Comeza un novo curso para aqueles aos que non nos regalan os títulos


Entrado xa o mes de setembro, os estudantes preparámonos para afrontar un novo curso. Fomos moitos os que, para poder pagar este curso, pasamos o verán traballando sen parar, vendo no horizonte todos os gastos que se nos aveciñaban: taxas, libros, material, desprazamento e piso, para quen non tivemos a sorte de poder continuar a formación na nosa cidade de orixe, que non somos poucos.

A diferenza de outros, a nós non nos regalan os títulos nin nos facilitan os aprobados obviando traballos e teses que non aparecen por ningures. A nós, esixirásenos acorde ao que somos: fillos de familias traballadoras. A nós, ningún decano nos regalará un máster nin nos financiará falsos cursos de prestixiosas universidades. E o máis probábel, é que a única comunicación que recibamos por parte do ministerio este ano sexa a denegación novamente da bolsa da que dependía, non só o pagamento dos nosos estudos, senón tamén duna boa parte dos gastos familiares.

Aínda que, iso si, este ano esta comunicación virá con outro nome. Mudou o goberno. Disque agora nos dirixen os amigos dos traballadores, malia isto contrastar coa súa nula vontade de derrogar as reformas laborais e eliminar as taxas nos nosos estudos.

Este ano, malia ter a ministra de Educación outro nome, para os estudantes volverá ser un ano na corda frouxa. Un curso que non sabemos se poderemos rematar ao non saber se o imos poder pagar, unha vez se resolva a concesión ou non da bolsa que solicitamos. No entanto, que teña claro a señora Isabel Celaá que os estudantes temos memoria e lembramos como foron eles os que comezaron a elitizar a educación.

Temos memoria porque lembramos cando apenas eramos adolescentes e viamos os nosos compañeiros protestar contra o Plano Boloña en asembleas multitudinarias por todo o país, plano aprobado polo seu Partido.

Temos memoria porque sabemos que os nosos pais levan anos padecendo a reforma laboral máis infame que a nosa xeración viviu e que sumiu as nosas familias na máis profunda miseria.

Temos memoria porque nos forxamos nas folgas xerais de 2010 e 2012 cando dixemos basta ás políticas mandatadas desde os monopolios, os cales son os verdadeiros mandatarios das políticas gobernamentais do PSOE.

É por esta memoria de loita que temos, e que moi orgullosamente defendemos, que este novo curso, malia o cambio de goberno, os estudantes imos deixar claro que non nos importa quen é o inquilino da Moncloa mentres a nós seguen a nos desafiuzar das nosas aulas con total impunidade.

Seguen a nos facer traballar gratis en períodos de prácticas que supoñen un lucro total para as empresas e ademais aproban reformas para garantir que estes períodos de prácticas gratuítas, a través de enxendros como o Plano de Garantía Xuvenil ou os contratos de Formación e de Prácticas, teñan unha continuidade que nos condene non só a unha formación precaria, cara e insuficiente, senón que ademais, una vez saiamos ao mercado laboral, vexamos a cara máis crúa do sistema capitalista.

Os supostos amigos dos traballadores, o mesmo que o anterior goberno, non teñen présa ningunha por reverter que haxa mozos traballando en infinitas xornadas laborais por menos da metade do salario mínimo interprofesional xa que, en teoría, favorece a nosa formación e por iso, ademais, subvencionan todas aquelas empresas que se ofrecen para acoller mozos nestas condicións.

Comeza un novo curso e os que nin agardamos nin queremos ningún tipo de regalo garantímosvos que, mesmo que non nos queirades escoitar, oirédesnos. Oirédesnos porque imos organizarnos e imos facer moito ruído.


Cristian Ferrer

Fonte: Novo Rumbo nº 11