A Nakba: algo máis que unha inxustiza.


O pobo palestino é un pobo orgulloso e cunha capacidade de resistencia e loita dificilmente superable. O seu destino queda selado cunha data, o 15 de maio de 1948. É difícil que os máis de 7 millóns de refuxiados palestinos que hai no mundo poidan esquecer o que pasou daquela.

A Palestina histórica en 1948 estaba baixo mandato británico, dominio colonial, ao fin e ao cabo. Logo da 2ª Guerra Mundial e “condicionados” polo holocausto xudeu, iranse sucedendo os acontecementos. A ONU e a súa Asemblea Xeral, xunto a Gran Bretaña, deciden repartir o territorio palestino e conceder ao inexistente Israel o 56% do territorio. O mandato británico remataba na medianoite do 14 de maio de 1948, é nese preciso momento cando o Consello do Pobo Xudeu proclama a independencia do Estado xudeu de Israel. Para estes, momento de xúbilo, para Palestina, o día seguinte será a catástrofe, en árabe, a Nakba. A partir de aí, 400 pobos arrasados e máis de 700.000 persoas expulsadas das súas casas. O pobo palestino padecerá 70 anos de desterro e vexacións. Unha limpeza étnica ante a cal ningún ser humano pode permanecer indiferente. Preguntámonos todos se isto é un proceso exclusivamente de posguerra.

A expulsión de árabes de Palestina afunde as súas raíces nos finais do XIX, nun contexto de auxe nacionalista no que certos sectores do xudaísmo comezan asumir o sionismo como ideoloxía propia. O sionismo, segundo os seus defensores, formulaba unha “solución” para séculos de antisemitismo. Este nacionalismo fomentará a colonización de Palestina, o desprazamento forzado de árabes e ten a Declaración Balfour de 1917 como grande apoio internacional.

James Balfour, líder da comunidade sionista británica, era ministro de Asuntos Exteriores do Reino Unido, xustamente o Imperio que controlaría Palestina logo de 1918.
Creáranse as condicións perfectas para impulsar a colonización sionista, pouco importaba que a poboación árabe fose maioritaria antes do 48. Mesmo así, xustifícanse dicindo que os árabes “marcharon” de xeito voluntario e por ondadas, obviando a violencia e o acoso que exercían organizacións armadas como a Hagana desde comezos do XX.

O argumentario de Israel para xustificar a Nakba é que todo ten a súa orixe no antisemitismo e o Holocausto xudeu despois da guerra e que a saída de palestinos foi voluntaria e de acordo ao dereito internacional. A realidade nega esta versión, o plan colonial sionista é moi anterior a 1948 e moito máis agresivo do que conta Israel nos seus libros de historia ou declaracións diplomáticas.
Logo do 48, guerras, intifadas, asentamentos, un muro, millóns de refuxiados e milleiros de mortes lembran cada día o que para moitos é algo máis que unha inxustiza. Israel somete Palestina a unha limpeza étnica constante e sáltase constantemente o dereito internacional, as resolucións da Asemblea Xeral e do Consello de Seguridade da ONU, os acordos de Paz e toda lóxica humanitaria. Un apartheid planificado que, a diferenza doutros como o surafricano, é bastante máis sutil e sofisticado a nivel mediático e de argumentario.

En medio deste conflito, que semella inesgotable, a administración Trump decide hai meses botar gasolina ao lume trasladando a embaixada estadounidense de Tel-Aviv (capital de Israel) a Xerusalén. Faino un día especialmente simbólico, adiviñan cal? Si, xusto o día do 70 aniversario da fundación de Israel, o 14 de maio. Un xesto simbólico, cheo de humillación para o pobo palestino, que seguiu impulsando a sangría, son decenas as mortes palestinas desde o 14 de maio.

Cantas humillacións sufriu Palestina como pobo en 70 anos? Centos. Sería a mesma a actitude da opinión internacional se fose contra outro pobo e con outros actores? Seguramente, non. Nos escandalizariamos facilmente. Resistiría ese pobo coa mesma determinación e coraxe? Se cadra, mais nunca o saberemos. O que está claro é que cada pedra palestina está cargada de algo máis que facilmente podemos identificar, calquera xeólogo analizará materiais. Mais todo ser humano digno de chamarse como tal saberá que cada pedra pesa carraxe, xustiza e a memoria da Nakba.

Álvaro Luque

Fonte: Novo Rumbo nº9