Ante o anuncio de acollemento do barco Aquarius por parte do goberno.


O Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE) saúda o ofrecemento realizado polo Goberno para acoller no porto de Valencia o barco Aquarius, que con máis de 600 persoas a bordo, entre elas máis de cen cativos e tamén mulleres embarazadas, puxeron en evidencia unha vez máis o carácter reaccionario da Unión Europea, incapaz de dar unha resposta humanitaria ante a negativa dos gobernos de Italia e Malta a permitir a chegada ás súas costas da dita embarcación.

Desde o triunfo da moción de censura que levou a conformar o Goberno de Pedro Sánchez, o noso Partido vén advertindo que de inmediato se porían en marcha algunhas medidas dirixidas a consolidar a socialdemocracia no Goberno e a tratar de desmobilizar a clase obreira e o pobo. O anuncio realizado na mañá de hoxe acollendo o Aquarius é o primeiro desa serie de xestos propagandísticos.

A política de inmigración do Goberno español non mudará en nada substancial. O Goberno do PSOE continuará aplicando unha política profundamente clasista no tratamento do fenómeno migratorio, xa que comparte as políticas imperialistas que provocan os fluxos masivos de poboación expulsada dos seus países de orixe pola guerra imperialista, o saqueo dos seus recursos naturais e a pobreza extrema que provoca o dominio internacional dos monopolios.

Os valos de Melilla e Ceuta, incluída a sirga tridimensional instalada polo Goberno de Zapatero e os arames de concertina continuarán causando estragos entre os miles de persoas que tentan chegar a Europa. Continuarán as devolucións en quente nas nosas fronteiras, a negación práctica do dereito de asilo, o amoreamento e a violación de dereitos humanos nos Centros de Internamento de Inmigrantes e a sobreexplotación capitalista dos milleiros e milleiros de traballadores inmigrantes que traballan no noso país con ou sen papeis. Seguirá en pé a Lei de Estranxeiría en vigor para protexer a Europa fortaleza do capital e a guerra, e continuarán despregadas as tropas españolas que por medio de 11 misións imperialistas garanten militarmente o espolio que os monopolios españois practican ao longo e largo do planeta.

Ninguén debe deixarse enganar pola política de xestos do novo Goberno. Esiximos a inmediata concesión de permiso permanente de residencia e traballo para todas as persoas a bordo do Aquarius; esiximos eses mesmos dereitos para o conxunto da poboación inmigrante no noso país á que se lle nega todo tipo de permiso, condenándoa á marxinalidade; esiximos o acceso á atención sanitaria sen ningún tipo de restrición; esiximos o peche inmediato dos Centros de Internamento e a derrogación da Lei de Estranxeiría; esiximos o pleno respecto do dereito de asilo, o fin das devolucións en quente e a retirada dos valos de Ceuta e Melilla; esiximos a retirada das tropas españolas en misión imperialista.

Ningún Goberno capitalista respectará os dereitos humanos. Ninguén debe deixarse confundir pola política de xestos do novo Goberno.

Proletarios de todos os países, unídevos!

Buró Político do PCPE
11 de xuño, 2018