Comunicado de prensa do PCPE ante a convocatoria de eleccións xerais



O Presidente do Goberno vén de anunciar en comparecencia pública a convocatoria de Eleccións Xerais para o vindeiro día 28 de abril.

Para o Partido Comunista dos Pobos de España esta convocatoria representa un novo fracaso da socialdemocracia, que logo da moción de censura aprobada o 1 de xuño de 2018 demostrou novamente a imposibilidade de xestionar o capitalismo en beneficio dos traballadores e do pobo. Confirmouse que, tal como advertimos tras o triunfo da moción de censura, a clase obreira non debe depositar ningunha confianza na socialdemocracia. Por iso, chamamos no seu día a non dar nin un minuto de tregua ao novo Goberno capitalista e a intensificar a loita obreira e popular en todos os sectores.

O Goberno de Pedro Sánchez pasará á historia polas súas políticas de xestos, polo incumprimento sistemático das súas promesas e pola súa posición internacional imperialista, expresada con toda claridade no apoio prestado polo Goberno do PSOE ao golpe de estado que se desenvolve en Venezuela.

Á vez, este novo e breve período de goberno socialdemócrata, veu confirmar a bancarrota da nova socialdemocracia representada por Unidos Podemos e os seus integrantes, que se demostraron incapaces de ofrecer unha alternativa para as maiorías populares, supeditándose completamente á vella socialdemocracia.

O PCPE solicitoulle ao Grupo Parlamentario Confederal de Unidos Podemos a retirada do apoio parlamentario ao PSOE, tras o seu apoio ao golpe de estado en Venezuela, e esiximos a convocatoria de Eleccións Xerais. Entendiamos que se trataba dunha esixencia de principios, compartida amplamente coa base social de Unidos Podemos. No entanto, afastándose completamente de todo internacionalismo, a nova socialdemocracia converteuse no único apoio do Goberno imperialista no debate orzamentario e, ademais, gratuitamente, facéndose cómplice da súa política.

Nas próximas eleccións as forzas capitalistas van tratar de atrapar a clase obreira con falsos dilemas, situándoa ante a disxuntiva de apoiar a socialdemocracia ou permitir o avance da dereita e a extrema dereita, ante a disxuntiva de elixir entre unha e outra forma de xestión do capitalismo. Chamamos os traballadores e traballadoras do noso país a non caer nesa vella e coñecida trampa.

Os nosos intereses e o noso futuro non dependen de quen xestione a nosa explotación, senón de poñer fin a toda forma de explotación e opresión. Por tanto, o Partido Comunista anuncia a súa participación nas próximas Eleccións Xerais. E faino co obxectivo prioritario de acumular forzas obreiras e populares nunha liña de ruptura co capitalismo; co propósito de organizar o gran Partido Comunista que necesita a nosa clase obreira e o noso pobo para poñer este país ao seu servizo.

Por un país para a clase obreira!


Fonte: PCPE
Traducida pola Revista Forxa