Infame sentenza das hipotecas: o Supremo confirma a teoría marxista do Estado

Albert Camarasa

Bastaron unhas poucas horas de presións da patronal da banca para que o Tribunal Supremo, de maneira inaudita, conxelase unha sentenza firme para posteriormente virala 180º e que fosen os hipotecados os que pagasen os máis de 5000 millóns do imposto retroactivo en disputa.

Marx, na súa tese sobre o Estado, dicía que este “non é máis que a xunta que administra os negocios comúns da clase burguesa”. Unha soa clase, os grandes empresarios, concentran todo o poder. Os supostos poderes independentes do Estado non serían, segundo Marx, máis que unha teatralización aos ollos dos explotados para facerlles pensar que o seu voto ten algunha utilidade. Tanto o poder executivo, como o lexislativo, como o xudicial responderían, en última instancia, ao verdadeiro poder da clase burguesa. Doutra banda a teoría burguesa trátanos de convencer de que isto non é así. Os tres poderes serían (salvo algunha excepción) independentes e suxeitos á vontade popular que se expresa mediante o voto. Como todo o mundo ten dereito a voto, todos seriamos iguais. O poder económico non existiría nesta ecuación. A señora Botín tería os mesmos dereitos e deberes que calquera dos seus miles de hipotecados. Estas dúas teorías sobre o Estado son antagónicas. Unha é certa e a outra non.

Que deben facer os marxistas en consecuencia? A cada fisura no discurso dominante, facer ver á clase obreira a verdadeira natureza do Estado, desgastar e debilitar todos os poderes do Estado incesantemente e erosionar a confianza do pobo cara aos seus explotadores. A infame sentenza do Supremo é unha boa oportunidade para iso, non porque sexa algo excepcional, senón pola clara torpeza do movemento.

Para neutralizar a situación aparece, como non, a socialdemocracia, escudeira do flanco esquerdo do sistema. O PSOE escenifica un Decreto que a pouca xente consegue enganar, pois todo o mundo sabe que o que se xogaba de verdade era a retroactividade e non o pago do imposto a futuro que os bancos van repercutir directamente sobre os endebedados. Máis daniña aínda é a intervención da nova socialdemocracia. PODEMOS e EU chamaron aos cidadáns a esixir unha xustiza independente e unha separación de poderes real, é dicir, a esixir un modelo de Estado capitalista ideal. Non soamente asumen os postulados burgueses do Estado, senón que os trasladan á clase obreira como o modelo polo que loitar. Pablo Iglesias está a converterse, sen dúbida, no mellor herdeiro de Felipe González.




Traducida ao galego por: Revista Forxa