Nin un paso atrás fronte ao capitalismo



Os acordos acadados polo Partido Popular e Ciudadanos para gobernar Andalucía co apoio de Vox conteñen numerosas medidas que atacan as traballadoras e traballadores andaluces. Destacan, entre outros, os ataques aos dereitos das mulleres traballadoras e á loita contra a violencia machista. O programa de Vox é o programa de máximos das grandes empresas no noso país e a oligarquía séntese moi cómoda coas súas posicións. Malia as liortas do xogo parlamentario, o novo goberno de PP e Ciudadanos realizará boa parte das medidas de Vox.

En Andalucía, onde o PSOE agora se escandaliza despois de perder o Goberno que ocupou durante décadas, non hai que esquecer que a Lei de Medidas de Prevención e Protección Integral contra a Violencia de Xénero andaluza aprobada este verán cos votos do PSOE, PP, Ciudadanos e Podemos non é máis ca un brinde ao Sol xa que, se ben tipifica máis casos de violencia machista, non foi dotada dun euro máis no orzamento con respecto á lei anterior.

As e os comunistas consideramos que os chamamentos a “Frontes democráticas ou antifascistas” feitos por Podemos e IU, que pasan pola alianza co PSOE, supoñen seguir aplicando as mesmas medidas que levaron ao auxe da extrema dereita. A estes chamamentos a unha falsa unidade, o noso Partido responde chamando a forxar a unidade da clase obreira contra o capitalismo, a reacción e todos os seus defensores, fortalecendo os sindicatos de clase e a súa unidade na loita, organizando política e sindicalmente a clase obreira migrante e a erguer un forte Partido Comunista no noso país.

Comunistas da Galiza-PCPE e os CMC chamamos o conxunto da clase obreira a non lle dar nin un minuto de respiro aos que aspiran a acabar cos nosos dereitos sociais, laborais e democráticos. Chamamos a desenvolver a loita en cada empresa e en cada sector, a mobilizarse nos barrios e nos centros de estudo contra toda medida tendente a recortar os nosos dereitos. Nese sentido facemos un chamamento ás organizacións sindicais a convocar Folga Xeral o vindeiro 8 de Marzo, e ao conxunto da clase obreira a apoiar as mobilizacións que ese día se convoquen.

Por un país para a clase obreira!