos, sindicais e sociais condenados á cadea por razóns políticas ou de conciencia.

3.   Que todo este proceso xudicial se baseará, máis que en probas ou argumentos xurídicos, nas negociacións políticas que se están levando a cabo entre o Goberno e as forzas independentistas. Hoxe os presos son reféns do Estado nesta negociación, e os partidos independentistas responden coa súa capacidade de tombar os Orzamentos Xerais do PSOE.

4.   Que os hoxe imputados foron historicamente aliados de partidos como PSOE e PP na hora de reformar a lexislación penal en chave reaccionaria, engadindo incluso tipos penais que agora se usan en contra súa. Hoxe sofren a represión estatal, pero a maioría deles antes non tiveron problemas en exercela contra traballadores e estudantes. Non son ningún exemplo para o pobo traballador, nin nos une a eles ningunha afinidade política ou ideolóxica, pero esta situación vai máis alá de tales afinidades: este proceso xudicial é unha farsa que atenta contra os máis elementais principios da orde xudicial democrático-burguesa, polo que esiximos a súa absolución.

Durante os próximos meses, este xuízo ocupará boa parte do debate social. Falarase do mesmo nos centros de traballo, de estudo, nos lugares de ocio. Promoveranse posicións reaccionarias e chovinistas, atacarase quen non as comparta e buscarase afondar na división, sobre bases nacionalistas, da maioría obreira e popular. O Partido Comunista chama todos os traballadores e traballadoras, a mocidade obreira e popular, as mulleres do pobo traballador, os traballadores e traballadoras do campo, os traballadores autónomos, a non se deixar arrastrar pola febre nacionalista e reaccionaria de ningún tipo, a defender os seus intereses comúns por riba de toda división nacionalista e a defender os máis básicos dereitos democráticos, hoxe gravemente en risco.

A maioría obreira e popular debe deixar de estar sometida a intereses alleos, a proxectos alleos. O Partido Comunista chama a erixir un proxecto propio, independente dos intereses doutras clases sociais, que confronte de maneira directa os intereses burgueses e que teña claro o obxectivo do socialismo como único camiño para a emancipación e a fin de toda opresión.

Buró Político do PCPE
12 de febreiro de 2019