O PCPE ante os resultados electorais en Andalucía e o avance da extrema dereita


Os resultados das eleccións ao Parlamento de Andalucía, celebradas no día de onte, supuxeron un envorco político e supoñen un primeiro ensaio do que pode chegar a acontecer en toda España.

O Buró Político do Partido Comunista dos Pobos de España chama toda a clase obreira, os parados e pensionistas, as mulleres e a mocidade de extracción obreira e popular, a abrir unha seria reflexión sobre o acontecido e sobre os pasos decisivos que debe dar o movemento obreiro no noso país.



Significación do resultado electoral.

A derrota sufrida polo PSOE e por Adelante Andalucía, e a posibilidade de que o Partido Popular, Ciudadanos e Vox exerzan a súa maioría nomeando un novo Goberno, suporía a fin de décadas de xestión socialdemócrata do capitalismo en Andalucía e a súa substitución por unha xestión neoliberal.

Esa é a verdadeira significación do cambio de correlación de forzas no Parlamento Andaluz, con independencia das exaxeracións que os medios de comunicación nos mostran nos seus titulares defendendo unha ou outra forma de xestión capitalista.

A xestión realizada durante décadas polo PSOE andaluz en nada difire da realizada noutras partes de España polo Partido Popular e por outros partidos capitalistas. As consecuencias da última crise económica descargáronse sobre as costas do pobo traballador. Nas empresas intensifícase a explotación capitalista. Nos barrios obreiros das cidades e pobos esténdese a miseria. E as políticas que nos condenan á miseria e á explotación mantéñense e manteranse, con independencia de que haxa ou non crecemento económico e de que gobernen uns ou outros.

Non hai saída no capitalismo. Os salarios non chegan para satisfacer as necesidades máis básicas de alimentación, educación, vivenda, sanidade, etc. Mantéñense insoportables niveis de paro forzoso, precariedade, temporalidade, róubanse millóns de horas extraordinarias, alóngase a idade de xubilación, etc. Os partidos capitalistas, chámense como se chamen, comparten e defenden o mesmo sistema político de corrupción e saqueo do pobo. En Andalucía e en toda España, desde o máis pequeno Concello ata o Goberno, a corrupción estivo e está na orde do día.

Ningunha das nosas necesidades está garantida nin pode ser satisfeita no capitalismo, en cuxas entrañas estase a xestar unha nova crise económica para a que os capitalistas levan tempo preparándose, no económico e no político, en España e en todos os países capitalistas. O resultado das eleccións andaluzas é boa proba diso.


O avance da extrema dereita.

A entrada no Parlamento Andaluz de Vox, con 12 deputados e un 10,9% de porcentaxe electoral, é unha mala noticia para a clase obreira e o pobo, mais non debe sorprender ninguén. O noso deber é analizar ese avance e tomar as medidas políticas, ideolóxicas e organizativas que lle poñan freo.

As forzas de extrema dereita non xorden dun día para outro. Vox é unha escisión do Partido Popular, no cal, desde o final da ditadura franquista, intégranse forzas de ultradereita. Como partido capitalista de extrema dereita, Vox conta cun importante apoio económico dos patróns. De feito, durante esta campaña electoral, recoñecen ter gastado cando menos 1,4 millóns de euros. Contan tamén cun importante apoio mediático, pois sectores concretos do capital, que manteñen o control das empresas da comunicación, están interesados no seu desenvolvemento e consolidación.

O avance da extrema dereita ten responsables políticos. A xestión realizada polo PSOE é unha xestión capitalista, baseada na defensa dos intereses empresariais en contra dos intereses das maiorías obreiras e populares, que condena as masas á frustración e a un descontento crecente. Falan demagoxicamente no nome dos traballadores, mais defenden os capitalistas e están absolutamente implicados nas súas redes de corrupción. Xogaron co lume, tratando de dividir as forzas de dereita, e o lume fóiselles das mans, nunhas condicións nas que existe un forte descontento popular froito da súa propia xestión.

As falsas ilusións xeradas pola nova socialdemocracia que representa Adelante Andalucía, o mesmo que por Podemos e por quen se supeditan a eles en toda España, pronto se viron frustradas. Prometíanlle ao pobo un capitalismo “con rostro humano”, un capitalismo “democrático e social”, no que todo o mundo ía poder ter un futuro digno e próspero.  Con esas falsas bandeiras xestionan o poder capitalista en grandes cidades (Cádiz, Madrid, Barcelona, etc.), frustrando unha vez tras outras as lexítimas aspiracións do pobo traballador, o mesmo que os seus socios do PSOE, e atacan a conciencia política da clase obreira promovendo o seu fraccionamento e división a través de mensaxes políticas e ideolóxicas difusas, líquidas, posmodernas, propias do cosmopolitismo capitalista que caracteriza a esquerda desclasada que abandonou a loita de clases.

Nestas condicións de descontento popular, explotación e miseria, nas que a socialdemocracia corrompe a conciencia da clase obreira e dos sectores populares e frustra as súas lexítimas aspiracións, prende o avance da extrema dereita, apoiada e financiada por sectores empresariais que se preparan para intensificar a represión contra o movemento obreiro. Ese terreo está abonado polos conflitos territoriais, nos que se sitúa o pobo baixo un ou outro nacionalismo, baixo unha ou outra bandeira. Estimúlase a nosa división, o odio á clase obreira migrante, o anticomunismo e a reacción máis aberta e descarnada. Trátase dun fenómeno internacional, no cal tal ou tal outro avance da extrema dereita nun país facilita o avance xeral da reacción.


Fronte única da clase obreira contra o capitalismo e a reacción.

Tras os resultados electorais en Andalucía e o avance de Vox, o PSOE lanzouse a defender unha “fronte democrática”, na que se inclúe desde a esquerda capitalista ata o PP e Ciudadanos, baixo o paraugas da Constitución española, unha “fronte constitucionalista”. A disxuntiva na que se sitúa o pobo é a de elixir entre un “capitalismo bo”, o deles, e “capitalismo malo”, o dos outros. Con isto enganan o pobo e tratan de agochar a súa responsabilidade directa no avance da ultradereita, xa que é nese mesmo “capitalismo bo” que defende o PSOE, onde se incuba o ovo da serpe.

Por súa vez, Adelante Andalucía e Podemos, e todas as forzas que a eles se supeditan, falan tamén de erguer “frontes democráticas” e “frontes antifascistas”. Utilizan o lexítimo medo que senten amplos sectores obreiros e populares, para supeditalos a unha estratexia que pasa pola unidade co PSOE, pola supeditación ao capitalismo, por seguir aplicando as mesmas políticas que permitiron o avance da extrema dereita.

A estes chamamentos a unha falsa unidade, o noso Partido responde chamando a forxar a unidade da clase obreira contra o capitalismo e todos os seus defensores. Chamando a formar unha fronte obreira, en cada empresa, en cada sector produtivo e en cada barrio, que combata a diario polos intereses de todo o pobo traballador contra o capitalismo. A organizarnos en todos os niveis para defender un país para a clase obreira, unha patria para o pobo traballador na que os medios de produción estean nas nosas mans. Unha fronte única na que debe integrarse toda a clase obreira, con independencia do seu país de procedencia, do seu xénero ou orientación sexual, do seu idioma ou crenza relixiosa, baixo a consigna que ao longo da historia alimentou todas as nosas loitas: Proletarios de todos os países, unídevos!, xa que contra a fronte unida dos capitalistas, só cabe contrapor a fronte unida do traballo.

Urxe comezar a dar os primeiros pasos nesa perspectiva:
·         Fortalezamos os sindicatos de clase e a súa unidade na loita. Chamamos a responder ao avance da reacción cunha afiliación masiva ás organizacións sindicais. A impulsar a loita nas empresas e sectores desde posicións clasistas de confronto coa ditadura capitalista. Chamamos a acumular forzas nos sindicatos e a dirixir esas forzas contra o capitalismo.

·         Organicemos a clase obreira migrante política e sindicalmente. Chamamos as direccións sindicais a todos os niveis a intensificar os esforzos para organizar a clase obreira migrante, a unir a todos os traballadores, con independencia do seu país de procedencia, nunha soa loita polos nosos dereitos, enfrontando toda manifestación de racismo e xenofobia, empresa a empresa e sector a sector.

·         Ergamos un forte Partido Comunista no noso país como única garantía para derrotar o capitalismo e todos os seus defensores, para conquistar un país para a clase obreira. Chamamos a clase obreira a organizar células comunistas nos centros de traballo, nos sectores produtivos, nos polígonos industriais e nos barrios obreiros. Chamamos os traballadores e traballadoras a fortalecer o Partido Comunista, que é a nosa principal arma contra o capitalismo e a reacción.

O Buró Político do PCPE manifesta a vontade do noso Partido de manter cantos contactos sexan necesarios con outras forzas obreiras e populares para fortalecer unha fronte unida da clase obreira que persiga o propósito común de derrotar o capitalismo e todos os seus defensores, de frear a reacción e de conquistar un país para a clase obreira, para conquistar unha patria do traballo que derrote a patria do capital.

Por un país para a clase obreira!

Unidade obreira para derrotar o capitalismo e a reacción!

3 de decembro de 2018

Buró Político do PCPE.