[28S] Aborto libre, seguro e gratuíto


Este 28 de setembro, o Partido Comunista chama as mulleres traballadoras a saír á rúa defender os nosos dereitos.

Queremos exercer o dereito a unha saúde sexual e reprodutiva sen restricións legais que converten servizo en beneficio, que converten o dereito a interromper o embarazo nun privilexio para quen o pode pagar mentres aseguran boas ganancias a médicos e clínicas privadas.

O aborto clandestino, cuxa primeira causa é o medo a perder o traballo, é unha das principais causas de morte materna no noso país e no mundo.

O dereito a abortar inscríbese nun contexto no que a parcialidade e a contratación precaria que afecta particularmente ás mulleres traballadoras, xerando unha profunda fenda salarial, débese en boa medida ao noso papel como coidadoras nun estado capitalista onde as tarefas reprodutivas e de coidados realizámolas as mulleres no ámbito privado e non remunerado das nosas casas, mentres a patronal conculca calquera dereito de conciliación e discrimina, acosa, marxina ou directamente despide as mulleres con fillos ao seu cargo.

Chamamos as mulleres traballadoras a organizarse para loitar cos seus compañeiros de clase polas súas reivindicacións baixo un Programa que asegure o exercicio real dos seus dereitos sexuais e reprodutivos.

Polo acceso efectivo á educación sexual na escola, nos centros de saúde e nos de planificación familiar. Por un tratamento da sexualidade crítico coa ideoloxía patriarcal e coa mercantilización da sexualidade, por unhas relacións sexuais libres e igualitarias.

Por unha información pública, adecuada e suficiente nos barrios populares, con acceso libre e gratuíto aos métodos anticonceptivos e de planificación, sen discriminación nin trabas administrativas, sen máis requisito que a libre decisión da persoa interesada.

Polo dereito ao aborto libre e gratuíto na sanidade pública, sen obxección de conciencia para o colectivo de profesionais, sen discriminación por razón de idade ou nacionalidade, sen requisitos administrativos, burocráticos ou familiares.

Polo arquivo dos procesos xudiciais abertos contra calquera das persoas implicadas na interrupción do embarazo.

Pola despenalización total do aborto e garantías de privacidade para as mulleres que exerzan este dereito.

Por un estado laico onde a relixión sexa unha actividade privada, separada do ámbito institucional, do ensino e sen financiamento público.

Pola eliminación de toda publicidade sexista aberta ou encuberta, con sancións económicas ou publicitarias ás compañías que as incumpran.

Este 28 de setembro, o Partido Comunista chama as traballadoras e os traballadores a loitar pola despenalización do aborto e a inclusión da nosa saúde sexual e reprodutiva na sanidade pública, como parte esencial do Programa de loita das mulleres traballadoras e do conxunto da clase obreira.

Loitemos por un país para as traballadoras e os traballadores: Por un país para a clase obreira!