Novo goberno, vellos debates.


A chegada de Pedro Sánchez á Moncloa supón a volta ao Goberno español da socialdemocracia. De novo tócanos aos comunistas situar, para quen se deixe atrapar polos discursos triunfalistas, que no noso  país xa temos suficiente experiencia acumulada sobre como as gasta o PSOE cando ocupa o Goberno central.

Debemos dicir alto e claro que as falsas ilusións que está xa sementando o PSOE non van solucionar ningún dos problemas esenciais que sofren a clase obreira e o pobo traballador do noso país. 

Pero, tristemente, xa estamos a ver como algúns sectores do movemento obreiro e popular volven caer no erro de confiar na socialdemocracia, de verse de novo atrapados pola falsa dicotomía entre as distintas opcións de xestión do capitalismo.

Cabe dicir, para non facernos trampas a nós mesmos, que boa parte do movemento obreiro e popular do noso país está ou estivo dirixido por sectores reformistas ou socialdemócratas, que asumen e promoven que non hai máis alternativas que unha xestión “máis humana” do capitalismo ou que, estando perdida a batalla contra a explotación de clase, centran toda a súa actividade e esforzo na “corrección” das manifestacións superestruturais da dominación capitalista.

O escaso mes que leva Sánchez na Moncloa permite ver as intencións e límites da socialdemocracia: quere “corrixir” aspectos da Lei Mordaza ou sacar a Franco do Valle de los Caídos (e a Primo de Ribera non?), pero nin vai botar atrás as reformas laborais de 2012 e 2010 (unha do PP, a outra súa) nin vai pór en dúbida ningún dos “compromisos” coa UE, o que implica manter a fiel adhesión aos pactos de estabilidade e ás limitacións orzamentarias que se introduciron na Constitución Española co voto, precisamente, do señor Sánchez. 

A debilidade parlamentaria do novo Goberno, malia do que poida parecer, é unha sorte para o PSOE.
Con esa escusa vai ter a posibilidade, durante os próximos dous anos, de non ter que retractarse en moitos aspectos. Bastaralles apelar á imposibilidade de sumar maiorías – como xa fixeron co tema das reformas laborais – para pasar por alto incluso as súas propias propostas programáticas que, con total seguridade, foron redactadas para soar ben a sectores da maioría traballadora deste país, pero xamais para facerse realidade.

Este PSOE, que terá caras novas pero conserva os mesmos obxectivos da socialdemocracia desde a bancarrota da II Internacional, segue sendo o que meteu a España na OTAN, tras enganar sistematicamente aos seus propios votantes con aquilo de “OTAN, de entrada non”. É o mesmo PSOE que aplicou con man de ferro os plans de desindustrialización do noso país, acatando en tempo marca as esixencias dunha división internacional do traballo que quere unha España sen industria pero con moitos bares e hoteis. É o mesmo PSOE que xeneralizou o parasitario modelo de ensino concertado. É o mesmo PSOE que, en 2010, aprobou a primeira das dúas reformas laborais realizadas durante a crise capitalista. É o mesmo PSOE cuxos dirixentes seguen sendo recompensados con postos en grandes empresas tras saír da política. 

O conto é vello e lémolo varias veces. Temos suficiente experiencia acumulada para saber que subordinarse á socialdemocracia sempre resulta un desastre para os partidos comunistas. Nós non cometeremos ese erro. Non nos atoparán apoiando a quen traizoa e engana á nosa clase

Ástor García

Fonte: Novo Rumbo, nº10