A colación do acordo entre sindicatos e patronal.


Cando se produce un acordo, existen aspectos que poden definirse como positivos e negativos desde ambas as partes. Desgraciadamente, debemos dicir que desde o punto de vista dos intereses da nosa clase, os aspectos negativos deste son significativos. Sobre todo na medida en que lexitiman elementos relevantes das últimas contrarreformas laborais.
Mais centrémonos tamén no que se considera erroneamente como positivo. Un incremento salarial do 3%, do cal o 1% se supedita á produtividade e a outros elementos que teñen que ver coas condicións de traballo, non se pode considerar como un paso cara á recuperación dos salarios. Sobre todo, se temos en conta que desde 2009, a perda de poder adquisitivo elévase ao 16%.

E por outra banda, non podemos esquecer que os incrementos salariais se desligan do IPC, un vello obxectivo da patronal. Ligar os salarios á produtividade é facer depender a vida dos traballadores e traballadoras da marcha dunha economía que nada ten a ver co seu ben facer como produtores.

Dito doutro xeito: as empresas que, polo propio    desenvolvemento capitalista da concentración de capitais, vaian apropiándose das maiores cotas de mercado, repercutirán sobre os seus traballadores unha parte mínima, que para nada se aproxima ás perdas de poder adquisitivo acumuladas durante os últimos anos, nin aos seus beneficios actuais.

Mentres, os traballadores das empresas con dificultades terán salarios aínda peores, á vez que servirán de exemplo negativo para que os primeiros acepten peores condicións ante a chantaxe que se nutre da diferenza de competitividade baseada en baixos salarios e condiciones de traballo cada vez máis duras e inestables. 

Entón, por que hai firma dun acordo?

Desde a óptica da patronal, a súa firma é lóxica. Ante o incremento sostido das mobilizacións, comezaban sentir como a clase obreira adquiría unha forza e unha unidade de obxectivos que podían callar nunha plataforma reivindicativa capaz de superar todas as liñas de negociación e de conquistas que obtivera a patronal nos últimos anos coa escusa dunha crise que, sendo real, foi enfrontada exclusivamente mediante unha importante redución de salarios, o incremento das xornadas e ritmos de traballo e a expulsión dos seus empregos de centos de miles de traballadores e traballadoras.

Pero, por que asinan os sindicatos?

Porque tras anos de permanencia da dereita política no goberno, a presión das forzas da vella e nova socialdemocracia, que inauguran recentemente unha nova situación política, esixe un tempo para volver reconfigurar un panorama de paz social que permita consolidar os avances da patronal en materia lexislativa e de condicións de traballo, a cambio de pequenas modificacións estéticas nas mesmas.

E en parte, se cadra, polas présas por obter un acordo que lles permita eludir a responsabilidade de xestionar unha mobilización do tamaño da que se estaba comezando a fraguar, e por medo a que se lles fose das mans.

Sen dúbida, a firma dos sindicatos é un erro.

Hoxe é o momento da mobilización que aproveite as debilidades do noso inimigo de clase e as nosas fortalezas renovadas para avanzar na recuperación de dereitos e nos sitúe na liña de saída para acadar outros novos.

Cun sindicalismo que recolla, coas actualizacións tácticas necesarias, as liñas estratéxicas do sindicalismo de clase que tantas vitorias lle trouxo no pasado á clase obreira dos pobos de España.
Precisamos ese sindicalismo que só pacta cando o equilibrio de forzas non permite máis e faise necesario recoller o que se gañou ata ese momento, mentres se segue a traballar por acumular un estadio de forza superior que permita volver á carga.

Un sindicalismo que use o binomio negociación-presión desde a xestión implacable dos momentos de loita ata a intelixencia nos momentos de equilibrio, pero sen ofertar xamais unha paz social desmobilizadora que hipoteca o desenvolvemento de futuras mobilizacións e o propio concepto de loita de clases.

Por todo isto, é necesario que os milleiros de compañeiros e compañeiras dos sindicatos que cren no sindicalismo de clase e o aplican no día a día, comecemos a empurrar unidos e con forza nesa dirección, sacando ademais os sindicatos de clase das redes do parlamentarismo burgués. Ou do contrario, a clase obreira seguirá orfa dunha das dúas ferramentas fundamentais para a súa emancipación.


Severino Menéndez
Fonte: Novo Rumbonº10