Nin un minuto de respiro ao novo goberno capitalista.



A aprobación da moción de censura ao Goberno de Mariano Rajoy abre un novo ciclo político. O novo Goberno tratará de dar pasos definitivos para reformar o sistema político, logo dun debate parlamentario no que se constatou que é a propia natureza do capitalismo a que orixina a corrupción política. A disputa entre as forzas parlamentarias representa os intereses de diferentes sectores da burguesía, que viu garantidos os seus intereses económicos de clase co compromiso de Pedro Sánchez de gobernar cos Orzamentos deseñados polo Partido Popular.

A completa supeditación de Unidos Podemos ao PSOE confirma a alianza entre a nova e a vella socialdemocracia para xestionar o capitalismo. A explotación continuará e incrementarase no futuro. O novo Goberno limitarase a xestionar a explotación baixo novas formas, mentres a dereita política se endurece e disponse a preservar, desde a oposición, os intereses do sector capitalista que representa, á espera dun novo proceso electoral que determinará a correlación de forzas que definitivamente complete a reforma do sistema político.

A clase obreira e os sectores populares non deben depositar ningunha esperanza no novo Goberno capitalista, que continuará gobernando para a patronal. Os nosos dereitos só se verán garantidos se continúa e se intensifica a mobilización, que debe desembocar na convocatoria dunha folga xeral, xa que cambia o Goberno, mais a explotación capitalista continúa e intensificarase.

Os nosos intereses non están representados no debate parlamentario, que se limita a discutir o tipo de xestión que nun ou noutro momento precisan os monopolios. O discurso sobre a “rexeneración democrática” empregado pola socialdemocracia debe ser desenmascarado. O PSOE segue a ser o partido político baixo cuxos gobernos se practicou o terrorismo de Estado, produciuse o ingreso na OTAN e na Unión Europea, participouse en guerras imperialistas criminais, aprobáronse reformas laborais e exerceuse unha dura represión contra o movemento obreiro e popular. Non esquecemos. O novo Goberno de Pedro Sánchez seguirá a representar eses mesmos intereses de clase, que non son os nosos.

O Partido Comunista chama o movemento obreiro e o conxunto do noso pobo a intensificar todas as loitas que están en marcha, sen depositar ningunha esperanza na socialdemocracia. Non debemos baixar ningunha das bandeiras que erguemos nos últimos meses. O novo Goberno é un goberno capitalista ao servizo da explotación e non tardará en demostralo. A loita por un país para a clase obreira continúa.


Fonte: PCPE
Tradución: Revista FORXA