Ir a modo, mais seguros ante un novo ciclo de loita estudantil.

O 8 de maio continúa a loita pola educación pública!

O 6 de marzo, o PSOE anunciaba a súa retirada da subcomisión de negociación do Pacto Educativo, pola negativa do goberno a subir a porcentaxe de financiamento. Apenas un día máis tarde, seguíao na súa decisión PODEMOS, que acompañaba a súa saída cun chamamento á mobilización educativa. Morría un pacto do cal, desde a súa conformación en 2017, moi pouco podía esperar a comunidade educativa: as súas marxes foron sempre as sinaladas pola Estratexia Educación e Formación 2020, é dicir, os plans de privatización que, desde hai anos veñen marcados por Bruxelas.

E mesmo sobre esa base, a subcomisión foi aprazando, unha e outra vez durante os últimos meses, a resolución definitiva dos debates, o que significou na práctica, un ano máis desa lei á que centos de miles de estudantes, traballadores, pais e nais xa dixemos que non queriamos nin en pintura. O escenario que resulta agora é complexo e cheo de interrogantes. Co Pacto en vía morta, o único seguro é que seguirá a se aplicar a LOMCE. Por todo isto, pola aplicación dunha lei amplamente rexeitada, por un Pacto que tivo en todo momento unha vontade privatizadora e que se realizou sempre de costas á comunidade educativa, a Plataforma Estatal pola Escola Pública convocou mobilizacións en todo o país para o día 8 de maio.

Razóns para a mobilización, hai de sobra. Pero hai obxectivos? O certo é que pedir a derrogación da LOMCE non soluciona a situación educativa. Calquera lei ou pacto educativo que siga cumprindo o camiño trazado pola UE implica maior control directo da educación polas empresas, encarecemento dos prezos, explotación encuberta baixo a forma de “prácticas formativas”, etc. Os estudantes debemos ter unha proposta propia e independente, que naza das necesidades obxectivas da maioría, o que marca inevitablemente unha ruptura co sistema capitalista e impón a tarefa de loitar por que a educación se constrúa sobre a base dos intereses do pobo traballador e non dos monopolios.

Dicía Marx que nas revolucións proletarias, o contido desbordaría a frase, e di o refraneiro español que “a modiño, chégase antes”. Os estudantes debemos rachar coa mobilización feita en base á política da frase electoralista, dos intereses dun ou doutro que nos “chama” desde fóra á mobilización. Debemos rachar coa mobilización feita en base aos ritmos parlamentarios, resistencialistas, de saír á rúa só cando se aproban medidas privatizadoras, case por “cumprir a papeleta”. Fronte a iso, encher de contido propio a nosa loita, confiar nas nosas propias forzas, ir a modo, mais seguros: aumentando a organización nos centros de estudo, colocando os ritmos de loita en base á nosa propia planificación, encadrando a nosa loita desde unha perspectiva de clase, loitando diariamente na base, gañando cada día espazo para un país que xa bocexa.

Este é o momento de organizar a ofensiva, de recoller o relevo da loita dos pensionistas, do 8M, dos traballadores de Amazon… e iniciar un ciclo de mobilización educativa que desenvolva o recuperado impulso de loita e que desemboque nunha ampla folga a comezos do vindeiro curso. A seguinte data sinalada antes do 8 será o Primeiro de Maio, no que os estudantes sairemos á rúa coa convicción de que os dereitos da clase obreira e a construción da nosa educación teñen unha beira común: ese país para a clase obreira.

Fonte: Novo Rumbo #8