Coa folga do persoal de Amazon.



O Partido Comunista (PCPE) e a Mocidade Comunista (CJC) amosamos a nosa solidariedade, apoio e total disposición cos traballadores de Amazon no novo período de folga que coincide co Prime Day. Os vindeiros días 16, 17 e 18 de xullo, os traballadores do centro loxístico de Amazon en San Fernando de Henares volven parar a súa actividade e plantarlle cara ao monopolio. Amazon continúa coas súas pretensións de redución das condicións laborais do cadro de persoal, logo de impoñer unilateralmente o Convenio Provincial de Loxística, ao que, de xeito masivo, os máis de 2.000 traballadores xa dixeron basta previamente.

 Unha vez máis, confírmase como os intereses da patronal e os da clase obreira discorren por camiños opostos e irreconciliables. Se durante anos falouse das bondades de Amazon, atopámonos  con que, malia os seus millonarios beneficios, a empresa pretende aumentar os seus lucros a costa de explotar aínda máis o seu persoal e fai ouvidos xordos ás reclamacións dos traballadores. Nesta convocatoria de folga, os traballadores do centro de San Fernando de Henares non estarán sos, xa que numerosos centros europeos se preparan para secundar unha folga que lle plante cara á empresa.

Ante todo isto, desde o Partido Comunista (PCPE) e a Mocidade Comunista (CJC):

1.- Animamos e saúdamos o ímpeto de loita dos traballadores de Amazon en San Fernando de Henares e expresámoslles toda a nosa solidariedade. A loita é o único camiño para manter os nosos dereitos e conquistar outros novos.

2.- Chamamos ao boicot contra o monopolio. Animamos a que o conxunto do pobo traballador apoie a folga e as mobilizacións que se convoquen, difundindo por todos os medios o chamamento a non mercar en Amazon durante o Prime Day.

3.- Reclamamos que se cumpran as exixencias de todo o cadro de persoal traballador. Recuperemos xunto con eles un país para a clase obreira, que se ergue contra as inxustizas e os ataques dos poderosos. Porque temos que conquistar o país que queremos, porque precisamos un país para a clase obreira.

Así, facemos un chamamento ao conxunto do persoal de Amazon en España e no resto de Europa para que desenvolva unha coordinación e organización maior. É posible que o monopolio intente, a través dos seus outros centros de loxística, minimizar os efectos da folga. É necesario que esta folga sirva para dotar dunha experiencia maior o conxunto do cadro de persoal e que deixe un pouso organizativo tamén maior. A loita contra Amazon non remata o 18 de xullo, co final da folga. Sirva esta folga como chanzo para acadar unha estrutura maior, sirva para conseguir una capacidade maior de loita nas próximas que están por chegar. E sirva, sobre todo, para comprender que a arma máis potente que a clase obreira temos para a batalla, é a nosa unidade, neste caso, independentemente do centro de traballo ou país do mesmo.