26 de xullo, a faísca que acendeu a Revolución en Cuba.

 LXV aniversario do asalto aos cuarteis Moncada e Carlos Manuel de Céspedes.


No ano 1953 sucedéronse varios feitos que marcan a historia dos pobos. Entre os máis destacados atópanse o falecemento de Stalin - o 5 de marzo- , a sinatura do armisticio entre Corea e os Estados Unidos - o 27 de xullo-, e en Cuba, o 26 de xullo. Este último día, un grupo de revolucionarios cubanos, comandados por Fidel Castro, asaltaron os cuarteis Moncada en Santiago de Cuba e o Carlos Manuel de Céspedes en Bayamo.

O lema que figuraba no xornal Iskra, dirixido por Lenin era “Dunha faísca reavivarase o lume”. Esta faísca  para a revolución cubana  foi o asalto do 26 de xullo de 1953, como reacción ao golpe de Estado do ditador Batista o 10 de marzo de 1952 que impediu a vitoria electoral do Partido Ortodoxo. Este Partido mantiña un programa político de carácter progresista, de defensa da soberanía cubana fronte ao imperialismo, pero de carácter burgués xa que respectaba a propiedade privada.

A década do cincuenta en Cuba caracterizouse por unha maior participación das masas populares na actividade social e política  da illa. Numerosas foron as manifestacións e folgas de estudantes dirixidas pola Federación Estudantil Universitaria – FEU -, fundada por Julio Antonio Mella, quen tamén  constituíra o primeiro Partido Comunista de Cuba en 1925.

Este aumento da actividade política das masas populares levou ao desenvolvemento de accións de loita clandestina, coa preparación militar da mocidade cubana, sendo a  Granjita Siboney, nos arredores de Santiago de Cuba, o centro de operacións das forzas revolucionarias, dende onde se iniciou o ataque aos cuarteis o 26 de xullo de 1953.

Unhas cento cincuenta persoas participaron nas accións do 26 de xullo, mozas na súa inmensa maioría, cumprindo o sinalado polo Che: “A arxila fundamental da nosa obra é a mocidade, nela depositamos a nosa esperanza e preparámola para tomar das nosas mans a bandeira”. Do mesmo xeito que noutros procesos revolucionarios, en Cuba o papel da muller foi destacado, participando no asalto as heroínas cubanas Melba Hernández e Haydée Santamaría.

O falido intento de asalto aos cuarteis deixou un saldo de cinco revolucionarios mortos en combate e outros cincuenta e seis asasinados. O resto do grupo foi capturado e torturado.

Fidel, durante o período do seu encarceramento, escribirá a súa alegación de defensa que pasou á historia coa soada frase “A historia absolverame”, e que recolle o seu programa político antiimperialista. Pola importancia que tivo esta data histórica na revolución cubana, a organización política e militar tomou o nome de Movemento 26 de Xullo.

Co LXV Aniversario do asalto dos cuarteis en 1953, a militancia comunista  debemos tirar as ensinanzas das experiencias históricas e triunfos revolucionarios. Se somos conscientes de que o aumento da loita política e económica da clase obreira e os sectores populares  constitúen as bases materiais sobre as que se eleva a súa conciencia ideolóxica e política, faise necesaria a formación do destacamento de vangarda, o Partido Comunista,  grupo de avanzada que, como na revolución  cubana, nos leve a construír as condicións para o noso particular asalto ao cuartel Moncada.

Intensificar a loita sindical e estudantil, fortalecer e unificar ideoloxicamente o Partido, son as tarefas actuais para a nosa revolución.
Fonte: Novo Rumbonº10