Lendas, racismo e migracións


Hai máis de dous meses, o Goberno español decidía acoller os máis de 600 inmigrantes do Aquarius. Razóns humanitarias levábano a asumir unha solución de emerxencia. Pouco se podía dicir ao respecto, saudar o xesto e esperar que a política migratoria, a partir de agora, fose así. A prensa vendíanos que o cambio chegara á Moncloa e que o “Refugees welcome” parecía concretarse en algo máis ca unha consigna e unha camiseta.

Pero a realidade é teimuda e imponse. Abonda con mirar cara a atrás, lembrar titulares, declaracións e tirar de hemeroteca. Ás poucas semanas da chegada do Aquarius, o goberno valenciano improvisou e acolleu os refuxiados cuns recursos mínimos, exiguos. De aí pasamos ás devolucións en quente en Ceuta. Os refuxiados xa non eran benvidos. O exercicio do dereito a asilo recibía agora resposta violenta. Poucos días despois, o Ministro do Interior endureceu aínda máis a situación e cualificou como “organización criminal“ o intento de refuxiados de chegar a España e pouco despois, a delegada do goberno en Ceuta decidiu ameazar coa lei do Talión: “quen entre violentamente vai recibir o mesmo pago”.

Aí é cando abres a prensa e o argumentario racista o impregna todo, máis ou menos agresivo, pero en definitiva, racista. O argumento do goberno para endurecer as políticas migratorias é un xogo de palabras: “humanidade non é permisividade”. O PP e C’s criminalizan os inmigrantes e falan de “invasión”. La prensa converte os manteiros en inimigos das cidades de Barcelona e Madrid. A alarma social xa está xerada e o Goberno véndenos as razóns de Estado que o levan a tomar estas decisións, a defensa das “nosas fronteiras”. O debate social xa está condicionado: “non collemos”, “non hai traballo para todos”. Así xéranse as lendas que día a día se repiten sen comprobar datos.

Coñecer un pouco a realidade da clase obreira migrante axudaranos a obter respostas. É realmente unha invasión? Hai uns anos, o 86% dos refuxiados situábase en países pobres. Por tanto, España non está entre as súas prioridades. Mesmo así, as peticións de asilo en España para febreiro de 2018 eran unhas 40.000. O ano pasado só se aprobaron a metade das peticións. Pídense menos solicitudes de asilo e ademais apróbanse menos. Se cadra, así se entenda por que algúns se vén forzados a saltar o valo.

Medraron exponencialmente os movementos migratorios nos últimos anos? Os movementos migratorios déronse sempre na historia da humanidade, desde hai séculos e ata a actualidade. Non son un “problema actual” senón unha dinámica social habitual –que non un problema- do ser humano. A poboación mundial multiplicouse, e con iso os fenómenos relacionados, como as migracións. A organización Cáritas (non sospeitosa de comunista) sitúa o crecemento das migracións nunha constante do 3%. A cuestión é que agora adquire tinturas aínda máis dramáticas, no sur de Europa.

Quítannos o traballo e as axudas? Os datos demostran que achegan máis en impostos que as axudas recibidas. Hai numerosos cálculos de diversas ONG’s que desmontan estes argumentos racistas, tanto en España como noutros países de Europa. As taxas de paro son sempre máis elevadas na clase obreira inmigrante que entre a nativa e empréganse en peores condicións. As axudas son para persoas en perigo de exclusión social, sexan inmigrantes ou nativas. Pero mesmo as que son para a condición de “refuxiado” proceden doutras fontes.

Un pouco de perspectiva social e histórica axúdanos a entender as migracións. Desde o impacto do capitalismo, o colonialismo e o imperialismo, os movementos migratorios aumentaron, tanto a nivel nacional como internacional. As políticas de miseria impostas a África, América Latina, etc, teñen as súas consecuencias. A xente busca un mínimo para sobrevivir onde sexa e a calquera prezo. Os nosos avós e bisavós emigraron e fixeron exactamente o mesmo. España é un país de migracións e o racismo, nin antes, nin agora, foi unha solución.


Álvaro Luque


Fonte: Novo Rumbo nº 11