Falemos da corrupción, pero fagámolo ben.


Camps, Marjaliza, o puyólico 3%, o caso Gürtel, a operación Lezo, os cartóns Black, Bárcenas, M. Rajoy, “o compi yogui da Leti”, o exministro Soria, Rodrigo Rato e unha verdadeiramente interminábel sucesión de (presuntos) corruptos apíñanse día tras día, durante anos, nas nosas televisións, copan horas de radio, enchen as páxinas dos xornais e protagonizan conversacións indignadas en bares, centros de traballo e ceas familiares.

Estes días o lamentábel show mediático o protagonizan os escándalos de financiación do PP. Polos tribunais desfilan unha e outra vez “os bigotes”, Costa e un sinfín de empresarios, políticos e funcionarios públicos que saquearon os nosos petos no seu beneficio.

Por suposto, o cabreo, a indignación e a rabia que sentimos os traballadores e traballadoras é perfectamente lexítima, pero se nos deixamos levar polo espectáculo mediático corremos o risco de esquecer algo importante: ese saqueo xeralizado que padece a clase obreira e o conxunto dos sectores populares nin empeza nin acaba coa corrupción. Dise, con razón, que detrás de cada político corrupto hai un empresario que se beneficia. Esa é unha lección importante. O capitalismo está indisolubelmente unido á corrupción, que xogou, sempre, un papel relevante, aínda que non o fundamental, na explotación á que a burguesía somete á clase obreira.

Non deixa de chamar a atención a enorme cantidade de espazo que a prensa dedica diariamente á corrupción: titulares efectistas, editoriais convertidos en tribunais de moralidade, xornalistas estrela que se fan un nome co “minuto a minuto”… A corrupción, xa de por si un espectáculo bochornoso, convertida en carnaza para unha prensa amarela máis preocupada por ganar audiencia que por contar a verdade. E non é sorprendente que así sexa. Á fin e ao cabo os mal chamados medios de comunicación son, en definitiva, empresas capitalistas que, como tales, o único que buscan é o beneficio, á vez que crean e forman opinión pública.

E iso é o verdadeiramente perigoso. O tratamento capcioso que se fai da corrupción, convertida soamente nun asunto de moralidade individual, descarga de responsabilidade á burguesía pola situación dramática que vivimos a clase obreira neste país. Máis alá de que a cifra da corrupción sexa maior ou menor —sexa cal for, é insultante— a razón última da terríbel situación que padece a clase obreira non é esa, é o propio capitalismo.
O ano pasado, por situar un exemplo, a clase obreira realizou unha media de 6.100.000 horas extras cada semana, das cales 2,6 millóns non se pagaron (o 46%). Tendo en conta que o prezo da hora de traballo se sitúa nuns 14 euros (como afirma o Instituto Nacional de Estatística), o saldo resultante é que a burguesía lle roubou, só por horas extras non pagadas, 36.400.000 de euros á clase obreira por semana, ou, o que é o mesmo, 1.892.800.000 euros ao ano só por horas extras non pagas.

Falemos da corrupción, si, pero fagámolo con propiedade. Fuxamos da interpretación en clave moralista e, por iso mesmo, paralizante, que ofrecen os medios de comunicación. Falemos de corrupción pero entendéndoa en toda a súa profundidade, como un factor más —non o único— que forma parte indisolúbel do capitalismo. Falemos da corrupción non desde a rabia e a indignación individual de barra-de-bar, senón dende a voz colectiva que só dá a organización obreira nos nosos centros de traballo e estudo e nos nosos barrios.

Que non sexan as empresas de comunicación quen falen pola nosa Clase.

Armiche Carrillo


[Fonte: Novo Rumbo#6]