Entrevista ao Secretario de MOS do Partido Comunista.


Ofrecemos a continuación esta entrevista con Severino Menéndez, Secretario de Movemento Obreiro e Sindical do CC do PCPE, publicada por Novo Rumbo o pasado mes de abril, en vésperas do 1º de Maio. Malia ter pasado xa esta mobilización, consideramos que o texto ten un enorme interese e plena actualidade. Sitúa con grande claridade unhas orientacións fundamentais para o traballo da militancia comunista no movemento obreiro e sindical na presente conxuntura marcada polo auxe de loitas obreiras e populares, mais tamén pola intensificación do perigo de guerra e polos retrocesos nas liberdades “democráticas”. Sen dúbida, a aplicación das orientacións sinaladas nesta entrevista suporá un avance decisivo na construción do Partido necesario para edificar un país para a clase obreira.

“Só a resposta dunha demostración de unidade e forza na loita, que representa a Folga Xeral, será capaz de situarnos en condicións de vitorias concretas”

Ante a proximidade do 1º Maio, Novo Rumbo entrevistou a Severino Menéndez, secretario de Movemento Obreiro e Sindical do Comité Central do PCPE, con quen abordamos as principais liñas de traballo do PCPE na materia e as claves dende as que aborda o actual período de loitas obreiras.

Novo Rumbo: Parece que estamos a vivir uns tempos de moita mobilización obreira e popular: folgas, mobilizacións de pensionistas, o 8 de Marzo. Como valoras esta situación?

Severino Menéndez: Marzo e abril foron dous meses de importantes mobilizacións, con manifestacións multitudinarias en defensa do dereito a unhas pensións dignas, e onde a histórica xornada do Día da Muller Traballadora logrou levantar un clamor pola igualdade e a liberación da muller que abre unha inmensa oportunidade para superar xa definitivamente o testemuñalismo en que se convertera o 8 de marzo e elevalo a un punto no ano que sexa o froito da loita diaria dos homes e mulleres da clase obreira que nos queremos libres e iguais.

Meses de loita, dicía, que entendemos abren un período de resposta da clase obreira e os sectores populares ante tantas agresións, como recentemente sinalaba unha resolución do noso Buró Político. Un ciclo de esperanza que precisa dun traballo a conciencia para construír e manter unha resposta unitaria e firme. Un ciclo que, á par das posibilidades de vitorias tras as bandeiras reivindicativas da recuperación e conquista de novos dereitos, debe servir tamén para crear as condicións e sentar as bases dun potente movemento obreiro organizado e á ofensiva.

NR: Pero toda mobilización está exposta a perigos, verdade?

SM: En primeiro lugar creo que debemos resaltar que, tras o tipo de mobilizacións de carácter interclasista que supuxo o movemento do 15M, que no seu transfondo mantiñan posicións antisindicais e antipartidos, confiándoo todo a que co simple feito de expresar a indignación sería suficiente para cambiar o panorama, hoxe situámonos ante mobilizacións de carácter netamente de clase. Estas mobilizacións son por tanto un avance con respecto á inconsistencia daquelas mobilizacións ás que tanto podía asistir o explotador como o explotado. Parece que a clase obreira volve ocupar o lugar que lle corresponde na parte central do escenario político e coas súas propias reivindicacións. Naquel momento o noso Partido expresou con total claridade os riscos daquel tipo de mobilización.

Hoxe, tras terse configurado un tipo de mobilización e reivindicacións netamente de clase, os riscos son outros. Por unha banda, que se poida romper a unidade na loita co que iso suporía de perda de forza, e por outro a manipulación por parte daqueles que pretenden que o confiemos todo á fronte electoral e ven estas mobilizacións como unha oportunidade para facer a súa propia campaña.

NR: Na resolución do Buró Político que mencionabas antes propóñense uns obxectivos para o 1º de Maio. Cres que este 1º de Maio haberá unha ampla mobilización?

SM: Haberaa, e sobre todo necesitámola, ampla e masiva como as mobilizacións das que antes falamos. Un 1º de Maio que encha as rúas e que desterre ideas falsas das mentes dos traballadores e traballadoras sobre a inevitabilidade das medidas antiobreiras ou da imposibilidade de conquistar dereitos mediante a loita.

Necesítase un 1º de Maio que visualice que a loita é a única forma de conquistar e manter os nosos dereitos, e sobre todo necesítase un 1º de maio que sexa un clamor onde conflúan as reivindicacións máis sentidas pola nosa clase xunto ás loitas obreiras das empresas onde hoxe estase combatendo contra os ERE, contra os abusos da patronal, pola mellora do convenio, etc.

Unhas reivindicacións básicas que nós situamos con claridade en:
  • Derrogación inmediata das reformas laborais e da reforma das pensións.
  • Fin de toda discriminación laboral e da fenda salarial: a igual traballo igual salario.
  • Subida das pensións nos mesmos termos que soben os salarios de policías e gardas civís
  • Eliminación dos contratos en prácticas e formativos, así como do Plan de Garantía Xuvenil.
Un 1º de Maio onde a clase obreira do noso país volvamos falar de Folga Xeral e onde os sindicatos recollan esa luva, incrementando a mobilización para preparala con garantías de éxito e de continuidade na loita sostida até conseguir reverter os retrocesos en dereitos de tanta reforma e contrarreforma laboral, das pensións, da sanidade, a educación, etc., o que sería un punto de inflexión na dinámica da loita de clases no noso país e abriría un novo ciclo.

NR: Fai falta unha Folga Xeral?

SM: Sen dúbida a convocatoria e organización dunha Folga Xeral ao redor dunhas reivindicacións claras é, atreveríame a dicir, imprescindíbel.

Cada día que pasa o Goberno mantense na cerrazón absoluta a calquera tipo de cesión ás xustas esixencias da clase obreira e os sectores populares. Só a resposta dunha demostración de unidade e forza na loita, que representa a Folga Xeral, será capaz de situarnos en condicións de vitorias concretas para hoxe, pero tamén para o día de mañá onde, con outros gobernos de supostas latitudes ideolóxicas distintas ao actual, se pretenda seguir gobernando ao ditado dos intereses dos monopolios e o gran capital.


NR: Como valoras o actual panorama sindical en España?

SM: Existe un movemento sindical de clase bastante fracturado no organizativo, cunhas organizacións sindicais maioritarias, CC.OO. e UXT, con presenza en todo o Estado e outras de carácter nacionalista como CIG, ELA ou LAB, que coexisten con outras organizacións que, malia a súa menor implantación, posúen forzas organizadas en importantes empresas e sectores da produción. Para nós o desexábel sería a existencia dunha única Confederación Sindical, pero somos conscientes de que a actual situación é froito do propio desenvolvemento histórico do movemento sindical no noso país e de que existen hoxe bases obxectivas para que ese modelo plurisindical siga existindo.

Por outra banda, o que si nos xera preocupación é como esa pluralidade de organizacións sindicais conviven no interior das empresas e sectores produtivos.

Nós temos a nosa propia visión, como dicía antes, pero entendemos e respectamos as discrepancias existentes que configuraron un movemento sindical de clase con tantas expresións organizativas. Son discrepancias variadas, ás veces sobre a táctica e outras sobre a estratexia ou sobre o alcance que ha de ter a propia acción sindical. A iso debemos sumar ademais as realidades políticas que xorden dos feitos nacionais e que teñen a súa translación directa ao movemento sindical.

Dito isto, o que si consideramos é que é un feito incontestábel que, naquelas empresas e centros de traballo onde existe unha colaboración e coordinación leal e sincera entre as seccións sindicais, nos comités de empresa e xuntas de persoal, antepondo os intereses do conxunto dos traballadores e traballadoras, é onde con maior frecuencia se conseguen vitorias. Onde a unidade de acción sindical non é a tónica, as consecuencias son outras.

É por iso que desde o PCPE mostramos sempre a nosa colaboración e pomos todo o noso empeño para que o conxunto do movemento sindical de clase levante a máis ampla unidade de acción a todos os niveis, dende o respecto á independencia orgánica de cada sindicato. E é no marco dese espírito no que nos diriximos a finais de marzo ao conxunto de sindicatos de clase coa “Carta ao movemento sindical: ‘Por un 1º de maio unitario’” que se pode ler na nosa páxina web.

NR: Cal é a orientación do PCPE no traballo sindical?

SM: O noso Partido traballa dende o interior dos sindicatos de clase para fortalecer un movemento sindical de clase, unitario e sociopolítico. Que beba directamente das fontes do mellor sindicalismo reivindicativo que, en máis dunha ocasión, obrigou a dobrar o xeonllo ao fascismo en España, arrincándolle conquistas como a da negociación colectiva.

Un movemento sindical independente do poder político burgués e afastado de conceptos alleos aos intereses da clase obreira como son o de Pacto Social, Competitividade, produtividade ou paz social.

Un movemento sindical de confrontación aberta e sen concesións, e que estea disposto a organizar o novo ciclo de loitas obreiras dende un compromiso para derrotar a política reaccionaria e para recuperar os dereitos perdidos.

NR: Pódesnos comentar en que consiste ese “xiro obreiro” do que vides falando nos vosos documentos?

SM: A nosa consigna principal nestes momentos é “Por un país para a clase obreira”, o que significa que todos os nosos esforzos se dirixen a preparar as condicións para o asalto ao poder, para implantar en España a ditadura do proletariado, o que implica o derrocamento e a destrución do Estado burgués.

Para alcanzar ese obxectivo é necesario  estender a influencia e organización do Partido no seo da clase obreira, facer bandeira da independencia de clase e conectar a loita pola defensa das condicións de vida e traballo coa loita polo derrocamento do capitalismo e pola construción da nova sociedade socialista-comunista. No XI Congreso debatemos en profundidade sobre como facelo e acordamos que todo o traballo do Partido débese orientar nesa dirección, nun proceso que denominamos “xiro obreiro” e que se artella en varias liñas de traballo, contando cunha dimensión estratéxica e outra táctica.

O xiro obreiro ten unha dimensión estratéxica, na medida en que partimos de que a clase obreira é a única clase autenticamente revolucionaria. A dimensión táctica do xiro obreiro parte do recoñecemento da influencia aínda limitada do Partido no seo da clase obreira.

O xiro obreiro implica un traballo metódico no plano ideolóxico, para estender entre a clase obreira as posicións do socialismo científico fronte á actual hexemonía ideolóxica da burguesía. Tamén no plano político, para desvelar o carácter de clase de cada medida gobernamental e das diferentes propostas do resto de forzas políticas, elaborando as posicións políticas do Partido desde o punto de vista dos intereses da clase obreira. E no plano organizativo, para que o Partido estea presente nos centros de traballo e nos sectores produtivos determinantes, facendo das células de centro de traballo organizacións de combate da clase obreira revolucionaria.

Por tanto, o xiro obreiro consiste en loitar pola independencia ideolóxica, política e organizativa da clase obreira, para o que tamén é fundamental que a militancia comunista estea envorcada na intervención no movemento sindical, organizando a loita da clase obreira en defensa das súas condicións laborais e elevando a loita económica a loita política, elevando a loita de clases espontánea a loita de clases consciente.


NR: No terreo práctico inmediato, a organización do Partido nos centros de traballo é unha tarefa difícil, como pensades levala a cabo?

SM: Sen dúbida non é unha tarefa sinxela e non existe unha fórmula precisa, pero partimos en primeiro lugar da análise ideolóxica, da nosa razón de ser como comunistas e das necesidades organizativas que iso require. Por tanto, a primeira medida xa se levou a cabo cando o X Congreso aprobou o “xiro obreiro” e cando, pouco despois, o XI Congreso (Extraordinario) decidiu acabar para sempre coa retórica das análises do papel que o aguanta todo e pasar a pór no centro do noso accionar político a creación e consolidación de estruturas celulares do Partido nos centros de traballo.

Neste momento a prioridade do Partido é, á vez que seguimos na loita diaria, converter esa loita en acumulación de forzas da clase obreira que teña a súa expresión práctica e duradeira no reforzamento do Partido Comunista nos lugares de onde xorde a explotación capitalista. Os diferentes Comités territoriais e todas as células do Partido, tras a análise dos sectores e empresas definidas como estratéxicos nesta primeira etapa, traballan para facer realidade unha estrutura que se sustente principalmente nos centros de traballo.

Será necesario para iso despregar todas as nosas capacidades e pór a disposición do obxectivo todos os recursos cos que contamos, porque non estamos a falar dunha mera campaña puntual no tempo, senón de cambiar o paradigma organizativo dunha estrutura que até agora se asentaba fundamentalmente sobre o territorio e que agora pretende pór a énfase no desenvolvemento do Partido sobre a base das células de empresa.

Todo iso require da militancia do Partido asumir a concreción dunha intensa acción de contacto con milleiros de traballadoras e traballadores que reúnen as condicións para ser membros do PCPE, explicándolles que a súa adhesión ás filas partidarias é esencial para o seu reforzamento e, con el, para o incremento da forza da clase obreira.

Unha acción intensa de toda a militancia, asentada en plans de traballo concretados sobre o terreo, reforzando as capacidades de dirección nas organizacións partidarias e promocionando cadros e designándoos aos labores concretos de acompañamento na creación de células de empresa. Todo iso, á vez que se incorpora a toda a militancia organizada nas empresas á vida partidaria.

NR: Pero por que organizarse nas empresas e non nos barrios?

SM: A organización política en base ao lugar de residencia dos militantes non se menoscaba coa nosa forte aposta por multiplicar a nosa presenza nos centros de traballo. Son ámbitos complementarios da organización de tipo leninista, pero o esencial é estar presentes nas empresas.

A patronal conseguiu no seu día, grazas á represión, pero fundamentalmente grazas á loita ideolóxica, que as organizacións políticas da esquerda fosen retrocedendo até practicamente desaparecer do interior das empresas. Desde entón parecía que a única expresión política que debese ter a clase obreira debía ser a do lugar de residencia, circunscribindo a loita política ás estreitas marxes do electoralismo municipal, autonómico ou estatal. Deixábase en exclusiva ao sindicalismo a articulación dentro das empresas. E digo que foi unha dura loita ideolóxica que nos gañaron porque esa exclusividade da loita sindical, con ser imprescindíbel e insubstituíbel non pode converterse na única razón de forza da clase obreira nas empresas.

Nós consideramos que o poder obreiro só é verdadeiro poder se se asenta nas raíces mesmas da produción. Nós, que todo o producimos, non decidimos nin como, nin cando, nin canto, nin onde, nin con quen, nin que repartición se fai, xa non só da produción, senón da riqueza que se xera co noso traballo e que nos é expropiada día a día en forma de plusvalía polos propietarios dos medios de produción.

E é que as reivindicacións globais da clase obreira non son en exclusiva as reivindicacións de salarios e condicións de traballo que realizan os sindicatos e que, volvo repetir, son insubstituíbeis. Pero para todas esas reivindicacións que se saen do ámbito simplemente económico, e tamén para consolidar as reivindicacións económicas e elevar o nivel da loita cara a obxectivos superiores, é igual de insubstituíbel a presenza do Partido Comunista dentro das empresas.

Debemos ter en conta que hoxe en día, igual que sempre, quen mantén unha forza estábel dentro do marco do movemento obreiro convértese na opción política decisiva que é capaz de romper os estreitos muros do electoralismo e situarse en condicións de cambio real. De non disputar esa batalla no terreo onde se dá, estariamos castrando a posibilidade da consecución dos obxectivos políticos estratéxicos dos e das comunistas. A toma do poder político sen a base do poder obreiro sobre os sectores produtivos é unha entelequia que xamais conseguiría levar á clase obreira ao poder real e por tanto faría inviábel a construción do socialismo-comunismo.