Grandes retos para a nosa clase no 2019



É un costume moi estendido formular algún propósito de ano novo. Logo de cada Noitevella semella pecharse un ciclo e abrirse outro novo, que se enfronta con máis ánimo e motivación se nos fixamos algún obxectivo concreto. Nós, para non ser menos, fixámonos como obxectivo que 2019 sexa un ano de avances para a maioría traballadora 

A clase obreira e os sectores populares están a ser vítimas dun toma e daca entre burgueses que só pode rematar ben se, como os bolxeviques en 1917, somos capaces de aproveitar as contradicións entre eses sectores burgueses contra eles mesmos. Nesa chave queremos os avances para a maioría obreira e popular, máis alá do mero reparto —máis ou menos xeneroso— dunha parte do que nos rouban día tras día nos centros de traballo.

Os avances que nós queremos para 2019 son consecuencia, fundamentalmente, dunha cada vez maior capacidade de organización e de loita da clase obreira, pero, sobre todo, do efecto que as vitorias parciais teñen sobre a conciencia de quen as protagonizou. Os avances non son só vitorias obreiras —como acadar mellores condicións na negociación dun convenio colectivo — ou populares —como deter un desafiuzamento—, senón o incremento de conciencia, traducido en convicción de que as vitorias máis ambiciosas son posibles por medio da loita que se realiza de forma unitaria.

O cambio de Goberno que se produciu, de forma inesperada, en xuño de 2018, pode repetirse en 2019 de xeito un pouco menos abrupto. A extrema debilidade con que Pedro Sánchez comeza xaneiro vai determinar o ano entrante, e a capacidade e vontade doutros suxeitos políticos será a que determine se o 26 de maio nos enfrontaremos a un macroproceso electoral de consecuencias imprevisibles ou se o PSOE aguantará ata o debate dos seguintes orzamentos xerais.

Así as cousas, 2019 será un ano en que, realmente, pode pasar de todo en termos políticos, económicos e sociais. No económico a recuperación capitalista non é tan intensa como algúns quererían, o que traerá consigo mobilizacións. Como en anteriores ocasións, o Goberno capitalista do PSOE tentará manter controlada a mobilización obreira e popular mediante o clásico recurso do pau e da cenoria: argumentarán que os limitados avances económicos e sociais pactados entre as dúas alas da socialdemocracia só se poderán confirmar de se aprobaren os seus orzamentos, tratando así de someter toda crítica, toda mobilización ou toda loita aos vaivéns dun xogo parlamentario que, baixo o capitalismo, nunca beneficia á maioría traballadora, senón a quen ten mellor capacidade de negociación entre trileiros. Que os nosos dereitos se teñan convertido nunha mera man dunha partida de póker é algo que debería facernos pensar…

Mais o noso compromiso é outro, ben distinto do que teñen en mente os socialdemócratas do PSOE ou de Unidos Podemos. Ao longo deste ano vanse producir múltiples loitas da nosa clase, quéirao ou non o actual Goberno e quéirano ou non as cúpulas dos principais sindicatos do país. E noutras loitas, que inicialmente poden non ter unha clara compoñente obreira, será a nosa responsabilidade sermos capaces de incorporar a perspectiva e a orientación de clase para que non se convertan en meros caladoiros de votos, para que os políticos burgueses e capitalistas vaian facerse unha foto e logo esquecerse ata que haxa que votar.

O vindeiro 8 de Marzo será unha data chave. Non só porque é previsible que, seguindo a tónica do ano pasado, sexa un día de mobilizacións masivas, senón porque é unha gran oportunidade para recuperar o ton de loita de masas que se viña levantando desde comezos de 2018 pero que se viu abruptamente interrompido polo voto de confianza que as principais organizacións sindicais, que estaban a piques de convocar Folga Xeral en outubro contra o anterior Goberno, lle deron ao PSOE. Como se o PSOE, durante os máis de 20 anos nos que estivo na Moncloa, non tivese dado exemplos abondo do que é capaz de facer contra a maioría obreira e popular do noso país.

Hai que enfocar o 8 de Marzo como o punto de partida dun novo ciclo de mobilizacións que poña no punto de mira non só uns gobernos e uns partidos, senón o conxunto de gobernos e partidos que sosteñen o capitalismo español, que apuntalan un sistema económico caduco, baseado na desigualdade e na explotación, e que non é posible reformar en beneficio da maioría traballadora. Esixamos ás principais organizacións sindicais deste país que convoquen unha Folga Xeral o de Marzo, como forma de demostrar que, goberne quen goberne, a clase obreira non se deixa enganar polos falsos amigos e os falsos dilemas que presentan e que, especificamente, as mulleres traballadoras estamos en pé de guerra contra a sobreexplotación e a violencia que este sistema nos ofrece.

E posteriormente, sigamos traballando na loita por cada convenio, contra cada ameaza de peche de industrias, contra cada recorte en servizos públicos e contra todas as forzas políticas que pretenden aproveitar o malestar que a xestión capitalista xerou en amplas capas populares e a onda de crecente nacionalismo para realizar propostas políticas que, en nome dunha suposta maioría silenciosa reaccionaria, atacan obxectivamente os intereses da maioría social, agravan a nosa explotación e recortan os dereitos que tanto custou conseguir.

En 2019 preséntase ante a nosa clase e o noso pobo o reto de non se deixar atrapar por ningún nacionalismo, de non caer en posicións chovinistas nin ser utilizados por quen quere impoñer unha forma máis agravada de explotación capitalista. O noso propósito de ano novo, o dos comunistas, é estar en primeira liña da loita contra os capitalistas, contra os que lles abren o camiño ás organizacións fascistas e contra os que queren roubar e pisar os dereitos da clase obreira e do pobo traballador do noso país.

Fonte: Nuevo Rumbo
Traducido a galego pola Revista Forxa