Contra as mentiras da patronal do Naval en Vigo


Hoxe en Vigo, acompañamos os nosos compañeiros da federación de Industria da CIG, nunha concentración de delegados e delegadas ante a sede de ASIME, a patronal do Metal.

  • Denunciamos a campaña de mentiras orquestrada cos medios de prensa ao servizo do capital, segundo a cal, a construción naval de Vigo entrou nunha etapa de crecemento e padece unha grave carencia de traballadores cualificados. Ao contrario. A realidade é que o emblemático estaleiro Vulcano está a punto de pechar, e perdéronse xa 600 postos de traballo no que vai de ano no sector. A realidade é que milleiros de obreiros cualificados tiveron que emigrar en procura de sustento para as súas familias.
  • Denunciamos as tremendas condicións de precariedade, temporalidade e falta de seguridade nas que se están a realizar as novas contratacións, que non superan hoxe os 2.000 efectivos, cando antes da crise traballaban 10.000 obreiros nos estaleiros.
  • Denunciamos que as campañas publicitarias da patronal só buscan conseguir financiamento público para cursos de formación cos que lucrarse, a cambio de xerar falsas ilusións sobre unha recuperación da construcción naval en Vigo.

Desde a organización de Vigo de Comunistas da Galiza-PCPE, esiximos carga de traballo para os estaleiros e a nacionalización de todo o sector.

Por unha industria naval pública ao servizo do pobo traballador!
Por un país para a clase obreira!

Comunistas da Galiza-PCPE