Ante o fallo do Tribunal Supremo sobre os impostos hipotecarios a favor da banca


O Tribunal Supremo acaba de decretar que son os clientes os que deben e deberán pagar o imposto de Actos Xurídicos Documentados. A pesar de terse demostrado que son os bancos os interesados en realizar a escritura e por tanto quen debería facerse cargo do imposto, o alto tribunal español volve pórse ao lado da banca contra os intereses de miles de familias. A argumentación foi que a decisión do 18 de outubro tería un alto impacto económico na banca. O alto impacto aos miles de familias endebedadas non lles importa.

Marx, na súa tese sobre o Estado, dicía que “non é máis que a xunta que administra os negocios comúns da clase burguesa”.
O Estado é por tanto un poder único na cúspide do cal está a clase burguesa, a propietaria das grandes empresas. Fronte a esta tese, os defensores do capitalismo dinnos que en realidade hai tres poderes separados, dirixidos á fin e ao cabo pola vontade dos cidadáns expresada en votos. O poder económico non existiría neste esquema, e o obreiro e o burgués serían iguais ante as leis. Estas dúas teses son irreconciliables; unha é certa e a outra é falsa. A decisión inaudita do Tribunal Supremo de paralizar unha sentenza firme para remodelala a vontade da banca demóstranos moi claramente cal das dúas teses é a correcta.

A acalorada discusión no Supremo non foi entre quen defende aos grandes monopolios –todos os membros do tribunal- ou á clase traballadora –ningún-, senón até que punto creen que se pode tensar a corda defendendo os intereses da banca sen perder o apoio maioritario da poboación no sistema político e xudicial.

O único contrapeso que a burguesía ten á hora de defender os seus intereses é a organización popular.

O eufemismo que se usou estes días, “o medo a que o Tribunal Supremo perda a súa credibilidade”, non é outra cousa que o medo a que a poboación deixe de crer nas súas mentiras e entenda claramente cal é o papel do Estado. É, a final de contas, o medo a perder o seu poder. Por tanto, a clase obreira e o pobo o que deben facer é organizarse, renegar da suposta imparcialidade dos xuíces, deslexitimar o seu poder, elevar a consciencia obreira e difundir as concepcións marxistas.

O PCPE non está preocupado, como algunhas voces da socialdemocracia expresan, polo descrédito da xustiza española senón todo o contrario, por como organizarnos para acabar con ela e todo o poder burgués.

O PCPE chama a todo o pobo traballador a secundar as mobilizacións que se vaian a realizar estes días contra esta sentenza. Os dereitos do pobo traballador garántense loitando por un país para a clase obreira.

Por un país para a clase obreira!

Buró Político do PCPE, 6 de novembro de 2018

Fonte: PCPE
Tradución: Revista Forxa