Entrevista a Ástor García, Secretario Xeral do PCPE, ante o comezo do curso político.


“Ningún goberno capitalista resolverá os problemas que ten o país”

Comeza un novo curso político e Novo Rumbo entrevista o Secretario Xeral do PCPE para coñecer as análises e tarefas principais dos comunistas neste novo período.

Como ves o inicio do curso político?

O cambio de Goberno, logo da moción de censura do 1 de xuño, deixounos un verán politicamente bastante axitado que anticipa o que creo que serán as dúas chaves esenciais para a loita de clases no curso que comeza. Por unha banda, constátase, unha vez máis, que o goberno do PSOE non vai ser capaz de satisfacer as expectativas que xerou en amplos sectores obreiros e populares. Por outra banda, vaise agravando con rapidez a confrontación nacionalista. Creo que ambos os factores, conxugados, son sumamente preocupantes.

E iso por que?

Porque as expectativas frustradas en sectores do pobo e o auxe nacionalista poden dar lugar a un fortalecemento das posicións máis reaccionarias, dar ás aos grupos fascistas que cada vez  teñen máis cancha. Pero ademais, os dous factores que comentaba esixen de nós un traballo máis sistemático e que sexa moi claro no político-ideolóxico, para confrontar coas posicións socialdemócratas nas filas do movemento obreiro e para facer fronte a un discurso nacionalista que é cada vez máis forte e vai calando entre a clase obreira.

Son estas as dúas chaves deste curso político?

Si, porque ademais se producen nunha situación na que o goberno Sánchez ten unha extrema debilidade parlamentaria, froito da cal vai depender doutras forzas políticas para sacar adiante calquera medida. Isto por unha parte venlles ben, porque lles permite xustificar a non adopción de certas propostas que inclúen no seu programa, aínda que se tivesen maioría tampouco as tomarían, seguramente. Por outra banda, os sectores máis á dereita van seguir utilizando o apoio – puntual ou estratéxico - de PODEMOS e forzas independentistas ao PSOE para pintar unha imaxe apocalíptica, de pacto vermello-separatista que busca romper España, e cousas polo estilo. E isto vai determinar todo o curso político, vai fomentar moitos falsos debates, moitos falsos dilemas que poden afectar moi negativamente á maioría traballadora, se os comunistas non estamos fortes e se non somos capaces de explicar a amplos sectores que o PSOE sempre traizoou a clase obreira e que a demagoxia nacionalista só beneficia a sectores burgueses. O pobo traballador sempre é a vítima e o refén dos partidos capitalistas se os comunistas non estamos presentes.

Destas chaves despréndense logo unhas tarefas inmediatas para o PCPE, non si?

Desde logo, mesmo se as tarefas do Partido están totalmente ligadas ás tarefas que ten por diante a clase obreira neste período. Neste momento de políticas e posicións identitarias, está moi atrasado o desenvolvemento da conciencia de clase. Refírome á da clase obreira, porque o inimigo de clase teno moi claro. O individualismo extremo e o idealismo que promoven as posicións ideolóxicas posmodernas - moi útiles para os capitalistas, debo dicir –penetraron con forza no movemento obreiro e popular. E un dos seus principais efectos é un enfraquecemento da conciencia de clase,  a procura de falsos inimigos e, con iso, o fortalecemento dos inimigos reais, materiais, dos que nos rouban o froito do noso traballo sen importarlles a nosa orientación sexual, a cor da nosa pel ou o noso lugar de nacemento.

Por iso é fundamental un esforzo de explicación política e de proposta organizativa. A primeira para desvelar os enganos da “nova política”, da socialdemocracia, das posicións posmodernas e das posicións reaccionarias, que só implican manter as cadeas que atan a maioría traballadora baixo o capitalismo. E a segunda para fortalecer a capacidade de resposta obreira e popular ante os constantes ataques da patronal e dos seus gobernos e para que a clase obreira, pola súa propia experiencia de loita, se fixe metas máis altas, metas revolucionarias.

E no concreto e inmediato?

No escenario actual é de suma importancia non perder o impulso de loita que se foi collendo durante os meses previos ao verán, pero que agora corre o perigo de verse fagocitado pola chegada da socialdemocracia ao Goberno e polos próximos procesos electorais.

Gran parte destas mobilizacións viñan impulsadas polas forzas sindicais, pero agora parece que as cúpulas están dispostas a darlle un voto de confianza ao PSOE, cometendo con iso novamente un grave error e caendo nunha tremenda irresponsabilidade, porque pouco se vai tardar en ver que o PSOE non é ningún aliado, senón todo o contrario.

Nós pensamos que o que toca hoxe é dar pulo á mobilización e á loita nos centros de traballo, porque a agresividade da patronal non diminúe por moito que mudase o  Goberno, e non abandonar ningunha loita para agardar e ver que fai a socialdemocracia. A organización e a unidade son as chaves para vencer en calquera batalla, e agora toca facer un esforzo organizativo e unitario encarado a obter vitorias nas empresas, nos principais sectores económicos, demostrar que é a loita obreira a que consegue dereitos e non a presenza de tal ou cal partido capitalista no goberno. Porque o que está claro, é que ningún goberno capitalista resolverá os problemas que ten o país.

Cales son eses problemas?

Os problemas do noso país son os problemas da nosa clase obreira, da nosa maioría traballadora que precisa dous traballos para chegar a fin de mes, que non ten para pagar a luz ou a calefacción, os da mocidade que non pode ir á educación superior ou que non pode acceder a unha vivenda en condicións, os dos pensionistas que cobran unha miseria e ademais axudan á súa familia, os das mulleres e os mozos que cobran menos por realizar o mesmo traballo...

Sobre todo isto os políticos burgueses fan demagoxia, prometen solucións que despois son incapaces de cumprir ou que, se alivian conxunturalmente os problemas, logo desmantélanse para salvar as empresas dunha crise económica como a que atravesamos. A crise pagámola os traballadores, coma sempre, e agora parece ser o máis avanzado recuperar algúns dos dereitos perdidos.

Pois non, xa está ben. Hai que rachar con ese ciclo infernal e só o Partido Comunista pode dar unha resposta eficaz a todo este despropósito que é a política española. Por resposta eficaz quero dicir formular unha alternativa global baseada nos intereses da maioría traballadora e non só uns pequenos retoques ao capitalismo español, que non é que teña demostrado sobradamente a súa incapacidade para solucionar os problemas do país, senón que é a causa dos problemas do país.

O remate do verán vén marcado por dúas polémicas importantes: a exhumación de Franco e a chamada “guerra dos lazos” en Cataluña. Que nos podes dicir ao respecto?

Son unha expresión máis do despropósito que é a política española. A cuestión da exhumación de Franco é a demostración de que o PSOE pretende superar a súa debilidade parlamentaria mediante unha política de xestos que, se ben poden soar ben nun comezo, rematan demostrando o seu carácter de clase. De que vale exhumar Franco se ao mesmo tempo afirmas que José Antonio Primo de Rivera foi “unha vítima da Guerra Civil”? Que responden ante iso as asociacións que loitan por recuperar os corpos dos milleiros de asasinados polo fascismo? Resulta que o PSOE está asumindo os postulados que equiparan vítimas con verdugos,  republicanos con fascistas, e iso é gravísimo e non hai “xesto” que o oculte.

Coa “guerra dos lazos” ocorre que o sector máis reaccionario da política e a prensa españolas precisaba algún elemento para dar impulso e cohesión ás posicións máis chovinistas, toda vez que a estratexia do independentismo catalán – fracasada – xa non xera tantos titulares e que ETA non existe. E de paso, asestan un novo golpe á liberdade de expresión, que xa está bastante posta en dúbida desde o momento en que un fascista pode ameazar de morte un sindicalista sen que pase nada e un rapeiro vai á cadea por meterse co rei. Tamén é moi significativo que estean implicados nas “retiradas de lazos” membros da Policía Nacional e da Garda Civil. Pero tamén hai que entender isto dos lazos desde outra perspectiva, e é que tanto PP como C's precisan de “xestos” que lles permitan recompoñer o seu espazo electoral tras o triunfo da moción de censura, que os deixou descolocados. Agora compiten por ver quen é máis españolista e iso ten un efecto colateral claro: máis espazo para os grupos ultras e fascistas, que se senten ben cómodos con esta situación, que teñen no PP e Ciudadanos as súas “frontes de masas”. O exemplo témolo en VOX, que está situando directamente o programa histórico da Falanxe e fai constantes piscadelas aos sectores máis reaccionarios deses dous partidos.

Por outra banda, hai sectores do independentismo catalán aos que lles veu ben esta “guerra”, porque así manteñen tensionadas as súas forzas de cara á Diada, unha vez que se demostraron os límites da súa estratexia.

Así é a política burguesa, lamentablemente, que atrapa grandes sectores da poboación en polémicas que sempre rematan prexudicando a maioría traballadora.

O PSOE leva tres meses no Goberno. Que valoración fas ao respecto?

O mesmo día en que gañou a moción de censura saíu un comunicado do noso Buró Político situando que non había que darlle nin un minuto de respiro ao novo Goberno, porque é un Goberno capitalista que representa uns intereses de clase alleos. Sabes que pasou daquela? Que houbo persoas achegadas a nós que nos manifestaron que nos precipitabamos, que había que agardar e ver... A min resúltame fascinante esa capacidade de auto-engano que teñen algunhas persoas, e ao mesmo tempo, a capacidade do PSOE para enganar unha e outra vez amplos sectores.

Sánchez ten moi claro como actuar na situación actual: unha política de xestos cara a algúns sectores para que pareza que algo cambiou, mentres mantén e reforza a base económica capitalista española. Non hai máis, e nese xogo entraron os antigos comunistas e os novos socialdemócratas de Unidos Podemos, que aspiran a convencer o PSOE de que aplique medidas keynesianas para corrixir algúns dos efectos máis visíbeis e perniciosos do capitalismo. Neste xogo levamos xa moitos anos e é necesario saír xa do calello sen saída da política burguesa.

Mencionaches varias veces a política de xestos do PSOE. Podes amplialo?

Claro. O PSOE ten que ofrecerlle algo ao seus votantes, ou vaino ter moi cru nos próximos procesos electorais. E ao mesmo tempo ten que ofrecer algunha peza que lle permita aos seus aliados parlamentarios vender que o apoio ao PSOE ten resultados prácticos. E así xorden a exhumación de Franco, o acollemento do Aquarius ou que a Inspección de Traballo mande cartas ás empresas instando a que non se contrate fraudulentamente.

De Franco xa temos falado, pero o do Aquarius xa é antolóxico. Está claro que foi un golpe de efecto que perseguía dous obxectivos: no plano doméstico marcar unha diferenza a respecto dos gobernos do PP desde o punto de vista humanitario e, no plano internacional, ofrecerse como aliado a algunhas potencias europeas, necesarias para “lexitimar” o novo Goberno. Rapidamente vimos que a política migratoria do PSOE non se distingue en nada da do PP e aquilo de eliminar as concertinas parece que xa caeu no esquecemento.

Nós avisamos no seu momento, cando dixemos que a política de inmigración do Goberno español non mudaría en nada substancial e que o PSOE seguiría a aplicar unha política profundamente clasista no tratamento do fenómeno migratorio. E agora vese claramente. 

E no que respecta ás cartas enviadas pola Inspección de Traballo ás empresas para que “corrixan presuntas fraudes na contratación laboral”, pois moi ben, enviáronse 72.000 cartas instando a que se cumpra a lei. Pero de modificar a lei que permite a fraude, nin falan, de cambiar o Estatuto dos Traballadores nin mú, de derrogar as reformas laborais, nada de nada... E non me sorprende, varias fíxoas o propio PSOE...

Por último, falemos sobre os procesos electorais que se aveciñan. Vai participar o PCPE?

Nós non renunciamos a ningún espazo para dar a coñecer a proposta comunista. Por iso estamos a prepararnos xa para as autonómicas andaluzas, que parece que serán pronto, e as municipais, autonómicas e europeas que serán o 26 de maio. E tamén estamos atentos por se houbese unhas xerais adiantadas, o que non é descartábel.

As eleccións son unha faceta do noso traballo político, nas que a participación ten sentido se axuda no obxectivo de desenvolver e fortalecer a nosa presenza nos centros de traballo e nos barrios. Polo tanto, o traballo electoral subordínase completamente ao resto de tarefas que fixou o noso XI Congreso, e pensamos que a presenza de comunistas nas institucións burguesas debe utilizarse para desenvolver o movemento obreiro e popular, para fortalecer as posicións de clase, non para mercadear con elas.

É evidente que as forzas burguesas xa están en campaña, saben que se xogan moito: o PSOE busca lexitimarse, o PP recuperarse, Ciudadanos xustificarse e PODEMOS manterse. Para cada un deles, estes procesos electorais que se aveciñan son chave para o seu futuro político e por iso cremos que o debate político vai ser mínimo. En cambio vai haber moitos “xestos”, accións simbólicas e demagoxia nos próximos meses, para tratar de mobilizar distintos sectores de votantes. Por outra parte, organizacións de extrema dereita como VOX van tratar de pescar no río revolto que hoxe é a política española, e debo dicir que o teñen fácil, dada a situación. E por outra banda, é máis que probábel que sigamos comprobando a absoluta desorientación de forzas que se reclaman comunistas, ben porque se sometan novamente á socialdemocracia do PSOE e/ou de PODEMOS, ben porque se subordinen a forzas nacionalistas, ou ben porque se pretendan colocar como “ala esquerda” do sistema, sen formular ningunha alternativa seria.

Neste escenario falta unha proposta comunista, que representamos nós e as nosas candidaturas, que estarán abertas a aqueles compañeiros e camaradas, incluso doutras organizacións, que compartan con nós a necesidade dun cambio radical na política e a economía deste país.


Fonte: PCPE
Tradución: Revista Forxa