ALCOA non se pecha! Nacionalización dos sectores estratéxicos!


Ante o anuncio da multinacional norteamericana ALCOA CORPORATION, de pechar as súas fábricas na Coruña e Avilés, o Comité Nacional de Comunistas da Galiza-PCPE quere manifestar o seu total rexeitamento a esta medida, a súa máis firme solidariedade cos traballadores afectados e a súa exixencia da inmediata nacionalización de todas as factorías de ALCOA, das empresas enerxéticas e dos sectores económicos estratéxicos.

Desde a privatización da empresa INESPAL (mediante a súa venda a ALCOA por 370 millóns de euros) en 1998 até o 2015, as factorías que hoxe se queren pechar producíronlle á multinacional ianqui máis de 1.400 millóns de euros de beneficios. Os sucesivos gobernos centrais e autonómicos argallaron todo tipo de medidas subsidiando o custe da electricidade para ALCOA con arredor de mil millóns de euros. Diñeiro público que ía directamente ao peto dos accionistas da multinacional. Mentres, as factorías non recibían o adecuado proceso de modernización e melloras técnicas que asegurase a súa “competitividade”.

Unha vez máis, pretenden que a clase obreira, que todo o produce co seu traballo, pague os pratos rotos do festín da gran burguesía, do capital financeiro. Cando hai crise, temos que apertar o cinto. Cando xa non hai crise, temos que apertar o cinto, tamén.

A clase obreira galega non debe consentir este novo paso no proceso de desertización industrial da Galiza. Hoxe están ameazados os case 400 postos de traballo na factoría da Coruña e máis de 300 dos nosos irmáns asturianos. Non o dubidemos, mañá, a infinita ansia de lucro do Capital xustificará tamén a eliminación dos máis de mil empregos de San Cibrao (Lugo).

Mentres a clase obreira non tome o control do que é seu, non haberá solución definitiva para os traballadores. Debemos, desde xa, reclamar o que é noso, porque foi construído co noso traballo, para deixar de ser vítimas dos caprichos do capital.

Esiximos a NACIONALIZACIÓN DE ALCOA, do sector enerxético e de todos os sectores estratéxicos. A enerxía que emprega o sistema produtivo, do que dependen o progreso e o desenvolvemento social, non pode estar nas mans dos intereses do capital.

O Partido Comunista chama o conxunto da clase obreira e do pobo traballador galego a defender a permanencia das industrias e dos postos de traballo que deben asegurar un futuro económico e produtivo na Nosa Terra.

Chamamos a prestar a máxima solidariedade á loita dos traballadores e traballadoras das factorías de ALCOA que, defendendo o seu emprego, defenden o noso porvir.

Chamamos a apoiar as mobilizacións e manifestacións previstas nos días vindeiros para esixir: ALCOA NON SE PECHA!!

Todo para quen o produce! Todo para a clase obreira!
ALCOA NON SE PECHA !!
A INDUSTRIA GALEGA NON SE PECHA !!
POLA NACIONALIZACIÓN DOS SECTORES ESTRATÉXICOS!!