Loitando en defensa das pensións


Comunistas da Galiza-PCPE apoia e chama a apoiar a mobilización nacional convocada pola CIG para o 26 de xaneiro en Compostela en defensa do sistema público de pensións.

A nova reforma da xubilación aprobada en decembro polo  PSOE non reverte as medidas regresivas das contrarreformas de 2011 e 2013, senón que  lesiona gravemente o dereito de xubilación parcial aos 61 anos, excluíndo a maioría de traballadores e traballadoras da posibilidade de acollerse a este dereito.

Traizoando as súas propias promesas preelectorais, pero consecuente coa súa traxectoria de impulsora das contrarreformas laborais e do sistema de pensións, a socialdemocracia no goberno, lonxe de derrogalas e restituír o dereito universal á xubilación parcial anticipada aos 61 anos, deixa fóra deste dereito o 85% da clase obreira. Reservan a posibilidade de acollerse a esta figura nada máis que aos cadros de persoal das empresas manufactureiras, e dentro deles, só ao persoal directamente ligado á produción.

Continuando coa súa política de xestos, o goberno PSOE véndenos como restitución parcial aos traballadores/as dun dereito arrebatado, o que non é máis ca unha manobra pactada cos monopolios da automoción e as grandes empresas para abaratar os custos salariais descargando parte deles na Seguridade Social e contratando mocidade máis barata que os obreiros veteranos/as, no marco dos contratos “de relevo”.

“Mellorar a competitividade” e aumentar os beneficios privados dos grandes monopolios son os verdadeiros obxectivos da medida aprobada o 7 de decembro polo goberno capitalista.

Esta medida chove sobre mollado, sobre un panorama de deterioro galopante dos nosos dereitos xubilatorios  que vimos sufrindo desde as reformas de 2011 e 2013 do  PSOE e do  PP, tanto en materia de idade xubilatoria, como de anos de cotización esixidos, fórmula de cálculo das contías e desvinculación do IPC.

O desmantelamento do sistema público de pensións e a privatización das mesmas afunde na miseria a quen cotizou toda a vida, e a ampliación da idade xubilatoria condena a nosa mocidade ao paro e á migración forzosa.

A defensa dos nosos dereitos xubilatorios  é unha loita de toda a clase traballadora.

Cómpre erguer a fronte única da clase obreira contra as medidas antiobreiras e antipopulares do novo goberno capitalista que xa tivo 8 meses para amosar, unha vez máis, a quen serve.

Defendamos o sistema público de pensións, unha conquista histórica da nosa clase, da loita sindical e da unidade obreira.

Respondamos con mobilización. Paremos o retroceso dos nosos dereitos loitando.