O Goberno do PSOE recoñece o golpista Guaidó. Abaixo o Goberno!

Carta aberta ao Grupo Parlamentario Confederal de Unidos Podemos.


O Goberno de Pedro Sánchez vén de recoñecer oficialmente o golpista Juan Guaidó como Presidente da República Bolivariana de Venezuela, cumprindo co guión da grave inxerencia imperialista que se desenvolve nese país desde o pasado 23 de xaneiro e que pode desencadear unha confrontación civil e militar de consecuencias imprevisibles.

O pasado 26 de xaneiro, o Buró Político do PCPE fixo pública unha declaración chamando a que o recoñecemento ao golpismo venezolano se convertese na tumba do Goberno de Pedro Sánchez. Logo da comparecencia do Presidente do Goberno e o recoñecemento oficial do golpismo, o noso chamamento cobra pleno sentido e convértese nunha urxencia.

O Goberno do PSOE non pode sosterse sen o apoio parlamentario do Grupo Parlamentario Confederal de Unidos Podemos, integrado por distintas forzas políticas entre as que se atopan Podemos, Izquierda Unida, o PCE e as diferentes confluencias.

O Partido Comunista dos Pobos de España, nestes momentos difíciles nos que se xoga a soberanía da República Bolivariana de Venezuela e a paz, chama o Grupo Parlamentario de Unidos Podemos, e o conxunto de forzas e partidos políticos que o compoñen, a retirar publicamente calquera apoio ao Goberno do PSOE, abrindo unha crise parlamentaria que desemboque na convocatoria inmediata de Eleccións Xerais en España.

A gravidade dos momentos que vivimos así o esixe. Non cabe complicidade ningunha cun goberno imperialista que, cos seus propios actos, atenta contra os máis esenciais principios do Dereito Internacional, e sitúase en contra dos máis básicos dereitos dos traballadores e traballadoras e das maiorías populares tanto venezolanas como españolas.

Expresamos de novo a nosa solidariedade incondicional co pobo venezolano e chamamos á mobilización contra o Goberno español que, o mesmo que o PSOE, confirmou, unha vez máis, o verdadeiro carácter de clase e imperialista da socialdemocracia.

Ningún apoio ao Goberno español!
Venezuela será a tumba de Pedro Sánchez!

Buró Político do Partido Comunista dos Pobos de España.
Madrid, 4 de febreiro de 2019.

Fonte: PCPE
Traducido pola Revista Forxa