Adiante a loita do persoal sanitario!

Desde Comunistas da Galiza-PCPE amosamos a nosa solidariedade coa loita que está a levar adiante o persoal sanitario dos Puntos de Atención Continuada (PAC) diante dos recortes de persoal e o ataque ás súas condicións laborais, nomeadamente en materia de xornada.

Dende xullo, estas traballadoras e traballadores e a súa representación sindical levan adiante unha loita exemplar mentres a Xunta dá largas á negociación das súas xustas reivindicacións en demanda de melloras nas condicións laborais do persoal sanitario e, consecuentemente, da calidade da asistencia.

As condicións de traballo do persoal da Sanidade Pública son materia de interese para o conxunto do pobo traballador que como usuario é o primeiro prexudicado pola insuficiencia do persoal contratado e as condicións inasumíbeis nas que este ten que desempeñar o seu labor. Ademais, estes servizos son na realidade unha parte indirecta dos nosos salarios, xa que se financian co que o Estado nos desconta a todos e todas das nóminas. E ninguén pode dicir que non hai cartos, cando veñen de incrementar os fondos para a OTAN.

O maltrato deste colectivo desde a administración debemos apuntalo na listaxe de ataques que vén sufrindo a sanidade e o conxunto do sistema público por parte da Xunta de Feijóo. Tampouco debemos forxarnos falsas ilusións de que dito proceso vaia ser revertido como consecuencia da mudanza de cor no goberno central. Non esquecemos que foron gobernos do PSOE quen iniciaron a escalada privatizadora do sistema público de saúde. Recortes e privatizacións apuntan a converter servizo en negocio e utilizar as necesidades sociais como fonte de enriquecemento privado para a patronal a quen serven os gobernos capitalistas, tanto os liberais como a socialdemocracia (a vella e a nova), tanto en España como en Francia ou Grecia.


Adiante a loita do persoal sanitario!
Por unha Sanidade Pública e de calidade ao servizo do pobo traballador!


[Fotografía: CIG]