Solidariedade coa loita dos/as axentes ambientais e forestais


Desde o pasado 1 de agosto, os axentes ambientais e forestais da Xunta de Galiza manteñen unha folga indefinida para reclamar un acordo laboral que regule as súas condicións de traballo. A resposta da Administración, como é propio de quen sirve os intereses do Capital e dos seus negocios, foi decretar servizos mínimos (máximos) e calumniar nos medios a xusta loita de quen arriscan a súa vida para protexer o noso patrimonio natural.


Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista queremos manifestar a nosa total solidariedade coa folga indefinida deste colectivo de traballadores e coa súa loita por mellores condicións de traballo, que contribúa a unha eficaz protección dos nosos montes e de todo o patrimonio ambiental de Galiza.

O noso país e outros da contorna, como Portugal e Grecia, están a padecer desde hai anos devastadoras destrucións, por lume e outras agresións, con ducias de vítimas mortais. En todos os casos repítense escenarios semellantes. Especulación financeira e inmobiliaria, intereses privados de grandes corporacións madeireiras, abandono do mundo rural por causa da ruína do campesiñado provocada polas políticas agrarias da Unión Europea, contan co beneplácito (e a planificación) de todos os gobernos que se suceden uns tras outros. Á sombra do fume das “catástrofes” ambientais, os gobernos van privatizando paseniño os servizos de defensa do medio ambiente, axudando a florecer unha multitude crecente de empresas privadas que converten en negocio lucrativo as destrucións nos ecosistemas ou a súa protección. Simultaneamente, as condicións de traballo empeoran, os perigos aumentan, e os salarios minguantes dependen cada vez máis de vellas e novas tramas de caciques.

É tempo de dicir basta!

Esixamos, xunto aos axentes ambientais e forestais da Xunta de Galiza, un acordo laboral que recolla as súas xustas reivindicacións.

Esixamos tamén o rescate dos centos de traballadores brigadistas de SEAGA, que o vindeiro ano verán desaparecer os seus empregos, e que se facilite a súa incorporación ao persoal da Xunta, para que o país se beneficie da súa experiencia na loita contra os lumes.

Loitemos, unindo as loitas de todos os traballadores, por un servizo público único de protección ambiental e forestal, que manteña lonxe dos nosos montes as gadoupas de especuladores e capitalistas de todo tipo, que pretenden facer cartos a conta da destrución e da espoliación do patrimonio público.

Defendamos un patrimonio natural ao servizo da clase obreira e do pobo traballador.

Por un país para a clase obreira!

Comité Nacional de Comunistas da Galiza-PCPE.
Comité Nacional dos Colectivos da Mocidade Comunista-CMC