Mobílizate por unha Sanidade Pública ao servizo do pobo traballador en Cedeira.


Desde Comunistas da Galiza-PCPE amosamos a nosa solidariedade coa loita do pobo cedeirés en pro de melloras nos servizos da Sanidade Pública e, neste caso, máis concretamente, no Centro de Saúde do municipio de Cedeira.

Un verán máis, e con total falta de previsión e interese por parte do SERGAS, Cedeira atópase cun Centro de Saúde saturado. Non é unha situación que se poda considerar puntual, a pesar de agudizarse o problema no verán, polo aumento da poboación debido ao seu interese turístico.

O Centro de Saúde cedeirés ten unha gran carencia de persoal todo o ano. Dende hai tempo, o pobo precisa unha atención en pediatría toda a semana e non só dous días como está a ocorrer agora. Malia as queixas das veciñas e veciños non se ve avance algún neste sentido. Para que serven as follas de reclamación se logo ninguén as ten en conta?

Quen acude a pedir cita para o/a médico/a de cabeceira pódese atopar con esperas case de dúas semanas. Dúas prazas de médico/a que se atopan no limbo. Como exemplo, a praza do que noutrora fora médico Felpeto; xa non chegan os dedos dunha man para contar os e as substitutas que levan pasado por esa praza. Eses constantes cambios no cadro de persoal levan consigo unha atención desorganizada e prexuízos para os e as pacientes, máis graves aínda na atención a maiores.

Tamén é frecuente, ao acudir a urxencias, atoparse na situación de que o persoal médico tivo que saír cumprir cunha chamada a unha persoa que non se pode desprazar. A espera na sala de urxencias pode eternizarse mentres ese persoal, que non ten substituto na súa ausencia, non está de volta, provocando graves fallos de atención nun servizo que debería e ten que ser de urxencias.

As condicións de sobrecarga de traballo do persoal da Sanidade Pública son materia de interese para o conxunto do pobo traballador que como usuario é o primeiro prexudicado pola insuficiencia do persoal contratado e as condicións inasumíbeis nas que este ten que desempeñar o seu labor. Ademais, estes servizos son na realidade unha parte indirecta dos nosos salarios, xa que se financian co que o Estado nos desconta a todos e todas das nóminas. E ninguén pode dicir que non hai cartos, cando veñen de incrementar os fondos para a OTAN.

Debemos anotar estas deficiencias na listaxe de ataques que vén sufrindo a sanidade e o conxunto do sistema público por parte da Xunta de Feijóo. Tampouco debemos forxarnos falsas ilusións de que dito proceso vaia ser revertido como consecuencia da mudanza de cor no goberno central. Non esquecemos que foron gobernos do PSOE quen iniciaron a escalada privatizadora do sistema público de saúde. Recortes e privatizacións apuntan a converter servizo en negocio e utilizar as necesidades sociais como fonte de enriquecemento privado para a patronal a quen serven os gobernos capitalistas, tanto os liberais como a socialdemocracia (a vella e a nova), tanto en España como en Francia ou Grecia.

Chamamos por tanto a clase obreira e o conxunto do pobo traballador de Cedeira a participar na concentración que se realizará o 14 de agosto ás 11:30 h. diante do Centro de Saúde.

Por unha Sanidade Pública e de calidade ao servizo do pobo traballador!

Comunistas da Galiza-PCPE