A polivalencia dos peóns na Administración



Con setembro remataron moitos contratos temporais, ben coñecidos pola súa precariedade. Pero non só nas empresas privadas, tamén nas Administracións públicas. Con setembro rematan os prazos para que os concellos liquiden algúns dos contratos que subvenciona a Xunta.

Estas contratacións temporais en masa, precarias de por si, parecen ter unha única categoría: peón.

Poñamos un exemplo. No Concello de Cedeira, para mantemento, hai un cadro de persoal fixo formado por: 1 xardineiro, 1 albanel, 1 pintor, 1 condutor, 1 electricista e 2 peóns interinos de xardinería e electricidade; son 7 en total.

Dende xuño deste ano, contratáronse 6 peóns de mantemento da bolsa de traballo. Logo sumáronse 2 peóns  e, por último, 5 peóns máis polo Programa de Integración Laboral. 13 en total. Todos/as peóns. Como pode ser que un concello case triplique o seu cadro de persoal de mantemento só con peóns? E non esquezamos que hai máis contratos temporais, aparte dos de mantemento, que seguen sumando peóns, como son limpeza de praias, etc.

Estes 5 últimos ían ser nun principio 4, cun contrato de 6 meses. No concello tardaron en facer os trámites e, con data límite de remate de contratos, decidiron que serían 5 durante 5 meses. Ao final volvéuselles facer tarde e tampouco chegarán aos 5 meses. Mala xestión que acaba pagando o traballador ou a traballadora. Máis grave se cabe, se temos en conta que, para optar a estes postos valórase o risco de exclusión social.

Tamén se ten en conta a idade para os postos. Traballadores e traballadoras con décadas de experiencia aos que non se lles valoran os seus coñecementos excepto, claro, á hora de asignarlles traballo. Entón si que se teñen en conta os seus coñecementos e ignórase para que posto foran contratados e contratadas.

Como pode ser que se realicen obras novas de recollida de augas só con peóns? Como pode ser que se fagan impermeabilizacións de tellados só con peóns? Como pode ser que se pavimenten novos camiños só con peóns? Pois estas obras, e moitas máis, son as que se están a acometer por peóns, e só por peóns, en boa parte dos concellos.

Todas e todos peóns. Esa categoría que dende a Xunta e os concellos aliñados coa visión da patronal queren facer universal. Soldos baixos para todo tipo de traballos.

Desde Comunistas da Galiza-PCPE denunciamos a falta de obxectividade nas contratacións por parte dos concellos, na relación entre os postos dos traballadores/as e os traballos a realizar. Non se debe pór confianza nunha xestión dos Concellos que descoñece ou, peor aínda, despreza o valor da experiencia e os coñecementos dos e das traballadoras.

O Partido Comunista considera que este modelo de contratación precario, sen recoñecemento profesional nin das especialidades laborais, constitúe un abuso, máis descarado se cabe, ao ser posta en práctica polas institucións locais e os concellos aos que se lles presupón un mínimo respecto polas condicións laborais en que os traballadores e traballadoras son contratadas e prestan os seus servizos. A "superación" da crise capitalista sen a contestación contundente por parte da clase obreira, está deixando un escenario de explotación no que todo vale: os salarios de miseria, a precariedade, a falta de profesionalidade....

Segue sendo máis necesaria ca nunca a organización e a loita sindical e a toma de conciencia de clase para poder poñer punto final a esta situación.

Por un traballo de calidade. Por un país para a clase obreira!

Célula de Cedeira de Comunistas da Galiza-PCPE