Eleccións sindicais en McDonald´s Ourense.


En primeiro lugar temos que sinalar que nestas últimas semanas os traballadores e traballadoras de DAMA OURENSE SL (franquicia de McDonald’s) están de noraboa posto que conseguiron a maioría de delegados sindicais por parte da CIG, dende o Partido Comunista mandamos o conxunto da plantilla unha fraternal aperta e as nosas felicitacións, xa que non nos cabe dúbida de que os delegados sindicais escollidos non permitirán nin un só ataque aos traballadores e que defenderán os seus intereses sempre desde unha posición clasista e serán un muro de resistencia infranqueábel para a patronal e os seus lacaios.

En segundo lugar temos que informar ao conxunto das clases traballadoras de todo Ourense que estas eleccións sindicais son a decisión que toman os traballadores para defenderse dos múltiples ataques cara toda a plantilla producidas en DAMA OURENSE por parte do empresario Esteban Cuesta Martín (único administrador de DAMA OURENSE). Tal e como veñen denunciando os propios traballadores conviven diariamente con presións, ameazas, coaccións, provocacións…[1] e cunhas eleccións sindicais que, por suposto, o empresario tratou de boicotear e malograr, pero que non chegou a conseguir.

Esta situación é froito do conflito de intereses de clase que se produce dentro da empresa, o cal leva ao empresario a intentar evitar que exista unha posición independente dentro da clase traballadora que se preocupe por defender os intereses das propias traballadoras e que os empresarios non poidan exercer a súa explotación con total impunidade, os intereses de clase son irreconciliábeis. Fronte a isto, os traballadores xa están comezando a tomar medidas dende o minuto un no que comezaron a organizarse. Só desde a loita e a organización poden acadarse vitorias, a unidade é a nosa principal arma. A clase obreira debemos artellar mecanismos de solidariedade entre o conxunto de todos os traballadores e traballadoras que nos permitan plantarlle cara aos ataques constantes dos empresarios ou da patronal no seu conxunto, e os traballadores de DAMA OURENSE, coma outros tantos no conxunto do estado están comezando a marcarnos o camiño.

Os traballadores de DAMA OURENSE son exemplo de coraxe de clase e contan con todo o apoio do noso Partido e por iso pedimos tamén o apoio do conxunto da clase obreira de Ourense e a difusión deste conflito, para que a patronal saiba, que ningún traballador ou traballadora está soa na loita. Por último expresar tamén a nosa solidariedade cos familiares dos e das traballadoras. A avaricia e o egoísmo dunha soa persoa conleva o sufrimento de moitas, iso é o capitalismo.

Solidariedades cos traballadores e traballadoras represaliadas!
Adiante a loita da clase obreira!
Nin un paso atrás!