O derradeiro día do Val dos Caídos


O sábado 25 de agosto publicouse no Boletín Oficial do Estado o Real Decreto-lei 10/2018, que modifica a Lei de Memoria Histórica de 2007 en dous preceptos. Un deles para engadir que no Val dos Caídos só poidan “xacer os restos mortais de persoas falecidas a consecuencia da Guerra Civil española, como lugar de conmemoración, lembranza e homenaxe ás vítimas da contenda”. Por esta razón procederíase á exhumación dos restos de Franco, morto na paz do “todo atado e ben atado”, corenta anos despois.

O decreto foi, posibelmente, o xesto político máis destacado do verán para o novo goberno socialdemócrata. O máis destacado pola polémica suscitada, sempre tan benvida nos meses estivais. Polas tertulias televisivas pasearon con total naturalidade voceiros do franquismo. PP e Ciudadanos, na súa disputa pola dereita e extrema dereita española, lanzáronse tamén con vigor ao candeeiro mediático, deixando en evidencia a súa raigaña e inspiración fascista. As orixes son as orixes. Todo o barullo vénlle ben ao PSOE, que se presenta como puros demócratas de toda a vida ante o argumentario reaccionario e fascista. A política de xestos, estase vendo clariño, domínana ben. Pero, como coa lei de Memoria Histórica de Zapatero, o xesto e a oposición de dereitas axudan á implantación deste tipo de cambios lexislativos, que promoven a construción dun relato histórico revisionista e dun discurso político totalmente oportunista. Porque no fondo, a ambas as dúas familias do capital benefícialles a ficción do discurso de reparto de responsabilidades, das “atrocidades” dos “dous bandos” e, en definitiva, da reconciliación nacional. No contexto actual, o adobío democrático vén cortado polas medidas da democracia militante, que o mesmo che exhuma o ditador que che conculca os dereitos civís máis básicos ou che reprime os obreiros en folga.

O feito de exhumar a Franco e deixar enterrado José Antonio, considerándoo vítima da guerra, pon de manifesto o cinismo e a falta de respecto da socialdemocracia pola verdadeira memoria democrática dos traballadores de España. É un deses paradoxos que serve para comprender que os gobernos do capital non poden coincidir nos seus intereses coa clase obreira e os sectores populares, nin sequera cando poida parecelo. Porque sempre hai unha volta de porca, sempre un obxectivo que pretende perfeccionar o sistema de explotación capitalista. Neste caso, baixo a retórica de condena do fascismo agóchase o discurso da reconciliación e da equiparación de responsabilidades.

O Val dos Caídos é un monumento ao fascismo, desde a súa construción por man de obra escrava de presos republicanos, ata o día de hoxe e por sempre mentres exista. É o que é e non pode ser outra cousa. Non hai reconciliación que valla. Mentres existe capitalismo, mentres persiste a explotación dos traballadores, non cabe máis que a confrontación de clases e a loita polo poder. No Val dos Caídos permanecen aínda os restos de miles de represaliados antifranquistas, eses son os que deben exhumarse prioritariamente e darlles digna sepultura. Porque o Val dos Caídos, con ou sen Franco alí enterrado, é unha homenaxe ao fascismo que debe ser demolida. A memoria dos loitadores antifranquistas só así comezaría a verse resarcida. A homenaxe que tanto merecen e está por chegar será o día en que os obreiros ostenten o poder en España, ese será o derradeiro día do Val dos Caídos. E chegará, chegará co berro de “Non Pasarán”.


Eduardo Corrales


Fonte: Novo Rumbo nº 11