Declaración conxunta do PCM e do PCPE


Con motivo da visita oficial do Presidente do Goberno Español a México, o Partido Comunista de México e o Partido Comunista dos Pobos de España, unidos por unha fraternal relación baseada nos principios do internacionalismo proletario, fan pública a presente declaración:

1. O imperialismo entrou nunha fase especialmente perigosa, na que se incrementan todas as contradicións e aumenta o risco dunha confrontación a escala mundial entre as distintas potencias e bloques imperialistas, en plena disputa por un novo reparto do mundo. A visita do Presidente español a México e a firma de varias declaracións conxuntas entre ambos os gobernos, encádrase plenamente nesa disputa mundial, na cal tanto un goberno coma outro defenden os intereses da burguesía.

2. Tanto o Goberno de López Obrador coma o de Pedro Sánchez, son gobernos burgueses que practican unha xestión capitalista, antiobreira e antipopular. Así o confirma o feito de que o Presidente Sánchez viaxe acompañado dunha delegación composta exclusivamente por vinte e cinco grandes empresas, que procuran estableceren novos pactos para favorecer a exportación de capitais, o acceso aos recursos e a explotación da clase obreira; o mesmo que os capitalistas mexicanos presentes en España. Entre ambos os países existen evidentes relacións de interdependencia desigual de extraordinaria importancia. O capital español ocupa o segundo lugar en investimentos en México e o capital mexicano o quinto en España.

3. A colaboración entre ambos os gobernos non expresa os intereses da clase obreira mexicana e española, nin representa os estreitos vínculos fraternais que existen historicamente entre os nosos pobos. Trátase dunha colaboración entre a burguesía española e a mexicana en contra dos traballadores e traballadoras de ambos os países, representadas polos seus gobernos capitalistas. Así o demostran os orzamentos presentados por ambos os gobernos, nos que mentres se incumpren as principais promesas realizadas ao pobo, manteñen as políticas de disciplina fiscal e estabilidade financeira practicadas por anteriores gobernos e avanzan na militarización dos nosos países. En España e México estáse confirmando, unha vez máis, o verdadeiro carácter da vella e da nova socialdemocracia e o seu transcendental papel para a pervivencia da explotación capitalista a costa da clase obreira.

4. A visita a México do Goberno español prodúcese tras un intento de golpe de estado en Venezuela, no cal a reacción local está contando co apoio directo de varios gobernos que, violando abertamente a soberanía e o principio de non inxerencia, tratan de derrubar o Goberno da República Bolivariana de Venezuela, recorrendo a unha presión multifacética contra a clase obreira e contra a maior parte do pobo venezolano que resisten o golpe de estado e as inxerencias externas.

O Presidente Pedro Sánchez, representando os intereses da burguesía española en Venezuela e facendo de punta de lanza da Unión Europea do capital e a guerra, trata de achegar posturas co Goberno de López Obrador recorrendo ao pretexto do diálogo, mentres se libra unha guerra non declarada contra o pobo venezolano e varios gobernos capitalistas están procedendo a incautar bens e recursos no exterior que só pertencen ao pobo venezolano.

O Partido Comunista de México e o Partido Comunista dos Pobos de España rexeitan frontalmente o golpe de estado en Venezuela, expresan a súa solidariedade internacionalista coa clase obreira venezolana, co irmán Partido Comunista de Venezuela (PCV) e coa Xuventude Comunista de Venezuela (JCV), e facemos un chamamento á clase obreira dos nosos países para loitar contra as inxerencias dos nosos gobernos en Venezuela e contribuír a derrotar o golpe de estado.

Declaramos que, desde o noso punto de vista, os efectos da crise capitalista en Venezuela, amplificados polo boicot da burguesía local e polas medidas de agresión adoptadas por potencias estranxeiras, só poden ser superados derrocando o capitalismo venezolano e construíndo un novo poder obreiro e popular sobre a base da socialización dos principais medios de produción do país, dando comezo á construción do socialismo-comunismo en Venezuela.

5. O PCPE e o PCM teñen unhas profundas relacións de colaboración en todas as ordes, somos membros dos Encontros Internacionais de Partidos Comunistas e Obreiros e formamos parte do Consello de Redacción da Revista Comunista Internacional. As nosas estreitas relacións baséanse nos principios do marxismo-leninismo e do internacionalismo proletario e en compartir, xunto con moitos outros partidos comunistas e obreiros do mundo, unha mesma estratexia revolucionaria dirixida á toma do poder político pola clase obreira e á construción do socialismo-comunismo, en correspondencia coa época que vivimos, que non é outra que a da transición do capitalismo ao socialismo, a era das revolucións proletarias.

Saudamos a clase obreira mexicana e a española, que nestes momentos libra loitas importantes en distintos sectores da produción, e facemos un chamamento a fortalecer a organización sindical e política nos centros de traballo para enfrontar con máis decisión e máis forza a explotación capitalista. Chamamos os nosos pobos a rexeitar a colaboración e os pactos da burguesía española e mexicana, dirixidos a incrementar a nosa explotación e a da clase obreira doutros países, e a desenvolver unha estreita solidariedade proletaria, conscientes de pertencer a unha mesma clase obreira mundial e de librar unha mesma loita.

6. O Partido Comunista de México e o Partido Comunista dos Pobos de España incrementarán a súa xa estreita colaboración revolucionaria ante as decisivas loitas que están por vir. O futuro será socialista-comunista.

Proletarios de todos os países, unídevos!

Fonte: PCPE
Traducido pola Revista Forxa