Celebrouse a Vª Conferencia Nacional de Comunistas da Galiza-PCPE.



O pasado 7 de xullo desenvolveuse en Santiago de Compostela a Vª Conferencia Nacional do Partido na Galiza, baixo o lema “Construíndo o Partido”. Asisitiron delegados e delegadas de cada unha das nosas células, así como militantes, simpatizantes e significados militantes sindicais e membros de comités de empresa convidados, xunto cunha representación dos Colectivos da Mocidade Comunista.

A militancia e o conxunto dos asistentes puideron debater ao longo do día os documentos e resolucións que van servir de guía á nosa organización na Galiza, para levar á práctica as orientacións xerais do XI Congreso do PCPE, adecuándoas á nosa realidade concreta. O debate foi fructífero, realizándose un construtivo esforzo de síntese que permitiu enriquecer os documentos con importantes achegas das células do Partido e dos CMC.

Nomeadamente, aprobáronse as orientacións político-organizativas e sobre métodos de traballo, que permitirán a implantación das organizacións do Partido Comunista nos centros de traballo e a reconstrución do fío vermello que debe unir a clase obreira ao seu Partido (fío, que nunca máis permitiremos que se tronce).

A Conferencia elixiu finalmente o Comité Nacional, designándose a camarada Marina Quintillán como Secretaria Política dun novo Comité que terá como tarefa prioritaria a posta en práctica do xiro obreiro do Partido nas condicións da nosa realidade nacional.