Declaración do Buró Político do PCPE ante a actualidade política.



O Partido Comunista dos Pobos de España segue con atención os acontecementos que se suceden no país, onde está en marcha un proceso de reorganización do sistema político burgués no marco do cal deben ser analizados os importantes acontecementos dos últimos días e a moción de censura anunciada polo PSOE.

A detención de Eduardo Zaplana e doutras persoas vencelladas política e empresarialmente co Partido Popular do País Valenciano, acusados de branqueo de capitais procedentes do cobro ilegal de comisións pola adxudicación de obras públicas, pon de novo en evidencia o entramado organizado no seu día arredor da construción e a obra pública, no cal sectores patronais e políticos a soldo utilizaron o noso solo e o noso patrimonio medioambiental para lucrarse a costa da destrución do país, do diñeiro público e do padecemento do pobo.

Á vez, a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado para o exercicio 2018, co apoio de Cidadáns, PNV, Coalición Canaria, Unión do Pobo Navarro, Nova Canarias e Foro Asturias, permite que a burguesía conte coa estabilidade necesaria para continuar incrementando os seus beneficios, saqueando o país e intensificando a explotación e o sufrimento das maiorías populares.

As forzas políticas burguesas que apoiaron os Orzamentos do Goberno do Partido Popular representan distintos sectores da burguesía que, defendendo os intereses dunha mesma clase social, demostran a súa capacidade para repartirse o orzamento público por riba de diferenzas puntuais. O caso do PNV, sostendo os Orzamentos, co artigo 155 da Constitución vixente en Cataluña, é o mellor exemplo de que a política burguesa se move en todo momento polos intereses económicos da clase social á que sirve.

A publicación da Sentenza Nº 20/2018 da Audiencia Nacional, no coñecido como caso Gürtel, confirmando o que o pobo coñecía sobradamente, actúa como combustible para un cambio nas formas de dominación que leva desenvolvéndose hai tempo, situando o Goberno de Mariano Rajoy nunha posición de debilidade e acentuando a grave crise do Partido Popular. Mais dáse a coñecer tras a aprobación dos Orzamentos Xerais, facilitando así a súa aprobación e que os cambios no marco político se leven a cabo mantendo intactos os intereses económicos da burguesía.

As últimas enquisas publicadas confirman que, tal e como vén sostendo o noso Partido desde hai tempo, o vello bipartidismo foi substituído por un eixe na dereita (representado polo PP e Cidadáns) e por un eixe na esquerda (representado polo PSOE e Podemos), existindo unha intensa disputa no seo de cada un deles para determinar que forza é hexemónica e tamén entre ambos os eixes, sen descartar outras posibilidades transaccionais entre ambos os polos como a que puidese representar un acordo entre PSOE e Cidadáns. Estes cambios, ao mesmo tempo que permiten atrapar o pobo traballador en falsos debates, dotan o sistema político dunha enorme flexibilidade para afrontar as novas convulsións económicas e sociais que están por vir. Os dous eixes políticos sobre os que se articula o debate parlamentario discrepan nos matices, nas formas de xestión, mais están ferreamente unidos na defensa do capitalismo, na defensa da explotación que sofren a clase obreira e as grandes maiorías populares.

A cuestión esencial a resolver non é se o capitalismo é xestionado por un ou outro polo, senón se o sistema capitalista debe ou non ser superado. A disputa parlamentaria entre forzas defensoras do sistema burgués non resolverá ningún dos nosos problemas. Con independencia do resultado da moción de censura anunciada polo PSOE ou das forzas que a poidan apoiar, a explotación continuará e intensificarase, xa que nos laboratorios da clase dominante prepáranse novas medidas antiobreiras e antipopulares para que unha ínfima minoría continúe acumulando riquezas a costa do noso traballo e do noso sufrimento.

A intensificación da loita obreira dos últimos meses debe continuar, pois é o único camiño seguro para defender os nosos dereitos e para a conquista de novas posicións. Só a loita independente dos traballadores e traballadoras no organizativo, no político e no ideolóxico dará resultados. Ninguén debe deixarse arrastrar polas forzas burguesas, ninguén debe loitar baixo bandeiras alleas.

Chamamos a intensificar a loita sindical na perspectiva da Folga Xeral, con independencia do que poida suceder no marco parlamentario e de quen represente o poder dos capitalistas. Chamamos os traballadores e as traballadoras a soster masivamente as convocatorias sindicais e  dotalas de contundencia e perspectiva política.

Chamamos a politizar todas as loitas, a fortalecer as posicións da clase obreira, á organización combativa da clase obreira nos sindicatos e no Partido Comunista. Non é tempo de conciliación, senón de intensificar a loita de clases ante os acontecementos que están por vir.

Por un país para a clase obreira!

Buró Político do PCPE.
25 de maio de 2018.


Tradución: Revista FORXA