Os falsos dilemas do conflito catalán.


O Partido Comunista leva moito tempo dicindo que na sociedade se sitúan constantemente falsos dilemas. Un falso dilema é unha elección entre dúas posicións que, sexa cal sexa a decisión que se tome, remata mal para o elector. Un falso dilema é unha trampa discursiva. Chégase a esta posición cando o inimigo foi capaz de marcarche a súa axenda sobre o que se debe ou non discutir e sobre como se debe dividir a sociedade entre os que tomen unha decisión ou outra. Mais tamén —e isto é complementario— pódese chegar a un falso dilema cando un está atrapado nunha calella sen saída, froito dos erros ideolóxicos do pasado.
A política catalá está chea de falsos dilemas, cousa que leva a que a clase obreira dunha ou doutra identidade estea atrapada en sucesivas decisións que non lle producen ningún beneficio e que a deixan orfa dun proxecto propio independente doutras clases sociais.

O primeiro falso dilema é o nacionalista-identitario. Sénteste español ou catalán? É un falso dilema non porque alguén non poida lexitimamente sentirse catalán ou español, se non polo proxecto que isto entraña. Hoxe o discurso dominante, ben esporeado por PP e C’s, é unha España uniforme onde o identificativo español se circunscribe unicamente a unha parte cultural de toda a diversidade do país. Pola banda contraria, ser catalán parece estar ligado directamente con ser independentista e rexeitar calquera esperanza de cambio común co resto de pobos de España. Ante este falso dilema corresponde erguer o proxecto dunha España da convivencia, a fraternidade e o respecto a toda a súa diversidade. Un proxecto verdadeiramente patriótico, defendendo o que é de verdade España, que non son os intereses dos grandes oligarcas nin tampouco un destino común, senón a vida do seu pobo traballador.

Dentro do nacionalismo catalán sucédense igualmente os falsos dilemas. Hai que tomar unha vía de unilateralidade ou hai que agardar a que o goberno central queira negociar un referendo de independencia? Hai que acatar as sentenzas dos tribunais ou non? Hai que supeditar as estratexias políticas a que os presos saian da cadea ou son peóns sacrificables?

Hai que aplicar medidas socialdemócratas contra as decisións do Tribunal Constitucional para alargar a base social de apoio ao independentismo con sectores que se senten españois de esquerdas, ou hai que aplicar un modelo neoliberal de recortes para que a Unión Europea, EEUU e as grandes corporacións vexan no proxecto independentista algo fiable e homologable en termos capitalistas Todas estas preguntas que se lanzan á arena pública e prenden os debates no seo dos 2 millóns de votantes do nacionalismo catalán son as preguntas da derrota. Cando o teu debate se basea en se tocas a retirada ou quedas a pelexar ata o final é que perdiches totalmente a batalla. E isto é así porque o nacionalismo catalán instalouse nun falso dilema desde hai anos para conseguir certas melloras, neste caso entre 3 opcións: a) Negociamos cun Estado que tende á reacción, b) Cambiamos este Estado mediante as ferramentas “democráticas” c) Saímos deste Estado. A última opción foi a que se converteu en hexemónica, sendo alimentada pola acción do Estado, ridiculizando as dúas primeiras como inviables. O certo é que as tres opcións son completamente inviables nunha ditadura capitalista que tende á reacción e á centralización das súas estruturas de dominación. Calquera destas estratexias tomadas é e será un fracaso, facendo que a metade da clase obreira catalá non só loite baixo bandeira allea, é dicir para intereses doutros, senón que ademais loitarán para chegar a unha derrota segura, xerando unha enorme frustración.

Un verdadeiro cambio en todas as ordes sociais, tanto en Cataluña como no resto de España, pasa por un proceso revolucionario cara á toma do poder. E poder, en España, tal como se demostrou nos últimos meses, só hai un e está tremendamente concentrado. O Estado das autonomías é soamente unha formalidade pola que se reparte a xestión administrativa dese poder. Tomar unha parte desta xestión, tanto sexa en concellos como en comunidades autónomas, non erosiona para nada o poder e só serve para ser un secretario dos ditames da clase capitalista. O único cambio é revolucionario, único para toda España e vai dirixido ao corazón do sistema. Tal como dixo Lenin: “Agás o poder, todo é ilusión”.

Albert Camarasa


Fonte: Novo Rumbo nº9