O apoio de Pedro Sánchez ao golpismo venezolano será a súa tumba


Declaración do Buró Político do PCPE ante o recoñecemento polo Goberno español do golpista venezolano Juan Guaidó.

O Presidente Pedro Sánchez acaba de anunciar en comparecencia pública o seu recoñecemento ao golpista venezolano Juan Guaidó, autoproclamado Presidente da República Bolivariana de Venezuela o pasado 23 de xaneiro coa complicidade e recoñecemento dos gobernos máis reaccionarvos do mundo, encabezados por Donald Trump e Bolsonaro.

A posición do Goberno español non representa ao noso pobo, á nosa clase obreira, a quen vivimos do noso traballo. Responde unicamente aos intereses da burguesía e dos monopolios españois en Venezuela e alíñase cos sectores máis reaccionarios do imperialismo internacional. Trátase dunha decisión ilegal desde o punto de vista do dereito internacional, que atenta contra a soberanía venezolana. A posición do Goberno do PSOE é tan ilegal como o golpe de estado de Juan Guaidó, e puiden conducir a un enfrontamento civil en Venezuela de dimensións incalculables. Facemos recaer en Pedro Sánchez e no PSOE toda a responsabilidade do que poida suceder.

No momento en que triunfou a moción de censura que fixo Presidente ao señor Sánchez, o noso Partido advertiu ao pobo do carácter capitalista dese goberno socialdemócrata, chamando a non depositar nel a menor confianza e a proseguir a loita. O Goberno do PSOE traizoou as promesas realizadas, móstrase incapaz de responder aos graves problemas do noso pobo e goberna ao servizo da burguesía nacional e internacional. Trátase dun Goberno esgotado que só pode ofrecer máis explotación, máis miseria, e que sitúa a España no centro dos conflitos internacionais facendo gala dunha absoluta irresponsabilidade.

Por todo iso, o PCPE esixe ao Goberno o cesamento inmediato do Ministro de Exteriores, Josep Borrell, e a convocatoria inmediata de Eleccións Xerais en España e paralice todo recoñecemento do golpismo en Venezuela. Ese é o único servizo real que o Goberno moribundo do PSOE lle pode prestar ao noso pobo.

Chamamos ás forzas que en nome da “esquerda” sosteñen ao Goberno español no Parlamento, a retirar de inmediato ese apoio. Pola contra quedarán desenmascaradas ante a clase obreira e o pobo español como cómplices do golpismo venezolano e a reacción internacional. A súa posición imperialista en Venezuela, seguindo unha longa tradición no PSOE, debe converterse na tumba do Goberno de Pedro Sánchez.

Chamamos ao movemento sindical, ao movemento de solidariedade, ás organizacións antiimperialistas, a unha mobilización inmediata contra a posición imperialista do Goberno español e da Unión Europea en Venezuela. A nosa clase obreira, todo o noso pobo, debe manifestarse en solidariedade cos nosos irmáns e irmás de Venezuela, que só a través da construción real do socialismo-comunismo e do poder obreiro, poderán superar a crise capitalista que golpea ao pobo, o cerco imperialista e o golpismo de extrema dereita.

Manifestamos a nosa solidariedade internacionalista coa clase obreira venezolana, coas súas organizacións e, moi especialmente, co Partido Comunista de Venezuela e a súa Mocidade.

A solidariedade é a tenrura dos pobos.

Abaixo o golpismo en Venezuela!

Abaixo o Goberno español!

Buró Político do PCPE
26 de xaneiro, 2019 


Fonte: PCPE
Traducido ao galego pola Revista Forxa.