25 de Novembro: organización e loita contra a violencia machista

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, lembrando o asasinato das irmás Mirabal por orde do ditador dominicano Trujillo.

As mulleres traballadoras somos as que máis padecemos a violencia machista. Aquelas con menos recursos, que non se poden permitir cambiar de domicilio, de traballo ou de cidade. Aquelas que aínda sendo maltratadas, non denuncian porque non poden ser economicamente independentes e viven cun medo constante.


Á nosa discriminación no ámbito laboral, á nosa carga de traballo nas tarefas reprodutivas (crianza, coidados, tarefas domésticas…), á mercantilización dos nosos corpos, únese a máxima expresión de discriminación sobre a muller traballadora: a violencia física, psicolóxica e verbal.

Desde as institucións sinálannos constantemente que se loita diariamente contra a violencia sobre as mulleres, pero os datos indícannos que menten. A lexislación actual nin protexe nin coida as mulleres maltratadas. Tanto dá que se denuncie, que haxa ordes de alonxamento, que haxa perigo real para a muller, que sigan a asasinarnos: a xustiza sigue a rir de nós.

Perséguese as mulleres por loitar, por defender os dereitos que lles corresponden. Tortúrase e asasínase polo mundo adiante a toda aquela muller que saia das normas establecidas pola burguesía.

En cambio, incentívase e deféndese que alguén poida mercar o corpo dunha muller para enxendrar un neno ou unha nena que non lles pertence, incítase a abortar se ese neno ou nena non gusta a quen o merca, pero se se aborta por motivos de saúde ou polo simple feito de decidir libremente non querer ser nai, castígase, perséguese e sinálase co dedo.

Esta violencia está intrinsecamente vencellada ao sistema. Un sistema que nos explota como clase e nos maltrata como mulleres. Un sistema, o capitalista, que permite que a muller traballadora sufra todo tipo de humillacións, vexacións e insultos. O capitalismo aboca a muller traballadora a vivir nun entorno rodeado de incerteza, preocupación e medo.

A desigualdade é algo propio do sistema capitalista, e como tal, é imposible acadar a igualdade real para as mulleres traballadoras dentro do capitalismo. Un sistema que nos explota, nos oprime e nos discrimina é incapaz de garantirnos os nosos dereitos e de ofrecernos o que precisamos como clase traballadora.

A loita da muller traballadora non pode ser allea á loita do conxunto da clase obreira, e só por medio da organización co resto da nosa clase seremos capaces de conseguir a nosa liberación e poñer fin a calquera tipo de violencia.

Para as comunistas, a loita pola nosa emancipación é parte inseparable da loita de clases. Estamos convencidas de que só mediante a loita revolucionaria poderemos avanzar cara á nosa propia emancipación. Organicémonos como clase obreira xunto aos nosos compañeiros para combater e reivindicar os nosos dereitos e pola fin da violencia sobre as mulleres en todas as súas formas.

Loitar por un país para os traballadores e traballadoras significa loitar pola fin da  explotación e da desigualdade. Loitar por un país para a muller traballadora é loitar polo noso futuro e polo dos nosos fillos e fillas. Loitar por un país para a maioría traballadora e os sectores populares é loitar por un país para a clase obreira.