Róubannos 3 millóns de horas extra á semana!

Segundo a última Enquisa de Poboación Activa, durante o ano 2017 realizáronse de media uns 5,8 millóns de horas extra semanais, un 1% máis que en 2016, das cales a patronal non paga o 46,9%.

A última Enquisa de Poboación Activa publicada polo INE vén confirmar o que xa sabiamos: os empresarios remontan a crise a conta de intensificar a explotación da clase obreira. Xunto aos alarmantes datos que confirman o empobrecemento masivo da poboación traballadora, como o feito de que máis de 1.210.300 millóns de fogares teñan a todos os seus membros activos en paro, ou que 1,2 millóns de traballadores carezan de calquera tipo de ingreso, a última EPA confirma o roubo masivo de horas extraordinarias por parte da patronal.
O empeoramento xeralizado das condicións laborais leva a que a clase obreira se vexa obrigada a realizar forzosamente horas extraordinarias, restando tempo ao descanso, ao lecer, á cultura ou á contorna familiar. As empresas aumentan a xornada laboral e, ademais, en case a metade dos casos computados —que nin de lonxe son todos—, nin sequera pagan por iso. Por tanto, traballadoras e traballadores vense obrigados a prestar servizos gratuitamente para o empresario durante un número de horas semanais, intensificándose a explotación no que seguramente sexa o máis claro exemplo de escravitude asalariada.
A perda de poder adquisitivo dos salarios, as elevadas taxas de paro, a xeralización da contratación temporal e/ou a tempo parcial —na súa inmensa maioría fraudulentos — e o brutal abaratamento do despedimento, fan que as horas extraordinarias se convertan en forzosas para o traballador. Pola contra, xa se sabe onde ten a porta da rúa. A patronal sabe que conta cun inmenso exército de reserva composto por millóns de parados para substituír a quen se negue a traballar gratis unhas horas semanais.
O roubo a man armada non se limita directamente aos salarios. As horas extra non pagadas tamén son horas non cotizadas, por tanto, o asalto a man armada tradúcese a posteriori a todas as prestacións da Seguridade Social. Claro, logo sempre haberá algún Ministro disposto a propor que se alargue a idade de xubilación… até os 70 anos!, argumentando a quebra da caixa da Seguridade Social.
Levamos máis de dez anos escoitando que, cando se saíra da crise, recuperariamos os nosos dereitos. Agora, ante a falsidade evidente do argumento, escoitamos aos ilustrados tertulianos, que contan aínda con horas semanais para defender ao capitalismo nos platós das horas extras que nos rouban, que, por desgraza!, nunha crise o emprego é o primeiro en resentirse e o último en recuperarse. Ou sexa, que a clase obreira é a primeira que leva os paus e a última en deixar de levalos. Menten de novo, non só seguiremos levando paus, senón que cada vez serán peores.
A única forma de frear esta tendencia é a organización e a loita nos centros de traballo. Ante un inimigo poderoso, como a patronal, que conta ademais co apoio de todo o Estado, só a nosa organización sindical e política pode pór freo á intensificación da escravitude asalariada. Non debemos perder un minuto, ou cada vez roubaránnos máis horas. Non esperemos á última EPA de 2018 para pasar á ofensiva.
Raúl Martínez
[Novo Rumbo #6]