Iglesias, Errejón e a limonada de brócoli


Lembrádesvos  da conmoción que se viu o día en que todos os valores tradicionais da esquerda caeron ao precipicio por culpa dun desarmamento ideolóxico esterilizante e por unha praxe política insultantemente pragmática? Joder se me lembro.

(A propósito do ascenso de Vox e a crise de Errejón-Iglesias en Podemos)


Seguramente películas como Tempo Despois existen porque en ocasións o real supera a ficción. Porque hai que ser máis bruto que a propia realidade para poder sinalar o esperpéntico desta. No último filme de Cuerda, os parados acaban competindo por vender a mesma limonada no Edificio Representativo mentres pregoan os seus deleites a berros. Os últimos vaivéns da política española quizais sinalan que Jose Luis Cuerda debería pór a vender aos parias non limonada senón zume de brócoli ou calquera outra guarrería. Quedou curto.

E é que non é para menos. A política española é cada vez máis surrealista. O PP, Ciudadanos e Vox alíanse tras as eleccións do pasado 2 de decembro para crear un goberno de coalición entre os dous primeiros. Ante tal exército, a “esquerda” responde co seu despregamento de diversos “soldados” que axitan brazos ortopédicos e imaxinan voar ao aleteo das súas extremidades. Así contestou Iñigo Errejón, sostendo que temos que concorrer a unha disputa en defensa da democracia e a idea de España. Se a súa idea de España é estreita, egoísta e autoritaria, nós teriamos que expor a nosa: ampla, mestiza, diversa, xusta e solidaria. Reivindicaba a coraxe, o tecer, o reunir, a empatía como lazo social, a igualdade e a fraternidade. A verdade é que os termos sobre os que define a súa resposta ao “bloque reaccionario” parecen sacados máis dun libro de autoaxuda (ou de canónico manual de mercadotecnia para a promoción de limonada) que de calquera manual de ciencia política da que é doutor. E, dende logo, non se distinguen tanto (pola vacuidade dos termos) da linguaxe épica empregada por Vox. Ante os limóns rancios, limóns de cores.

E, pouco despois, Errejón anunciaba nunha carta conxunta con Carmena a súa vontade de presentarse como candidato ás autonómicas de Madrid na plataforma Más Madrid. A resposta de Iglesias non se facía esperar, afirmando que Errejón se desmarcaba do proxecto de Podemos e que el mesmo se situaba fóra da súa formación. Iñigo explica os motivos nunha carta conxunta con Carmena: “a democracia é un agasallo colectivo”, o Madrid da “tolerancia”, a “liberdade”, a “necesidade doutra maneira [máis?] de facer política”… novas palabras para aderezar a súa limonada de brócoli. Pablo, no posto do lado, vocifera na súa carta de resposta: limonada augada nos “quintos aniversarios” de Podemos!, estou “tocado e triste”!, Iñigo ocultoume” o seu meditado divorcio!, gañaremos as eleccións pola “dignidade” dos limóns!

Calquera persoa que tente atopar os motivos duns e outros nas súas declaracións públicas non se decatará de nada. Acabará comprando a limonada que máis encaixe coa súa sensibilidade ao doce. Pero, por que se pelexan se venden o mesmo zume? O que se adoita dicir: mentres Iñigo pretende construír un proxecto “nacional-popular” cun discurso do “sentido común” onde o pobo se identifique cun discurso maioritario, Pablo quere crear unha identidade baseada máis na esquerda con reivindicacións de tipo máis económico que atraian aos votantes tradicionais da esquerda. Ousexa, que se pelexan polos aditivos que queren botar ao seu discurso, porque ambos venden os mesmos limóns. Tras os seus aditivos está o mesmo capitalismo-limón que non ousan sequera mencionar. E, así, eses parados da película de Cuerda cren que dirixen a súa propia loita, cando están baixo o pavillón do Edificio Representativo cuxo rei é o gran limón.

E, afastado do ruído duns e outros, do cheiro agre que empapa os tabiques nasais, atópase a realidade. A realidade dos limóns amargos, dos desafiuzamentos en España, da precariedade laboral, da reforma laboral e as súas consecuencias no empeoramento das condicións da maioría traballadora, dos recortes en educación e sanidade… Pero diso fala a España da democracia, da mestizaxe, do tecer, da empatía!, dirán os Iñigo Errejón. Seguro. Pero do que nunca falan é de solucións reais que vaian máis aló dos xestos e as palabras. Como demostrou Unidos Podemos no recente pacto co PSOE sobre os Orzamentos Xerais do Estado, só venden palabras que serven de propaganda para tentar que o pobo traballador confíe nos limóns de quen defende ao mesmo capital. Fronte aos desafiuzamentos, propoñen a necesidade de que exista previamente un informe de benestar social, sen garantir de ningún xeito o dereito á vivenda. Fronte á precariedade laboral, non se derrogan as reformas laborais do PSOE en 2010 e do PP en 2012. Sobre a suba do salario mínimo interprofesional, por que non se aproba xa mesmo á marxe dos orzamentos para garantir un nivel adquisitivo digno e que moitas familias poidan acender a calefacción no inverno? Facta, non verba, dicían os romanos…

Non se trata, por tanto, de poñernos ao abrigo dunhas ou outras palabras. Mentres PP, Ciudadanos e Vox avogan por unha xestión neoliberal do capital, PSOE e Unidos Podemos (ou Adiante Andalucía nos recentes comicios) defenden unha xestión socialdemócrata dese mesmo capital. Os seus amos son os mesmos, coa correspondente agresividade máis reaccionaria dos primeiros e a falsidade e política de xestos dos segundos. Se estes últimos falan máis de “política social” é para tentar reconstruír a confianza da clase obreira nuns partidos que non cuestionan a explotación capitalista e as súas consecuencias que diariamente sofre a maioría traballadora. Por iso, aos comunistas non nos van a atopar de coro de ningún ditirambo do limón nin do medio limón, porque se trata de cambiar a realidade de explotación e non de usar pomposas palabras que só esconden a dominación capitalista.

A tarefa dunha verdadeira política que responda as necesidades do pobo traballador non pasa pola poesía e a retórica. Chegou o momento de escribir en prosa, de retomar a lóxica. Superar o avance da extrema dereita e combater as falsas ilusións do campo socialdemócrata obríganos necesariamente a percorrer o único camiño que sitúe os intereses da nosa clase no centro do discurso e práctica política. Pasa por proclamar a caducidade do sistema capitalista e a necesidade de arroxalo ao vertedoiro da historia. E tirar o lixo é moi distinto que botar ambientador aroma a limón en forma de palabras “sedutoras”. Porque por moi ben que cheire o lixo, segue descompóndose.
Recuperar a política real significa hoxe falar claro aos traballadores que cada día poñen en marcha o noso país. Significa facer un chamado á organización sindical en cada centro de traballo e dirixir as forzas a confrontar co capital.

Iso soa a vello, pouco realista, utópico, radical, demasiado agresivo para vender cítricos, dirán. Provocaranos diminución ontolóxica. Quizais. Pero é a linguaxe de quen pretendemos escribir un libro de historia e non unha receita de limonada. Joder que se me lembro.



Fonte: Nuevo Rumbo
Traducido ao galego pola Revista FORXA